Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Xunta convocará na primeira quincena de febreiro as axudas ao lecer nocturno afectado os peches do Nadal

A conselleira de Emprego tacha de “fracaso político de máximo nivel” a aprobación da reforma laboral por un voto “erróneo” do PP

    SANTIAGO. EP. A Xunta prevé convocar "na primeira quincena" de febreiro unha liña de axudas, dotada con 3 millóns de euros en total, para os locais de lecer nocturno que se viron obrigados a pechar desde a época do Nadal debido ás restricións de horarios impostas até mediados de xaneiro. Así o avanzou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, recollida por Europa Press, na que explicou que estas subvencións buscará "compensar as perdas" sufridas durante este período. "Nesta primeira quincena de febreiro estará publicado porque este era o compromiso con eles (cos empresarios do sector)", asegurou a conselleira.

    Do mesmo xeito, Lorenzana avanzou outra próxima liña de axudas destinada aos autónomos e pemes galegos para "indemnizar a aqueles sectores que apenas puideron abrir" desde que irrompeu a pandemia, cunha baixada da facturación situada nun "80 ou 90 por cento". Como exemplo situou aos feirantes, empresarios que "non puideron desenvolver practicamente ningunha actividade". Con todo, a conselleira de Emprego non deu máis detalles sobre estas subvencións porque o Goberno galego está "á espera das valoracións que fagan" as asociacións representativas do sector sobre cantos negocios poderían necesitalas.

    Neste contexto, María Jesús Lorenzana cifrou en 66 millóns de euros os fondos do plan de rescate para pemes e autónomos que tiveron que ser devoltos ao Ministerio de Asuntos Económicos como consecuencia dos "criterios súper rigorosos" que puxo o departamento que dirixe Nadia Calviño. "Entre outros requisitos, só se podía utilizar o diñeiro para pagar ao autónomo ou á empresa débedas que tiña pendentes", criticou a titular de Emprego da Xunta. E é que, a pesar de que Galicia executou "o 70 por cento" do montante recibido, houbo que devolver 66 millóns cando aínda hai solicitudes pendentes por valor de 2.000 millóns de euros pero que "non cumpren os requisitos do Ministerio".

    Así, a conselleira lembrou que remitiu a semana pasada dúas cartas tanto a Calviño como á ministra de Facenda, María Jesús Montero, para que a Xunta poida dispor destas contías, pero aínda non hai "unha reclamación formal". "Se tivésemos eses 66 millóns a maiores, barallariamos sacar un plan máis amplo para os sectores máis desfavorecidos", afirmou Lorenzana.

    REFORMA LABORAL POR UN VOTO "ERRÓNEO": Noutra orde de cousas, a conselleira de Emprego tamén cuestionou que o Goberno central vaia a aplicar a reforma laboral aprobada esta semana no Congreso por un voto "erróneo" dun deputado do PP (Alberto Caseiro), "como el manifesta". María Jesús Lorenzana tachou de "gravísimo" o ocorrido porque é "evidente" que o sentido do seu voto non coincide "co consentimento". "Creo, de verdade, que a presidenta do Congreso (Meritxell Batet) ten moitísimo que explicar desde moitísimas perspectivas por que este deputado tentou aclarar firmemente a súa postura e non se lle deixou", aseverou.

    Ante este panorama, a conselleira criticou "a alegría" dos membros do Goberno manifestada tras a votación cando foi "un fracaso político de máximo nivel": "Paréceme como cando suspendes un exame e o profesor, por un erro, ponche un aprobado". Así a todo, Lorenzana recoñeceu que a reforma laboral impulsada pola vicepresidenta segunda do Executivo estatal, Yolanda Díaz, ten "cousas boas" como a regulación dos ERTE e que "seguramente vai mellorar a indefinición en determinados sectores".

    A continuación, sinalou que "non é unha reforma ambiciosa" e que vai eliminar " a flexibilidade". "Preocúpame que non sirva para crear emprego nin para facer ás empresas competitivas", dixo. Así mesmo, Lorenzana puxo o foco en que a nova lexislación laboral "non é, de ningún modo, o que se prometeu" en campaña electoral por parte de Unidas Podemos, xa que mantén "os elementos estruturais" da reforma do Goberno de Mariano Rajoy en 2012. "Os despedimentos non se encarecen e a autorización administrativa dos ERE non se recuperan", sinalou.

    SUBIDA DO SMI. Sobre a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que abordarán este luns Goberno, UXT, CC.OO. e patronal, a conselleira a avala "mentres se faga no seo do diálogo social e con aprobación de empresarios e sindicatos". "En España temos que seguir loitando por que o SMI se axeite ao custo de vida", agregou, aínda que matizou que esta revisión debe "ter en conta a situación tan crítica" polo que pasan as empresas, ao que engadiu as posibles "repercusións económicas" da nova reforma laboral.

    06 feb 2022 / 17:35
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.