Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A investigación de Iria de Dios escollida como a mellor tese do ámbito español

O premio recibido inclúe a participación como conferenciante no novo simposio da SEL

Santiago. A tese da investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS, Iria de Dios Flores, foi escollido como o mellor traballo doutoral do ano 2021. A Sociedad Española de Lingüística (SEL), unha entidade científica e non lucrativa que agrupa a especialistas de todos os ámbitos da ciencia da linguaxe, foi o organismo que outorgou o premio, na clausura da quincuaxésima edición do Simposio e o IV Congreso da Sociedade, aprazado en 2021 e que se celebrou en Madrid.

O premio inclúe unha invitación para participar como conferenciante plenaria no próximo simposio do organismo, que acollerá a Universidade de Murcia do 24 ao 27 de xaneiro de 2023. O seu traballo, Processing long-distance dependencies: an experimental investigation of Grammatical Illusions in English and Spanish, pretende contribuir no entendemento dos mecanismos e arquitecturas utilizados polo sistema humano de procesamento da linguaxe (coñecido como parser) para procesar e comprender as relacións que se establecen entre os diferentes elementos dunha oración.

A investigadora do CiTIUS mostrouse “moi sorprendida e contenta” por recibir tal galardón. Ela destacou a enorme visibilidade que lle vai a outorgar este premio. Ademais, sinalou que “o feito de dar a conferencia plenaria o ano que vén non só é unha gran responsabilidade, senón que pode axudar a dar a coñecer o meu traballo e, en consecuencia, o dos meus colaboradores, grupos e centros de investigación nos que fixen a tese, e dos que agora formo parte”.

No tocante ao seu traballo, considerou que a mellor parte é “a miña propia evolución como científica, a transformación dende o meu perfil de partida como lingüista ata o que cheguei a alcanzar durante a tese, xa que non adoita ser moi frecuente nese ámbito”, aseverou.

A tese premiada xira ao redor da psicolingüística. Nese ámbito abordou distintos campos como a avaliación experimental‚ a creación de materiais lingüísticos‚ o tratamento de datos e o modelado estatístico. A investigadora explicou algunhas claves do seu traballo, sinlando que se centrou “no estudo de diferentes tipos de estruturas en inglés e castelán utilizando técnicas da psicoloxía experimental, como o rexistro de movementos oculares durante a lectura”, comentou Iria de Dios en referencia ao eye-tracking. redacción

29 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito