Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A tarxeta Xente Nova triplicou o ano pasado as viaxes bonificadas

Dispoñen dela máis de 108.000 mozos menores de 21 anos de Galicia // O Goberno galego destinou 4,3 millóns // Só no mes de setembro do 2021 emitíronse 8.000

A gratuidade do transporte público para os máis mozos consolídase en Galicia, onde se mostra unha boa recepción da Tarxeta Xente Nova, unha medida pioneira como fórmula para fomentar o uso do autobús.

Máis de 108.000 mozos menores de 21 anos xa teñen a oportunidade de viaxar gratis nos autobuses de competencia autonómica por toda Galicia, grazas ao emprego desta tarxeta, implantada polo Goberno galego.

Con gran aceptación xa en anos anteriores, parece que o ano 2021 foi o do seu despegue definitivo, según se reflicte nos datos aportados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a este diario. Deste xeito, rexistráronse bonificacións por un importe de máis de 4,3 millóns de euros, o que supón, prácticamente, triplicar as viaxes bonificadas con respecto aos exercicios anteriores.

Este incremento nas bonificacións é froito da extensión o pasado mes de maio do uso deste dispositivo ao conxunto da comunidade. E é que grazas á ampliación a todas as liñas de autobús interurbano de Galicia, no ano pasado emitíronse 32.000 dispositivos de Xente Nova e só no mes de setembro, con motivo do inicio do curso escolar, foron expedidas 8.000 tarxetas, máis dun 100 % máis que no mesmo mes do ano anterior.

4,5 millóns destinados á tarxeta para este ano 2022. Co fin de seguir consolidando a aposta polo transporte público na comunidade, a Xunta destinará este ano un orzamento de 4,5 millóns para financiar esta tarxeta, enmarcada dentro do Plan de Transporte Público de Galicia.

Así, no ano 2016, que foi cando naceu a tarxeta, foron 515.634 euros os destinados a bonificacións e un total de 29.679 tarxetas emitidas. Ano tras ano foron subindo ininterrumpidamente, pero foi no 2020 cando experimentou unha subida porcentualmente maior. Nese ano xa había 75.330 tarxetas e un millón e medio de euros máis.

a área da coruña gaña por goleada. En canto ás áreas, A Coruña é a que contabiliza máis tarxetas emitidas, tendo na actualidade 28.168, das que 6.154 se distribuíron no ano 2021. En segundo lugar, na área de Vigo un total de 21.241 mozos contan con este dispositivo, emitíndose 4.590 no último ano. En terceiro lugar, a área de Santiago de Compostela ten emitido 14.386 tarxetas, delas 2.772 en 2021.

Séguenlle, en número de usuarios, as áreas de Ferrol, con 10.650 dispositivos; Pontevedra, con 7.659; Ourense, con 5.513; e Lugo, con 2.802. Os restantes municipios suman un total de 17.760 mozos que dispoñen desta tarxeta.

A tarxeta Xente Nova ten entre os seus obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria.

características

··· Con ela todos os menores de 21 anos de Galicia poden viaxar gratis no transporte público interurbano que depende da Xunta, calquera que sexa a súa orixe e destino, cun límite de 60 viaxes interurbanas gratuitas cada mes. Ademais dos buses, tamén se pode usar nos barcos dos servizos Cangas-Vigo e Moaña-Vigo, así como no tren metropolitano en Ferrol.

··· A Tarxeta Xente Nova é expedida por Abanca pero non é necesario dispoñer dunha conta asociada. Cando viaxes, debes pagar con ela e a Xunta de Galicia reintegrará o importe abonada, ata o máximo de sesenta viaxes mensuais.

··· A tarxeta é persoal e intransferible polo que no caso de que sexa utilizada por outra persoa pódese perder a tarifa gratuíta. O condutor ou o persoal de Inspección de Transportes poderá pedir o DNI.

23 ene 2022 / 00:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.