Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A neve dificulta a circulación no interior e provoca cortes de estradas en Pedrafita e Chantada

O desbordamento do río Anllóns alaga locais en Ponteceso // Trece comunidades en alerta polas precipitacións e o forte vento

SANTIAGO. EP. A neve caída nas últimas horas en Galicia dificultou a circulacion na mañá deste domingo en estradas do interior, principalmente nas provincias de Ourense e Lugo. Aínda que as vías ourensás recuperaron certa normalidade cara ao mediodía, as provinciais lucenses LU-533 e LU-633 aínda mantiñan restricións ao tráfico ás 12:45 horas, segundo o mapa de incidencias da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). En concreto, na LU-633, a neve e o xeo provocaron cortes intermitentes entre os quilómetros 0 e 27, no municipio de Pedrafita do Cebreiro. Ademais, está restrinxida a circulación a camións e vehículos articulados. En canto á LU-533, a meteoroloxía adversa condiciona a circulación con cortes intermitentes en ambos os sentidos o punto quilométrico 43, á altura de Mundín, concello de Chantada. Así mesmo, na provincia de Ourense, a Garda Civil informou que cara ao mediodía se normalizou a situación nas estradas. Ao longo da mañá, a DXT solicitou a circulación con precaución debido á neve en varios puntos das vías provinciais OU-112, OU-240, OU-531 e OU-540. Ademais, sufriu dificultades a A-52 a partir do quilómetro 173, na zona das Estivadas, no municipio de Cualedro; e a N-525, entre Cualedro e Trasmirás. Nestas zonas de Ourense, os axentes de Tráfico solicitaron a circulación con precaución --aínda que non se produciron cortes-- mentres os medios de limpeza actuaban sobre a estrada.


INUNDACIÓNS EN PONTECESO

O Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias traballou durante toda esta noite pasada con bombas de achique para desaloxar a auga que alagou varios locais polo desbordamento do río Anllóns en Ponteceso (A Coruña). Fontes de Axega informan de que se espera un descenso significativo no caudal do Anllóns, aínda que os traballos continuaban á primeira hora da mañá deste domingo con dúas bombas de achique.

Emerxencias informa tamén de que se mantén a vixilancia sobre os ríos en todas as concas galegas por se se puidesen producir aumentos considerables nos seus caudais e puidesen provocar desbordamentos puntuais, como ocorreu co río Anllóns en Ponteceso e do Miñor ao seu paso por Gondomar. Por iso, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Especial para o Risco de Inundacións (Inungal), ante a posibilidade de que poidan producirse novos desbordamentos como consecuencia da situación meteorolóxica vivida nas últimas horas. EFE


Trece comunidades en alerta polas precipitacións e o forte vento

Once comunidades e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla amenceron en alerta ante as fortes precipitacións, que serán de neve nalgúns lugares do interior peninsular, e os fortes ventos que van soprar en moitos puntos do país. Todos os avisos activados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía apuntan un nivel de risco “amarelo” (risco), excepto en Andalucía, onde o forte vento de poñente obrigou a activar o nivel de risco “laranxa” (risco importante) na zona do estreito, en Cádiz.

Os datos da Aemet prognostican nevadas en Asturias, en Castela e León, en Estremadura, Galicia e Madrid, aínda que en todos os casos en cotas altas, por encima dos 900 metros, e no caso de Madrid estas precipitacións na zona da serra continuarán este luns. As choivas máis intensas, que motivaron a activación dos avisos da Axencia Estatal de Meteoroloxía, vanse a rexistrar en Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura e o País Vasco. E os fortes ventos, con refachos que nalgúns lugares poden alcanzar os 90 quilómetros por hora, azoutarán a moitos lugares das comunidades de Aragón, Baleares e Cataluña. A forte ondada motivou tamén a activación de avisos “amarelos” (risco) nas comunidades de Andalucía, Cataluña, Galicia, País Vasco, Ceuta e Melilla. EFE


LUNS: Nubes e néboas o luns pola mañá e apertura grandes claros pola tarde

O luns Galicia estará nunha situación intermedia entre altas e baixas presións, con ceo que presentarán máis nubes pola mañá e néboas matinais en zonas de interior. Pola tarde abriranse grandes claros. As temperaturas mínimas estarán en lixeiro descenso, con xeadas no interior da comunidade autónoma, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. O vento soprará de compoñente sur, frouxo en xeral, aumentando a moderado progresivamente, con intervalos fortes no litoral atlántico. Temperaturas extremas previstas nas cidades: A Coruña 5º/15º, Ferrol 5º/15º, Lugo 1º/13º; Ourense 1º/16º; Pontevedra 6º/14º; Santiago 2º/12º; Vigo 5º/16º.

21 feb 2021 / 12:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.