Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Abanca gaña 81 millóns de euros no primeiro trimestre do ano cunha rendibilidade superior ao 7 %

O beneficio recorrente crece un trece por cento en comparativa co mesmo periodo de 2021 // O volume de negocio superou os 107 millóns

ABANCA obtivo no primeiro trimestre do ano un resultado de 81,2 millóns de euros, o que supón un aumento do 13,2% en termos recorrentes con respecto ao mesmo período do ano pasado. A mellora dos ingresos recorrentes (que creceron un 4,3%), a redución de gastos de explotación e a contención do custo do risco (situado no 0,17%) foron as principais pancas do beneficio obtido, nun trimestre que dá continuidade á senda de crecemento do negocio e de mellora da calidade e sostibilidade do resultado.

O volume de negocio da entidade aumentou en case 10.000 millóns de euros ao longo dos últimos doce meses, cunha intensa captación de novos clientes tanto en Galicia como, especialmente, fóra de Galicia. ABANCA é unha marca cada vez máis recoñecida no mercado financeiro español, como demostra a posición obtida no ranking Banking 500 2022, da consultora Brand Finance: ABANCA é a entidade que maior revalorización de marca (35,5%) obtivo entre os bancos españois.

Para ampliar a súa base de clientes potenciais, a entidade lanzou recentemente unha ampla campaña de publicidade de ámbito nacional en internet, TV e canles propias, que pon en valor o modelo de servizo ao cliente baseado en combinar a atención presencial cunha banca dixital entre as mellores do sector.

A entidade mantén o seu sólido perfil financeiro, entre os mellores do sector financeiro español, grazas a uns elevados niveis de cobertura (cobertura de activos dubidosos do 84,5% e cociente Texas do 26,9%), calidade de activos (morosidade do 2,1%), capitalización (capital total do 16,7% e 1.358 millóns de euros de exceso de capital sobre requisitos) e liquidez (cociente LTD minorista do 93,0% e 15.493 millóns de euros en activos líquidos).

A mellora da calidade e recorrencia dos resultados de ABANCA, ademais doutros factores, como o desenvolvemento da súa estratexia de transformación dixital, levaron a Standard and Poor´s a elevar o seu rating até grao de investimento. Desta maneira, ABANCA conta xa con rating nivel grao de investimento nas catro axencias que a avalían.

O beneficio crece un 13,2% en termos recorrentes O resultado obtido polo banco entre xaneiro e marzo de 2022, 81,2 millóns de euros, supón unha mellora do 13,2% en termos recorrentes (descontando o impacto contable da integración de Bankoa en xaneiro de 2021) con respecto ao mesmo período do ano anterior, e sitúa a rendibilidade (ROTE) de ABANCA no 7,6%.

Este bo desempeño ten como base fundamental a capacidade de xeración de ingresos recorrentes, partida que presenta un peso crecente na conta de resultados. A iso súmase o efecto das medidas de optimización do gasto e a contención do custo do risco.

A marxe de intereses rexistrou unha mellora interanual do 4,4% impulsada pola boa evolución da marxe comercial, que aumentou un 4,1%. Os ingresos por prestación de servizos creceron un 4,0% impulsados polo dinamismo na comercialización de recursos fóra de balance, que se incrementaron nun 11,1% tamén en termos interanuais. Con todo iso a marxe básica mellorou un 4,3%.

Os gastos de explotación reducíronse nun 6,8% (a perímetro constante) grazas aos proxectos de racionalización levados a cabo. Durante os próximos trimestres, irán aflorando progresivamente as sinerxías procedentes dos negocios integrados en 2021.

O cociente de eficiencia quedou situado no 62,8%, mentres que a marxe recorrente (diferenza entre a marxe básica e os gastos de explotación) creceu un 37,1% tamén en termos interanuais.

O reducido custo do risco, situado en 0,17%, reflicte a calidade da carteira crediticia da entidade, que mantén o seu sólido perfil tras a pandemia. A pesar deste bo comportamento do crédito, ABANCA mantén unha política de coberturas moi conservadora para protexerse da incerteza da contorna.

Crecemento equilibrado do negocio O volume de negocio quedou situado en 107.887 millóns de euros tras crecer en 9.400 millóns respecto a marzo de 2021. Este crecemento obtívose mantendo o equilibrio entre crédito e depósitos.

