Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 03 julio 2022
07:31
h

A Real Academia pide a oficialidade da lingua galega no Principado

Considera que o novo Estatuto de Autonomía debe darlle o mesmo estatus que ao asturiano

“Non é función da Real Academia Galega intervir en cuestións de tipo político, que son da competencia dos gobernos das respectivas comunidades autónomas; pero si é función dela lembrarlles que unha lingua é un patrimonio cultural merecente de ser salvagardado e que sería máis positivo para esa salvagarda unha política de cooperación e non unha política de confrontación”. Así conclúe o informe redactado pola Real Academia Galega que vén de ser remitido ao presidente da Xunta Xeral de Asturias para reclamar que o novo estatuto de autonomía do Principado declare a oficilialidade do galego en igualdade de condicións que o asturiano.

O informe, aprobado no último pleno ordinario da RAG e remitido tamén aos grupos parlamentarios e ao Goberno de Asturias, analízase a consideración da lingua galega en Asturias ao longo das últimas décadas e detense na proposta de novo marco estatutario, que contempla a declaración de oficialidade do asturiano en toda a comunidade autónoma pero limita este estatus para o galego exclusivamente no seu ámbito territorial, di a Real Academia Galega.

A RAG exixe así “o mesmo trato para as dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano”, e critica ademais a escolla do glotónimo “eo-naviego” que, precisa, “parece ter como finalidade facer invisible a existencia do galego” nas comarcas estremeiras coa comunidade autónoma de Galicia.

“A Real Academia Galega arela que o Parlamento do Principado aprobe na reforma do seu Estatuto de Autonomía a declaración de oficialidade das dúas linguas propias de Galicia, o galego e o asturiano. E que na posterior lei de uso que se prevé, o galego, na variante eonaviega, sexa oficial en todo o territorio do Principado de Asturias, para que os seus falantes teñan os mesmos dereitos ca os de asturiano, como en Cataluña os teñen os falantes da lingua occitana, denominada aranés en Arán”, apunta a institución.

fronteiras políticas e lingüísticas. E respecto da substitución do glotónimo “galego” por “eo-naviego” na proposta de reforma estatutaria, lembra que as fronteiras políticas adoitan non coincidir coas fronteiras lingüísticas e que a continuidade da lingua falada nunha comunidade veciña é algo coñecido que se repite en Europa. “E nestes casos, que a variedade lingüística en cuestión teña un glotónimo que corresponde á lingua doutra comunidade, neste caso o galego, non é motivo de ningún conflito nin rexeitamento. (....)”, di a RAG, que engade ademais que “entre dúas comunidades e entre dúas linguas que comparten intereses e que deberían procurar a colaboración para buscar estratexias de futuro conxuntas, con máis razón deberían evitarse confrontacións que só conducen a desunir e a separar, e que só poden ter consecuencias negativas para os falantes destas variedades e para que os seus dereitos como falantes e como persoas sexan recoñecidos e protexidos”, advirte a RAG.

No seu informe, a institución galega lembra que hai numerosos exemplos en Europa, coma o alemán falado en áreas de fronteira de Bélxica ou o portugués falado en zonas fronteirizas dentro de España, particularmente en Estremadura, que levan o glotónimo da lingua do país veciño, “sen que esa denominación implique ningunha connotación nin diferenza na identidade nacional”.

UN PROBLEMA COMÚN: A SUPERVIVENCIA. E apunta ademais que “con todo, máis alá da cuestión do glotónimo para designar a variedade do Eo-Navia, hai un problema que afecta a todas as variedades da lingua galega, sexa calquera a beira do Eo que se considere: a súa supervivencia, problemática no momento actual”. “ Mesmo navariedade da Comunidade Autónoma de Galicia”, advirte a Real Academia.

11 ene 2022 / 14:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.