Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Xunta prepara proxectos que supoñen un investimento de 3.200 millóns e a creación de 18.000 empregos

Feijóo pediu no Foro Galicia, Next Generation, unha cogobernanza real, e avogou por aproveitar todas as posibilidades que ofrecen os fondos europeos para acadar unha recuperación forte

SANTIAGO. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por aproveitar todas as posibilidades que ofrecen os fondos europeos para acadar unha recuperación forte, sustentable e que poña á economía real no primeiro plano. Durante a súa participación no Foro Galicia, Next Generation, Feijóo destacou que para acadar este obxectivo fai falta unha cogobernanza real, uns presupostos dirixidos a facer fronte á situación actual, planificación de recursos e unha colaboración público-privada. En relación a este último punto, subliñou que a colaboración público-privada vai ser indispensable para aumentar o alcance e capacidade de investimentos dos proxectos tractores, así como para mobilizar empresas e axentes sociais e chegar ao conxunto do tecido económico e social.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico quixo agradecer a mensaxe de unidade e compromiso deste foro, “moi necesaria nestes tempos”. E incidiu en que a Xunta non ten máis obxectivo que acertar: “Non nos guía outro interese que non sexa unha economía robusta, emprego de calidade e unha Galicia que poña os seus recursos á disposición da economía. Unha Galicia que saia fortalecida deste impacto sen precedentes na economía mundial”, abundou. Ao respecto, aseverou que a Comunidade chega a este momento transcendental cos deberes adiantados e coa anticipación como unha das súas principais vantaxes, referíndose, a modo de exemplo, á creación do Comité de expertos, á posta en marcha dun Plan de reactivación, á constitución no Parlamento dunha comisión para a reactivación ou á comisión interdepartamental para xestionar as candidaturas aos fondos. “E, en canto as candidaturas, tampouco partimos de cero, porque xa temos sete propostas avanzadas. Sete proxectos que supoñen un investimento de 3.200 millóns de euros e a creación de 18.000 empregos”, dixo, precisando que todos forman parte da folla de ruta que Galicia presentará na Conferencia de Presidentes do día 26.

Definir o papel de Galicia no marco que xa todos os países da UE están construíndo. Sobre este asunto, e ademais dos sete proxectos presentados sobre a produción de hidróxeno verde, o impulso da economía circular, a fabricación de fibras téxtiles a partir da madeira e a instalación de nova potencia renovable, Feijóo aproveitou o acto para trasladar a vontade de que esa folla de ruta recolla iniciativas adicionais a proposta da Xunta, pero sobre todo a proposta das empresas, dos clústers, dos inversores e dos actores económicos privados. “Cremos que Galicia tamén está en condicións de impulsar novas iniciativas en eidos como a ciencia e a saúde, a cohesión social e territorial, o envellecemento activo, a mobilidade sustentable, a axenda urbana e rural e a loita contra o despoboamento, a educación e a formación, ou a eficiencia da administración pública”, precisou.

Se ben as posibilidades que ofrecen os fondos europeos son potentes, o presidente galego incidiu en que é fundamental que as comunidades coñezan canto antes, con claridade e concreción, os criterios en que se vai basear o Goberno para o reparto dos mesmos, xa que ata o de agora só se coñece que o 37% dos fondos se destinarán ao impulso da transformación ecolóxica, 25.000 millóns de euros, e o 33% á transición dixital, 24.000 millóns.

“Esperamos que na vindeira Conferencia de Presidentes poidamos ter unha maior concreción, porque a resposta á crise actual comporta un aumento importante do endebedamento público, pero hai que asegurar que ese endebedamento se dirixe a financiar o futuro e ten que redundar no incremento da produtividade, na consecución do emprego de calidade e no crecemento da economía”, dixo.

Feijóo concluíu aseverando que é o tempo de definir que papel queremos que desempeñe Galicia nese marco que xa todos os países da Unión están construíndo. “E a imaxe que hoxe nos deixa este encontro ten unha dobre lectura: acción e unidade. Acción como sinónimo de anticipación e de traballo feito; e unidade porque aquí están representados todos os sectores da economía galega a través das empresas tractoras, claves no PIB galego, e entidades financeiras que van ter un papel indispensable no desenvolvemento dos proxectos que presentaremos a través do Goberno central”.

16 oct 2020 / 16:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.