O crédito a clientes en situación normal rexistrou un incremento do 8,6%, até os 45.694 millóns de euros, co financiamento a particulares e empresas, que en conxunto alcanzan o 80% do total, como compoñente maioritario.

Os recursos totais de clientes creceron un 11,0%, quedando situados en 61.920 millóns de euros. Os depósitos de clientes incrementáronse, tamén en termos interanuais, nun 11,0%, até os 49.438 millóns de euros. Estes avances baséanse no aumento de negocio que rexistrou ABANCA, tal e como reflicten os crecementos de clientes valor (9,5%), tarxetas de crédito e débito (8,9%) e parque de TPVs (13,4%).

O crecemento dos negocios asegurador e de asesoramento, en ambos os casos de dobre díxito, reforza a achega destes segmentos ao resultado recorrente. Os recursos fóra de balance creceron un 11,1%, até os 12.481 millóns de euros. A xestión discrecional de carteiras supera xa 1.300 millóns de euros en volume xestionado e 12.600 clientes.

As primas de seguros xerais, capítulo no que ABANCA xa dispón de produtos propios, e de vida-risco creceron un 13,3%, até os 347,0 millóns de euros. En canto ao desempeño por segmentos, destacan especialmente aqueles nos que ABANCA xa ofrece os seus produtos propios, tal e como reflicte o crecemento do 22% en primas de seguros de auto e do 15% en pagos protexidos. Tamén destaca a evolución de seguros de empresas e vida-risco, que avanzan un 14% e 13% respectivamente.

Elevada calidade do activo ABANCA mantén a súa posición como entidade con maior nivel de cobertura do sistema. A cobertura total de activos improdutivos está situada no 76,4%, mentres que a de adxudicados alcanza o 63,0% e a de morosidade o 84,5%. ABANCA é tamén a entidade co mellor cociente Texas, cun 26,9%.

A morosidade, situada no 2,1%, mantense amplamente por baixo da media do sector e os saldos dubidosos redúcense un 0,9% en termos homoxéneos.

Cómoda posición de solvencia e liquidez O cociente de capital de ABANCA quedou situado no 16,7% (12,8% capital máxima calidade CET1). Grazas a unha estrutura de capital diversificada, a entidade conta con amplos colchóns sobre os requisitos establecidos: 415 p.b. (1.358 millóns de euros) en capital total e 463 p.b. (1.513 millóns de euros) en CET1. Cun cociente do 18,2%, a entidade cumpre folgadamente o requisito MREL fixado para 2022.

A estrutura de financiamento de ABANCA está baseada nos depósitos minoristas, que supoñen o 71%. A entidade presenta un cociente de crédito sobre depósitos minoristas do 93,0%.

Cun total de 21.798 millóns de euros entre activos líquidos (15.493 millóns) e capacidade de emisión de cédulas (6.305 millóns), a entidade ten cuberto un importe equivalente a 4,2 veces o total dos seus vencimientos previstos de emisións.

Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR están situados, respectivamente, no 132% e o 253%.

Compromiso social Como outra das notas fundamentais do período, ABANCA acentuou a súa dimensión social a través de accións solidarias de apoio aos cidadáns e refuxiados de Ucraína. ABANCA e Afundación, en colaboración con AGA-Ucraína, enviaron até a data 92 toneladas de axuda humanitaria. Doutra banda, o banco reuniu doazóns de empregados, clientes e outras persoas por importe de 271.487 euros que entregou ás asociacións Save the Children e Cruz Vermella.

Tamén no plano social, o banco implementou diferentes accións dirixidas a garantir a inclusión financeira, en especial das persoas de maior idade. Destacan a ampliación do horario de atención en ventanilla todos os días até as 14.00 horas para clientes maiores, a asignación dun xestor persoal para clientes con necesidades específicas, a instalación de caixeiros automáticos en zonas rurais que até agora non dispuñan del, o desenvolvemento dun plan formación enfocado a incrementar as capacidades dixitais dos usuarios, e o compromiso de permanencia de ABANCA en 140 concellos galegos nos que é a única entidade financeira que presta servizo.

03 may 2022 / 11:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.