Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Gonzalo Caballero Secretario xeral do PSdeG

“A militancia é consciente de que o PSdeG está mellor que cando cheguei”

Estamos en vésperas dun día especial para Galicia. Este ano, coa presencia tamén de Pedro Sánchez.

Todos os 25 de xullo son un día de celebración para os galegos, nos que poñemos en común o noso compromiso, sentimento e paixón pola nosa terra. O socialismo galego é unha parte constituínte do noso país. Foi un elemento clave á hora de determinar o noso Estatuto de Autonomía hai 40 anos. Co Goberno progresista en España tomáronse medidas moi positivas para a cidadanía galega, como a subida do Salario Mínimo, o Ingreso Mínimo Vital, os ERTEs, a revalorizacón das pensións, e avanzou en demandas históricas como a rebaixa histórica da AP-9. A interlocución co presidente do Goberno é sempre positiva. Satisfácenos ver que este 25X ten previsto estar en Santiago.

Dende a Xunta din que Sánchez non estaba comprometido con Galicia nin co Xacobeo...

A realidade que viven os galegos é a dos recortes do PP. Entendo que os poderes conservadores en Galicia intenten desviar o centro do debate, pero a realidade é que cando lle preguntamos aos galegos polo que se preocupan atopámonos que o problema do emprego ocupa un papel fundamental, e que hai unha xeración de mozos que non atopan un porvir digno na nosa terra. O PP debería xestionar as súas competencias con máis eficacia en sanidade, políticas sociais, económico e industrial, en vez da queixa permanente coa que que intentan escudarse para non facerse responsables das súas eivas e debilidades.

Falaba da interlocución con Sánchez. Como vai o cumprimento dos compromisos con Galicia?

Sempre a todos nos gusta que as cousas se poidan facer máis rápido, pero o exemplo da AP-9 é significativo. O goberno de Aznar prorrogou a concesión ata 2048, e tivo que ser un goberno progresista o que mudase esa situación, cun compromiso que supón máis de 2.000 millóns de euros en rebaixas de peaxes. Tamén hai que poñer en valor que, fronte a un Feijóo que dicía que as obras do AVE non ían estar rematadas en 2021, agora todo o mundo recoñece, incluído el, que o Goberno de España fixo todos so investimentos para que chegue este ano. É o momento de recoñecer as cousas que avanzan, e tamén seguir desenvolvendo conexións ferroviarias, a saída sur, as intermodais e, sobre todo, as políticas sociais e económicas.

Os cambios no Goberno poden retrasar algúns compromisos?

O goberno ten una axenda de traballo intensa coa que vai cumplir, mantendo os seus compromisos. En Transportes é una satisfacción que Pardo de Vera, que garantiu que o AVE chegase en tempo a Galicia, colla agora máis responsabilidades á fronte do Ministerio. Tamén que Cancela ocupe a Secretaría de Estado de Cooperación Internacional.

Por onde debe ir a recuperación?

A pandemia parou o mundo, e estamos avanzando cara unha nova realidade. Hai que aproveitar a oportunidade dos fondos públicos para impulsar a modernización e transformación do noso modelo e da estrutura produtiva. A economía galega tivo nos últimos doce anos unha enorme dificultade para xerar emprego, para facer crecer a poboación ocupada do país. Iso explica boa parte dos fracasos da política económica de Feijóo.

Cando hai máis fondos nos orzamentos da Xunta, non podemos asumir a falla de acción, os brazos caídos. Isto é unha enorme irresponsabilidade. O goberno meteu os millóns no colchón de Feijóo en vez de poñelos nas mans dos concellos e da cidadanía. Estamos perdendo unha oportunidade e instamos ao presidente a que constrúa unha gran alianza para a reactivación. Despois dun ano e catro meses está superado pola crise económica e sendo incapaz á hora de orientar as políticas necesarias para reconstruír.

Por que non mobilizan eses cartos?

A situación foi moi difícil de xestionar para todos, pero chegou tal cantidade de fondos que non estaban acostumbrados, nin tiñan a eficacia suficiente de poñerlle destino. Hai unha posición desnortada e sen rumbo. É evidente que a Feijóo se lle deu ben xestionar a austeridade, que foi nefasta para Galicia, porque ese é o ADN conservador, pero non ten a capacidade de impulsar políticas de protección social, impulso de emprego e de loita contra a desigualdade. O Goberno suspendeu a materia de reactivación no mes de xuño, queremos que a aproben en setembro.

