Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
mellora. No exercicio de 2021 reduciuse en Galicia o número de causas abertas por maltrato animal, rompendo a tendencia dos anos anteriores conseguida polo aumento na conciencia social sobre a importancia de denunciar TEXTO N.Vázquez

A solución contra o maltrato é dar sempre unha resposta

En comparación co ano anterior, en 2021 reduciuse nun 41,17% o número de causas incoadas -isto é, abertas- de maltrato animal nos xulgados galegos, segundo reflicte a Memoria da Fiscalía Superior de Galicia. Un documento que se presentou só dous días despois de que un home do Páramo (Lugo) fose condenado a oito meses de cárcere por matar dun disparo ao can da súa veciña.

Esta non é a única noticia de maltrato animal que ocupou os medios de comunicación nos últimos meses. Sen ir máis lonxe, o pasado día catro localizouse nun trasteiro de Viveiro a un pitbull morto, polo que a súa propietaria está sendo investigada. En Chantada aconteceron hai tres anos uns feitos escalofriantes polos que aínda se está a celebrar o xuízo hoxe en día: un home matou dun tiro á súa cadela, Alma, e logo arrastrouna pola calzada tirando dunha corda.

Con todo, segundo reflicten as memorias anuais da Fiscalía Superior de Galicia correspondentes ao ano 2021, nese período incoáronse ata catorce causas por maltrato animal, 12 menos que no exercicio anterior, cunha diferencia en términos relativos dun 41,17%.

Estes datos son moi diferentes aos do ano 2020, no que se constataba un aumento do 100% neste tipo de delitos: abríronse 22 causas no ano da pandemia, 11 máis que no 2019. Un aumento que continuaba unha tendencia clara, posto nese ano houbo un aumento do 10% de casos incoados con respecto a 2018, e atendendo ao 2017, doi do 50%.

E é que unha diminución na incoación deste tipo de delitos non ten porque traducirse nun descenso nos casos de maltrato, se non
dos que chegan a estar en coñecemento da Fiscalía. De feito, os expertos valoran positivamente que se reflictan aumentos: implica que se denuncia máis, porque o mal-trato segue a estar moi presente.

“Eu sinceramente creo que a xente non denuncia” asegura Nuria Pereira, presidenta de Rescue Galicia. “Na maioría dos casos”, engade, sobre todo na zona de Vigo que é na que opera Rescue Galicia, “a xente prefire non chamar e non denunciar polo feito de que os animais non suban á perrera municipal”. Explica a presidenta deste refuxio vigués que existe unha percepción errónea destes servizos, onde se cree que “os van sacrificar ou que os van maltratar”, e que isto implica que as persoas moitas veces prefiran que “o animal siga onde está cando, ao mellor, está nunhas condicións lamentables”.

“Cando un animal sube a unha perrera municipal”, explica, “ten atención veterinaria que necesita e come todos os días, danselle as vacinas e o pónselle o chip. Pero non sei porque se inculcou iso de que se se soben aló mátanos, isto é falso”. O que si que é certo, puntualiza, é que no caso de precisar unha operación que conleve un gran desembolso, como pode ser gastar tres mil euros nun só animal, “é algo que facemos as privadas e xa está, nas que teñen convenio co concello normalmente iso non se fai”. Con todo, son casos puntuais e máis complexos, non a norma xeral. “Cando un animal está san, non se sacrifica”, insiste, “e que non é legal” dende a aprobación en da lei 4/2016 do 22 de xullo.

“Tamén a veces querer denunciar non é facil”, explica. “Os casos de denuncia lévaos Seprona”, indica, e sen ir máis lonxe, pon o seu caso de exemplo. “Hai tres semanas nós quixemos denunciar un caso e Seprona non nos colleu o teléfono en todo o día”, e é máis, “chamou a Policía Local de Vigo e tampouco lle collían o teléfono, o que me parece aínda máis sangrante”. “Un can xa maior que case non se levantaba”, relata, sen entrar en moito detalle, “con feridas e que o estaban comendo as moscas”.

Unha complexidade engadida a unha situación difícil de por si, explica, “porque entón, a quen acodes cando pasa isto? Porque os locais non teñen a autoridade para retirar un animal se está sendo maltratado, eso ten que ser sempre Seprona”. Nuria non dubida que pode que se tratase dun caso puntual, que non deixa de ser a súa experiencia, “pero realmente non tivemos unha solución”.

Trabas nun proceso que, se resulta difícil incluso para unha organización familiarizada con este tipo de situacións, aínda o son máis para as persoas de a pé. “A xente moitas veces o que acaba facendo e acudir a asociacións coma nós, coméntannos o que pasa e preguntan que poden facer, en vez de acudir a un ente público, para o que tamén pagamos impostos”.

E con todo, eles tampouco poden facer máis que seguir o procedemento legal, que, en moitos casos, para os animais é insuficiente ou demasiado lento. “Nós o único que podemos facer cando nos chega así un aviso, é mediar directamente co propietario e tratar de que ceda o animal ou razoar con el”, indica Nuria, “e máis alá disto e da denuncia que presentemos, non podemos facer nada”.

“AS PENAS SON RIDÍCULAS”. En definitiva, para Nuria está claro. “A xente non di nada porque pensan que as denuncias caen en saco roto, que ocorre moitas veces, e logo as penas son ridículas”, como non ter animais durante cinco anos. “E despois deses cinco anos, que? Ou incluso hai que aínda así os ten igual, porque hai xente que acumula denuncias de maltrato. Isto é o sangrante, penso que é onde máis falla”.

Por sorte, cada vez a sociedade está máis concienciada, e tense máis en conta que os animais son seres vivos, que sofren igual, se ben aínda queda moito camiño. Conta Nuria que, no caso de Rescue Galicia-das poucas asociacións que collen animais de razas perigosas- “dos cinco que temos, tres ían a sacrificalos os seus donos, todo por problemas de conduta, por non saber xestionalos”. “Non pode ser así, se tes un problema co animal tes que ir ao etólogo, a un educador...é un proceso que leva un traballo, pero os cans tamén teñen dereito a ter problemas de conduta”, critica, “falta moita consciciencia sobre isto”.

A solución é clara: ante o maltrato sempre ten que haber unha resposta, e parte desa actuación pasa por informar e loitar contra o descoñecemento sobre o que proceso hai que seguir para denunciar, que acontece cos animais despois e, ante todo, acabar coas trabas institucionais.

27 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.