Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

A maxestade dunha Catedral

Escritora

Santiago, segundo a tradición, está soterrado na catedral e é o patrón da nosa cidade. De igual maneira Santa Úrsula, segundo a tradición, está soterrada na catedral de Coloña e tamén é a patroa da cidade.

Aquí é un home, alá onde eu nacín é unha muller.

Parece que Santiago foi mellor protector da súa igrexa ca Santa Ursula da súa, porque a guerra mundial chegou á catedral alemá e os bombardeos provocaron nela graves danos, mentres que ningunha guerra nos tempos modernos chegou á catedral galega.

Pensabamos que estas guerras absurdas non se repetirían e espertamos unha mañá coa terrible nova da guerra en Ucraína.

Quizais porque este país non ten a protección dun Santiago?

Eu deixei Coloña cando era moza e xa vivo en Santiago desde hai 54 anos. Mesmo se pode dicir que Galicia se converteu na miña patria e aquí desenvolvín tódalas miñas actividades baixo a protección do noso Santo. Pero non me esquezo da cidade onde nacín nin da súa catedral, que non desmerece nada da de Santiago pola súa grandiosidade.

Estes monumentos imprégnanlles ás cidades un aire especial e iso vémolo ben nas caras dos peregrinos ó pisar a Praza do Obradoiro e arregalar os ollos ante tanta marabilla.

A maxestade dunha Catedral con tódolos seus símbolos non se describe con palabras e a nosa para moitos peregrinos e visitantes significa a fin e o comezo dunha nova etapa na vida. Tódolos días se debía festexar un 25 de xullo e sempre deberiamos ter a imaxe do monumento nos nosos pensamentos.

Non é unha cuestión de crer ou non, porque hai moita fantasía na mitoloxía relixiosa, é simplemente o desexo de seguir unha tradición e honrar o testemuño que nos foron deixando as xeracións que nos precederon.

A min en momentos delicados serviume de inspiración e deume forzas para coller novos ánimos e seguir adiante. Sentarme nun banco dentro da catedral, contemplar toda a súa maxestade e con sorte poder escoitar como o organista toca unha peza sacra no seu fantástico órgano chégame ó corazón, é unha experiencia única.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito