Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 02 diciembre 2021
13:54
h
A través do xogo. O proxecto da arquitecta Sandra González arrincou no 2016 e ata o momento chegou a 19 concellos de Galicia // O propósito está en que as novas xeracións cren vínculos de identidade cos espazos nos que habitan TEXTO Lorena Rey

A Vila do Mañá: a aposta polo urbanismo galego do futuro

Aprender a mirar o lugar onde habitan tendo en conta dúas poderosas ferramentas como son a arte e a arquitectura é o propósito do proxecto A Vila do Mañá. A idea nace no 2015 da man da arquitecta ourensá Sandra González Álvarez como resposta a que existe outro modelo de cidade e vila posible. “Debemos partir da base que estamos en Galicia e que a día de hoxe as nosas vilas son case o ideal contemporáneo de urbanismo. Cidades transitables en quince minutos, vilas con verdes ao redor e habitables”, comenta a promotora do proxeto. Ao que engade que o único que falta é “humanizalas e creelo”. Neste sentido Sonia considera que nos últimos anos estase facendo dano con termos como feísmo cando son meros exemplos singulares; “non todo está mal construído”.

Un ano máis tarde, no 2016 atrévese a lanzar a idea. “Rianxo foi o punto de partida porque estiven alí como codirectora de cursos de verán da Universidade e coñecía ao alcalde. Propúxenlle que durante unha semana me prestase os seus nenos e a vila . Preguntoume que ía facer e díxenlle que era mellor que non o soubera”, conta. Sandra non pensaba que A Vila do Mañá non fora a ter máis percorrido, pero a partir dese momento o proxecto foi evolucionando ata chegar a 19 municipios galegos.

O seu obxectivo principal é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común para espertar neles unha nova mirada e xerar vínculos de identidade cos espazos nos que habitan. “A clave tamén está en creer nas nosas vilas porque como xa mencionei, son o modelo de contemporaneidade do que ten que ser o urbanismo”, reitera.

A cidade convertida en taboleiro de xogo. As actividades realizadas no taller estructúranse a través de seis conceptos fundamentais: a escala, a percepción, o espazo, a vila/cidade, a paisaxe e a sustentabilidade; e cinco ferramentas necesarias: o punto, a liña, o plano, o elemento tridimensional e o elemento natural. “Todo isto trabállase a través do xogo que é a linguaxe que eles entenden”, afirma.

Os obradoiros estructúranse en cinco días e hai dous tipos de actividades diferentes. As actividades “in” realizánse cos máis pequenos de 3 a 5 anos dentro do taller e as “out” convirten a cidade na que están en taboleiro de xogo e laboratorio de experimentación realizadas cos nenos de 6 a 17 anos. Coa pandemia suprimíronse as levadas a cabo cos máis pequenos “porque eran en interiores e eramos nós quen creabamos as escenografías”. Nestes meses traballan unicamente no exterior.

Xunto a Sandra, promotora do proxecto, están na actualidade outros dous arquitectos e unha especialista en ecoloxía urbana xa que están a adentrarse no mundo das hortas e dos muros vexetais.

As respostas dos protagonistas. O contacto tan cercano cos nenos e nena fai que Sandra teña no seu recordo un gran número de anécdotas. “No 2017 chegamos a Bertamiráns. Parecíame unha vila co seu espazo ben construído ao lado do río e cunhas zonas verdes espectaculares. O primeiro día de obradoiro dígolles que son nova no lugar e que me conten que é o máis importante para eles. Como o máis representativo debuxárnme o paso de peóns e a rotonda cos coches. Debuxan o que nós lle transmitimos que neste caso é a necesidade de ir en coche en todos os sitios”, detalla. Así, considera que quizais o problema que temos en Galicia non sexa tanto o feísmo senón a mobilidade. Outra das respostas que nunca olvidará foi Vilagarcía no verán do 2018. “Atopeime con que para eles o seu elemento principal era o McDonal’s. E aquí foi onde confirmaba que a infancia vive nunha caixiña que é a súa casa, desprázase nunha caixiña máis pequena que é o coche e chega a unha máis grande chámalle polideportivo, colexio, centro comercial ou parques infantís”, destaca.

Tras os cinco días de actividades nos que se crea un sentimento de identidade co lugar no que habitan, Sandra considera que se da un cambio de percepción na rapazada. Incluso hai proxectos que van máis alá e acaban sendo intervidos. “A praza da Independencia de Vilagarcía convertírase nun océano. A día de hoxe fíxose un proxecto do espazo cuns chorros de auga que prácticamente era o que nós propoñiamos cunhas mantas térmicas. O proxecto non é noso pero si hai outros nos que a intervención foi ou será nosa”, comenta.

Misión en Barbadás. A semana pasada estiveron en Barbadás, Ourense. “O primeiro que lle preguntei aos nenos foi se xogaran algunha vez na rúa e a súa respota foi non”, di. O máis chamativo foi o percorrido que fixeron con flotadores baixo os seus brazos polas beirarrúas co fin de comprobar as dificultades coas que se atopaban. O primeiro do que se percataron foi de que non están preparadas para gardar a distancia social. “Nin están preparadas para unha persoa que vai con carrito, nin señores maiores que van con bastón”, engade Sandra. Tamén pintaron de cores a rúa do Ensino, polo que neses días non se podía estacionar na mesma. “Sorprendeume que os coches pasaron horas sen aparcar nesa ubicación despois de rematar as actividades”, manifesta.

Esta semana chegan a Touro en colaboración co departamento de Normalización Lingüística da Xunta. Intervirase no espazo urbano de Fonte Díaz a través de grafitis feitos nas paredes, muros e baldados das rúas que levan o nome de literarios galegos: rúa Castelao, rúa Rosalía de Castro, rúa Martín Códax, entre outros. A última intervención do verán será en Malpica, sendo a terceira visita a esta vila da Costa da Morte.

Experiencia en Sao Paulo. A vila do mañá chegou ata Sao Paulo da man da Universidade de Mackenzie. “Traballamos nun edificio de 10 plantas con nenos e nenas que dous anos antes vivían na rúa. Arredor do edificio había terreos os cales nun lado aparcaban os carricoches de venta ambulante e do outro estaba a horta que daba diñeiro para toda a ocupación. A infancia estaba encerrada en 10 metros cadrados. Invadimos espazo dentro dun espazo invadido”, recorda. O 14 de marzo de 2020 ían vivir unha nova experiencia en Sao Paulo para traballar cos centros socioculturais nunha zona entre a cidade construída e as favelas pero co tema do COVID tivo que aprazarse.

Divulgación. As experiencias de A Vila do Mañá de seis municipios (Rianxo, Ames, Ribeira, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Arzúa e a punto de presentarse, o de Carballo) aparecen recollidas en libros. “Neles hai información útil sobre o concello para darse a coñecer entre os que serán os seus futuros habitantes. Teñen unha parte de colorear elementos característicos de cada unha das vilas e a maiores conteñen a estratexia e reflexión de como debemos rehumanizar as cidades”, explica.

08 ago 2021 / 21:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.