Ía preguntarlle pola nota deste ano e medio... pero xa está clara...

Gustaríanos poder dicir que as cousas se están facendo ben, pero desgraciadamente para os galegos vemos unha xestión insuficiente, incapaz. Seguiremos tendendo a man, pero non podemos ser cómplices ante o desastre das políticas conservadoras.

Que hai deste primeiro ano de lexislatura. Entre a pandemia, a maioría do PP, e o BNG liderando a oposición, foi moi complexo?

Nós temos unha alternativa para Galicia que goberna en cinco das sete grandes cidades, en tres de catro deputacións, en 113 concellos... Crecemos en todas as convocatorias electorais dos últimos catro anos. Nas xerais conseguimos ser primeria forza despois de catro décadas de democracia. Nas municipais, un resultado histórico. E avanzábamos cara conseguir un cambio de goberno en Galicia cando a pandemia o mudou case todo e fixo que o crecemento que tivéramos se limitase a pasar dun 17 a un 19%. É certo que o fixo nunhas eleccións nas que a abstención foi historica, e na que solo votaron o 48% dos galegos. Pero é unha maioría dada nas urnas e teñen a lexitimade de gobernar.

Por qué a abstención vos afectou sobre todo a vós?

Sempre dixen que o gran reto do PSdeG para avanzar era conseguir unha elevada participación, como nas xerais de 2019. O nacionalismo que se dividira conseguiu fusionar os brazos. O que se constata é que cando a participación cae e o PSdeG non moviliza ao seu electorado, o PP tivo a base para unha maioría que, antes da Covid, todo o mundo poñía en cuestión. Había un escenario electoral aberto no que o PSdeG lideraba a posibilidade de cambio. Traballamos para avanzar pensando en clave de futuro. Para construír unha Galicia mellor precisamos un PSdeG forte, porque é a única garantía de que pode haber un cambio de progreso.

En clave de futuro, as municipais. Estades fortes?

Moi fortes. Estamos moi fortes. O meu obxectivo como secretario xeral é seguir crecendo ao longo dos próximos catro anos. Temos o partido encarrilado para sentar eses gobernos municipais que temos e conseguir outros novos. O PP ten un pinchazo absoluto en clave municipal. O único alcalde nunha cidade que se coloca cos votos do PP é Jácome. Fronte a iso os socialistas podemos amosar con orgullo a nosa política de proximidade e xestión. Hai que ir partido a partido, con reto das xerais e municipais que serán no 2023 para fortalecer a base.

Nese partido a partido, o próximo é o congreso do PSdeG. Hai data?

Os órganos do partido teñen establecidos uns calendarios, e os galegos marcarán a data.

Intúo que vai ser candidato...

Eu estou forte e con ilusión. O meu compromiso é traballar por Galicia. Levo no Parlamento menos de dous anos. Pontón leva 17; Feijóo, 16. Eu teño a vida persoal e profesional resolta. Din un paso adiante co apoio da militancia, facendo que o PSdeG esté mellor que cando cheguei. Cando os tempos se den anunciarei as decisións que teño que tomar. Estou ilusionado, con forza e con convicción. Son unha persoa de principios e moi resistente.

Teme que os aparatos do partido poidan apoiar a Miñones, ou que poida haber alianzas entre federacións con Formoso ou Besteiro?

Eso son elucubracións. Levo moito tempo escoitando hipóteses. Teño moi boa relación co conxunto dos cadros do meu partido. E a militancia é consciente de que o partido está mellor. E que o proxecto, que empeza a xerminar, necesita tempo para florecer. É necesario apuntalar e respaldar un proceso de rexeneración que debe estar en cambio continuo. Seguirei traballando para que o PSdeG poida seguir avanzando. Non respondo a hipóteses porque moitas se viñeron abaixo, unha a unha, no último ano.

O futuro do PSdeG pasa por Gonzalo Caballero.

Pasa pola militancia e por un proxecto feminista, ecoloxista, galeguista e de esquerdas, ao servizo do país. Son un instrumento do partido. Na medida en que queiran seguir tendo esas referencias de proxecto e unha alternativa a o PP, eu seguireino facendo con moita claridade. O meu proxecto é alternativa a Feijóo e a dereita, nunca unha alfombra vermella.

24 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.