Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A loita continúa para a CIG e Paulo Carril, que revalida o seu liderado

Defende no seu VIII Congreso o mantemento da estratexia de mobilización na rúa que levou á formación a ser primeira forza sindical galega

A CIG celebrou hoxe o seu VIII Congreso, o primeiro como a forza sindical con máis representación en Galicia, “como xa o era en afiliación e en capacidade de mobilización”, resalta nun comunicado. Unha xornada de debate na que máis de 600 representantes actualizaron o modelo de organización e definiron as liñas de acción que guiarán o traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos. Tamén se reelixiu a Paulo Carril como secretario xeral, que recibiu xxx votos e renovou a súa Executiva confederal, respaldada por xxx sufraxios.

O Informe da Executiva saínte, no que se recolle o traballo nestes catro anos, foi referendado por 465 a favor, 1 en contra e 7 abstención. O relatorio de Organización foi aprobado por 405 votos a favor, 0 en contra e 3 abstencións e o de Acción Sindical recibiu 408 votos a favor, 2 en contra e 6 abstencións.

A nova Executiva Confederal queda conformada por Paulo Carril á cabeza, xunto a Susana Méndez; Paulo Rubido; Francisco González Sío; Antonio Mera; Lucía Freire; Miguel Malvido; Nicolasa Castro; Cristina Martínez Padín; Anxo Noceda; Renato Núñez da Silva; e Diana Rodríguez Regueira.

O VIII Congreso elixiu ademais a Comisión de Garantías, para a que tamén se presentou unha única candidatura, que foi referendada por xxx e que queda conformada por Birino Marcos Baamonde; Marta Dacosta; María Mar Peteira; Nieves Somoza López; Luis Burgos; e Xosé Ramón González Losada.

O congreso daba comezo as 9:30 horas coa votación do Regulamento, a intervención do secretario comarcal da CIG de Compostela, Pepe Maio e a visualización dun vídeo no que se fixo un percorrido pola acción sindical máis salientable dos últimos catro anos. As e os delegados asistentes dedicaron ademais un minuto de silencio en memoria do que foi secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco.

Ao longo de toda a mañá, sucedéronse as intervencións arredor dos textos de Organización e Acción Sindical, que se fixan como obxectivo poñer a punto o sindicato para consolidar a súa condición de primeira forza e enfrontar a crise económica, laboral e social afondada pola pandemia.

Antes de se iniciar as intervencións do acto de clausura, Margarida Corral, até o de agora secretaria das Mulleres da CIG, e Fran Cartelle, até o de agora secretario confederal de Emprego, recibían o aplauso unánime do Congreso en recoñecemento ao labor desenvolvido en todos estes anos como membros da Executiva Confederal e un agasallo de mans do secretario xeral, Paulo Carril.

Interviñeron ademais, en representación das máis de 20 organizacións sindicais internacionais asistentes, a secretaria xeral de LAB, Garbiñe Aranburu; o secretario xeral da Intersindical catalana, Sergi Perelló; o secretario xeral de ELA, Mitxel Lakuntza; o responsábel de Relacións Internacionais da CGTP, Joao Barreiros; o membro do secretariado do sindicato palestino PGFTU e Kasisa Sherif, responsable de Relacións Internacionais do sindicato saharauí UGT-Sario.

Discurso de peche

Paulo Carril, na súa condición de reelixido secretario xeral, pechou a cita congresual citando os tres principais obxectivos da CIG para os próximos catro anos: consolidar e ampliar a CIG como primeira forza sindical en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización; reforzar a organización sindical e ser referentes do feminismo de clase para transformar a realidade e reforzar a CIG para reforzar a loita pola soberanía nacional de Galiza afianzando o compromiso da central sindical co movemento nacionalista galego do que fai parte.

Carril debullou estes obxectivos logo de facer unha análise da situación económica, política, social e laboral nun contexto de crise afondada pola derivada da pandemia; denunciou as consecuencias das políticas neoliberais, que trouxeron “pobreza, desemprego e exclusión social, pero tamén o fascismo” que, asegurou, “ten así o seu caldo de cultivo”. Unha situación á que engadiu o “españolismo sen complexos, disfrazado de falsa progresía”.

Denunciou o papel desmobilizador do diálogo social e “por servir para xustificar os incumprimentos programáticos do Goberno e agochar a súa debilidade fronte á gran patronal. Por iso afeou o papel do sindicalismo español, ao que acusou de ter renunciado a “dar a batalla ideolóxica e política necesaria para contribuír a un cambio real do actual modelo económico e social”.

O recén reelixido secretario xeral alertou tamén de que todo o paquete de reformas para a reconstrución son medidas obrigadas para cumprir co Acordo do Fondo de Reactivación pola covid-19. “Un severo paquete de recortes do gasto público, a imposición de novas reformas –como a das pensións- así como a consolidación das anteriores”.

Dirixíndose ao Congreso, Carril subliñou a responsabilidade que ten a central sindical de “tomar iniciativas mobilizadoras” e recollendo a Resolución aprobada no Congreso de levar adiante as accións necesarias para iniciar unha intensa campaña que puidera rematar na convocatoria dunha folga xeral “de non darse avances” en reivindicacións como a dun verdadeiro plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra e a inmediata derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego.

Para isto fixo un chamamento a todos sindicatos para que, “se realmente se consideran dignos de tal, poñan na axenda tamén esta folga porque a loita é o único camiño”. Un chamado que “queremos que chegue a todos os centros de traballo, convencidos e convencidas de que os dereitos conquístanse con loita e mobilización”.

10 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.