Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ana Miranda: “No veto á pesca de fondo existe un claro interese comercial”

Estando de novo no Parlamento Europeo, cales son as principais liñas de actuación do Bloque?

Estamos nunha crise multipolar, entón a defensa dos sectores produtivos e dos salarios e das pensións é primordial, porque se non defendes os sectores produtivos está claro que non defendes tampouco os postos de traballo. Ademais, hai ámbitos da Unión Europea que deciden sobre sectores produtivos galegos como é o caso da pesca ou da agricultura. Entón, eso vai ser tamén un cabalo de batalla.

Outra é a cuestión dos fondos europeos, sobre como debería recibilos Galicia e como controlar os que faltan por gastar e os que non veñen. E outro eixo importante van ser as denuncias, tanto de temas medioambientais, de pluralidade informativa, ou continuar co Alvia, do que non me vou a apear ata que o consiga.

Sobre os fondos europeos, que faria o Bloque de maneira diferente?

Primeiro, a xestión tiña que ser directa de Galicia, non pasar polo Estado. Temos un problema de fondo, que é a xestión e gobernanza dos mesmos. E no caso Galego, non se lle da prioridade aos temas que deberían, como o tratamento de augas, que aínda os temos atrasados cando tiña estar feito en 2012, e que haxa zonas aínda que non teñan tratamento de augas residuais é un problema.

E o BNG ten moi claro que os temas medioambientais deberían ser tamén unha prioridade nos fondos, e non se está tendo en conta, como o que pasa coa Rede Natura e cos eólicos.

De xeito resumido, que denuncian que acontece cos eólicos?

O primeiro é que hai uns espazos protexidos. Cando gobernou o bipartito, neses espazos non se podía poñer enerxía eólica, pero apoiámola como enerxía renovable desde o punto de vista sustentable. ¿Que fixo o PP antes e despois dese periodo? Ampliar a macroparques e permitir que grandes multinacionais veñan a instalarse vulnerando a normativa medioambiental. Fan a trampa de fraccionar os proxectos e multiplicalos, e ademais fano sin participación e sen consulta, por iso presentamos a denuncia con Adega hai escasamente un mes. Están vulnerando a lei, facendo unha trampa. Está claro que hai moitos intereses e moita porta xiratoria, incluída a de algunha conselleira.

Dende o Bloque falase de espolio, por que?

Un espolio, tal e como vén definido polas Nacións Unidas, é cando che rouban un recurso e este non redunda nas comunidades locais, que é o que está pasando. O noso é como casos que están pasando en moitos países, como no Congo e en Perú. Róubanse os recursos, e ademais faise vulnerando a lei, con macroproxectos divididos para que parezan pequenos pero que en realidade son descomunais. A única vía que queda é a política, denunciando, e a xudicial.

E que esperan conseguir coa análise da Comisión Europea?

Polo menos que abran un procedemento de infracción contra o Estado, e que obriguen a cambiar a normativa para evitar que se vulnere facendo trampa repotenciando ou fraccionando proxectos, que é o que está pasando. Non é estar en contra da enerxía eólica, que como enerxía renovable ben xestionada é necesaria, sobre todo agora neste momento de crise enerxética. Pero o que non podemos é inzar espazos naturais e da xente de eólicos, para beneficio das multinacionais.

No tocante ás denuncias, como as do ‘Villa de Pitanxo’ ou accidente do Alvia, con que ánimos se reciben en Europa?

Con estupefacción, porque en moitos estados europeos, non só estas cousas non pasan, senón que hai investigacións rápidas. E remitímonos tamén ao ‘Prestige’, do que se van facer 20 anos e aínda seguimos co caso. Este é un país de disparate, porque non é democrático. Se fora democrático estas investigacións estaban feitas con normalidade, e non con medo, pero hai moito que calar nun país non que non o é.

Falando agora da cuestión da pesca de fondo, cales son os próximos pasos a seguir?

Nós imos a presentar unha denuncia na Defensora do Pobo Europeo, por mala administración por parte da Comisión Europea e tomar a decisión con ausencia dun estudo co impacto socioeconómico. Ademais, o estudo científico empregado é o de 2021. Se hai un problema cos corais, haberá que xestionalo, pero non desta forma drástica, sen avisar ao sector e facéndoo pola porta de atrás e correndo.

O comisario non ten nin idea, e para min, sinceramente debería dimitir logo desta medida.

Considera que hai algún interese detrás desta decisión?

Si, hai un interese totalmente comercial, en rematar con certas frotas que son poderosas. Falan da trazabilidade dos produtos, de controlar as importacións de fóra que ademais moitas veces é un peixe que non cumpre coas condicións... pero hai un interese comercial, porque senón isto non se explica. Europa debería defender os seus sectores, e non o está facendo.

Neste senso tamén pediades que se recoñeza o rol das confradías na toma de decisións, influiría dalgún xeito nesta cuestión?

As confradías non están recoñecidas como asociacións de produtores, entón na toma de decisións ós están sendo consideradas de forma consultiva. O primeiro sería que se recoñezan a nivel do Estado, porque Bruxelas xa nos dixo que non ten problema en facelo sempre que o faga antes España.

Despois, influiría que tiveran máis peso en Bruxelas? Eu creo que si, creo que teñen que ir máis a Bruxelas, ter máis reunións e unha relación directa. En Bruxelas hai que explicar todo moito, porque lexislan sen vistas ao mar nin vistas de ningún tipo, e sen ningún cariño a este sector. Esto vén do 86 e está planificado que se destrúa.

Semella que este vai ser un mandato intenso.

Si, porque son dous anos agora en vez dun ano e pico, e ademais abarca o fin da lexislatura a maiores de moitos frontes abertos. É un escano concentrado en dous anos, aínda que hai quen está os cinco e non se lles ve. En cambio a nós penso que si, e ademais unha cousa moi importante é que non lle debemos nada a ninguén. Non temos ataduras de estados, nin nos din como votar. Tomamos as nosas decisións como escano galego, e esa é a prioridade.

O “escano galego” do parlamento europeo

A primeira vez que Ana Miranda ocupou un escano en Europa foi no 2012, logo das eleccións do 2009, como parte da lista do grupo Los Verdes e relevando Oriol Junqueras (Esquerra Republicana de Catalunya).

Nas eleccións ao Parlamento Europeo do 2014, Miranda ocupou o segundo posto da lista electoral do grupo Los Pueblos Deciden, coalición varias forzas nacionalistas, que acabou por conseguir un único escano. Segundo o acordado, o representante de EH Bildu Josu Juaristi, cedeulle a súa posición en febreiro do 2018, a un ano e medio de rematar a lexislatura.

Xa nos últimos comicios, de 2019, foi na cuarta posición de Agora Repúblicas, coalición entre ERC, EH Bildu e o BNG. A candidatura obtivo tres escanos, e o representante de Bildu, Pernando Barrena, cedeulle o seu escano como a última vez, desta quenda con dous anos de lexislatura por diante.

02 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito