Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A portavoz nacional do BNG destacou a importancia do primeiro paso para falar a nosa lingua nun encontro con neofalantes // O secretario xeral do PSdeG estivo nun acto de homenaxe a Rosalía que concluíu citando a Xela Arias TEXTO V. Pardo

A oposición aposta polo galego e critica o “retroceso” do PPdeG

A oposición galega rendiu tributo a nosa lingua este sábado, tendo presente o Día das Letras Galegas, vindeiro 17 de maio. Entre ofrendas florais e coloquios para fomentar o seu emprego, os socialistas e nacionalistas, capitaneados polos seus líderes, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, denotaron a necesidade de unir á sociedade mediante o idioma, parte da cultura esquecida polas políticas lingüísticas do PPdeG que ambos tildaron de “retroceso” para a súa fala.

No caso do BNG, a súa número un reivindicou como “motivo e porta de esperanza” o movemento neofalante tan preciso para o galego, considerando esta iniciativa unha oportunidade para “reverter os datos tan preocupantes” que amosa a delicada situación que afronta nosa lingua, como consecuencia da política lingüística do Partido Popular.

A súa reclamación chegou nun acto que tivo lugar este sábado. Un encontro con neofalantes onde, xunto a Mercedes Queixas, voceira parlamentaria de lingua e cultura, destacou que “é moi importante poñer en valor a todas estas persoas que están a dar este paso” pois “o galego é a lingua que nos une e que nos fai máis fortes como sociedade”.

Con esa idea expresada no lema “Suma co galego, a lingua que nos une” da súa campaña polo 17M, que precisamente contemplaba esa xuntanza cos neofalantes galegos, Pontón tamén destacou a necesidade dunha “lingua viva e con futuro” para avanzar cara ó empoderamente lingüístico da nosa sociedade, especialmente dos máis mozos.

Por este motivo, a líder do Bloque, que ademais contou no acto coa participación dos creadores de contidos para redes sociais, OlaXonMario e Nee Barros, a licenciada en Economía, Albar Rodríguez, e a deputada Alexandra Fernández, reflexou nas súas experiencias o exemplo dunha cidadanía que “quere dar pasos cara diante e sumar co galego para contruír unha Galiza máis forte”.

Así, Pontón animou aos galegos e galegas, e sobre todo á mocidade, a que dean ese paso e empreguen a nosa lingua en calquer espazo, ou ámbito da súa vida, como “un acto de normalidade, pero tamén de rebeldía e inconformismo” ante a política lingüística que desenvolveu o PP tras máis dunha década e os intentos de facer retroceder o idioma.

Neste sentido, lembrou o derradeiro informe da Real Academia Galega (RAG) no que se determina que o 35% dos estudantes enmarcados dentro da xeración centennial carecen de competencia en galego, remarcando que “o resultado que temos a nivel lingüístico non é froito da casualidade” senón dun “deseño programado” polo partido que goberna para que a lingua “retroceda”.

Deste xeito, Pontón vinculou que este panorama de “desgaleguización que nos empobrece” é froito do decreto de plurilingüísmo que naceu do Partido Popular “unilateralmente e en contra da maioría da comunidade escolar”, resaltando que “hai unha sociedade que reacciona” apostando pola “reapropiación da lingua” porque ven esta como “unha porta abierta ao mundo”. Aínda sen ser educadas nela.

ROSAS PARA ROSALÍAS. Mentres tanto, o líder socialista, Gonzalo Caballero, asistiu este sábado a unha ofrenda floral a Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres, nun acto festexado con motivo das Letras Galegas que se repetirá cada ano e que, neste caso, contou co filólogo especialista en Xela Arias, Anxo Rajó.

O seu tributo, que contou tamén coa participación de Noa Díaz, secretaria de Cultura da mesma formación, e Francisco Cerviño, exdeputado e académico correspondente da RAG, súmase así ao recoñecemento que cada 25 de xullo, Día de Galicia, congrega aos socialistas galegos en Rianxo. “Festexar institucionalmente o Día das Letras Galegas é honrar a todos os que loitaron antes que nós por unha Galicia próspera, anovada e con futuro, sen renunciar ao que é máis intrinsecamente noso, a nosa lingua”, dixo o secretario xeral do PSdeG, consciente da loita de “moitos socialistas que dedicaron a súa vida a este fin”.

Neste evento, Caballero reclamou a lingua e a cultura de Galicia, destacando que, nun intre no que están sendo obxecto de “retrocesos”, debe ser “importante trasladar e reforzar o noso compromiso”. Por iso, manifestou que o Executivo autonómico ten que levar a cabo “unha política cultural ambiciosa” dende unha óptica “positiva, de amor e de agarmio pola nosa lingua e a nosa cultura”.

“Só dende un galeguismo inclusivo conseguiremos avanzar axeitadamente, para que os nenos e as nenas, que son os galegos e as galegas do futuro, sintan e amen a lingua e a cultura”, afirmou, repetindo que é preciso “unha política ambiciosa” que facilite “recuperar ou superar os niveis de actividade cultural previos á covid ou mesmo á crise de 2008”.

Todo isto é vital, desde o seu punto de vista, porque “sen unha lingua propia forte, coidada ben tratada... a cultura no noso país caería nun pozo de difícil recuperación”, sentenciou, citando a Xela Arias, homenaxeada nas Letras Galegas: “O idioma é o principal signo dunha cultura”.

15 may 2021 / 19:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.