Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Adega denuncia na Fiscalía á Xunta e ás eléctricas polo baleirado dos encoros

A entidade medioambiental sinala “unha grave deixación de funcións” por parte do Goberno galego na súa capacidade inspectora

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) trasladou este xoves á Fiscalía delegada de medio ambiente do TSXG unha denuncia para que investigue o proceder da Xunta e das concesionarias dos aproveitamentos hidroeléctricos cuxos encoros sofriron recentemente un brusco decenso de caudal.

Nos pasados meses de xullo e agosto, varios encoros para aproveitamento hidroeléctrico na bacía hidrográfica Miño-Sil ficaron con níveis moi baixos de auga encorada. Concretamente, os encoros de Cenza e Portas (concello de Vilariño de Conso), non superaban o 15% da súa capacidade, e o de Salas (concello de Muíños, Ourense) e Belesar (varios concellos de Lugo) amosaban cun nível de auga de arredor do 30%.

“Esta importante baixada de caudal, particularmente grave e brusca no caso dos encoros de Cenza (río Cenza) e Portas (río Camba), debeuse á actividade da empresa concesionaria dos aproveitamentos hidroeléctricos, en ambos os dous casos Iberdrola, que decidíu turbinar os caudais en plena época de estiaxe para producir electricidade nun momento en que o seu prezo acadaba máximos anuais”, indicaron nun comunicado, sinalando que “Xunta e Confederación tiñan competencias para evitar o baleirado dos encoros e coñecían as intencións das eléctricas”.

Segundo explican, a xestión destes aproveitamentos hidroeléctricos corresponde á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Repto Demográfico. Este organismo informou que non puido evitar a baixada dos caudais encorados por non afectar ás normas de explotación dos aproveitamentos, e que os expedientes informativos abertos non detectaron incumprimentos nas condicións das concesións. Porén, aos poucos días (16 de setembro) o Ministerio modificaba de xeito “exprés” a Lei de Augas para introducir mecanismos que evitaran estes baleirados.

Polo que atinxe á Xunta, remarcaron, esta ten competencias exclusivas tanto no que atinxe á pesca nos ríos como ao medio ambiente dos territorios nos que se sitúan os encoros. A respeito da posíbel afectación da fauna piscícola pola explotación dos encoros, o Regulamento da pesca fluvial obriga ás concesionarias a comunicar toda operación que supoña a baixada dun 80% do caudal encorado, cousa que fixeron os días 10 de xuño e 12 de xullo pasados, no caso de Iberdrola.

E polo que atinxe ao medio ambiente, como engadiron, a Xunta xestiona toda a Rede Natura 2000 na que se encadran (ZEC Macizo Central) os dous encoros máis afectados polos baleirados (Cenza e Portas), sendo responsábel da boa conservación dos hábitats e especies presentes nestes espazos.

Ademais, Adega sinalou a responsabilidade das eléctricas por posíbeis delitos contra a fauna, a flora e o medio ambiente, destacando que Iberdrola, concesionaria dos encoros de Cenza e Portas, comunicou os días 10 de xuño e 12 de xullo ao Servizo de conservación da natureza da Xunta en Ourense que as operacións de baleirado que afectarían a estes encoros suporían deixalos con menos do 20% da súa capacidade. Tal comunicación á Xunta fíxose atendendo ao art. 83.1 do Regulamento da pesca fluvial.

“Porén, e malia a que o devandito regulamento establece un prazo mínimo dun mes para realizar baleirados que reduzan en máis dun 80% o volume de auga encorada, a concesionaria procedeu a realizar estas operacións 25 días no caso do encoro de Cenza e 12 días no de Portas, despois de llelo comunicar á Xunta, deixando ambos encoros por baixo do 20%”, manifestaron.

Por outro lado, indicaron que o comportamento da concesionaria dos aproveitamentos de Cenza e Portas non respectou os prazos establecidos no devandito Regulamento, e como consecuencia deste proceder, o ecosistema fluvial e a fauna piscícola puideron verse afectados. Xa que logo e para os casos do baleirado dos encoros de Cenza e Portas, e no relativo aos posíbeis danos á fauna pìscícola e especies protexidas, a empresa concesionaria podería ter incorrido nun presunto delito contra a protección da fauna e da flora na tipificación establecida no artigo 332 do Código Penal.

Neste senso, segundo destacaron, os posíbeis danos aos recursos naturais e ao ambiente poderían constituír un presunto delito tipificado no art. 325 do C.P. ao causar danos substanciais á calidade das augas e fauna acuática. Ao tratarse de territorios incluídos total ou parcialmente dentro de espazos protexidos, a conduta de Iberdrola atinxiría tamén -presuntamente- ao tipo penal do artigo 330 do C.P., por canto estarían afectados valores naturais chave para a catalogación dos espazos protexidos afectados.

POSÍBEL PREVARICACIÓN POR OMISIÓN DA XUNTA. Polo que atinxe ás actuacións da Xunta, Adega apuntou que apesar de que a Consellería de Medio Ambiente tivo coñecemento do baleirado a principios dos meses de xuño (día 10 para Cenza) e xullo (día 12 para Portas), os servizos técnicos de Medio Ambiente non visitaron os encoros afectados até o 20 de agosto (70 e 38 días respectivamente). “Evidénciase pois unha grave deixación de funcións por parte da Xunta ao renunciar á súa capacidade inspectora, cun máis que posíbel resultado de danos aos recursos piscícolas, ás especies protexidas e aos recursos naturais da ZEC Macizo Central”, comentan.

“Coa súa actitude de desleixo”, afirmaron que a Administración autónoma estaría a provocar tamén unha creba para a cidadanía da credibilidade e a confianza nas institucións. Xa que logo, o proceder da Xunta podería -presuntamente- cualificarse como “prevaricación omisiva” ficando descrito no tipo penal do art. 329 do C.P.

Á vista destes feitos, Adega pide á Fiscalía que proceda con urxencia a abrir dilixencias de investigación para determinar as responsabilidades tanto das empresas concesionarias dos aproveitamentos hidroeléctricos como das administracións titoras dos bens e recursos naturais afectados, para os casos do baleirado dos encoros de Portas, Cenza, Salas e Belesar.

23 sep 2021 / 10:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.