Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Aplicación Espello 2022

Decana da Facultade de Matemáticas da USC

Os anos conteñen o que lles metemos, e este ten unha guerra explícita que leva a valorar as persoas do presente no día de Galicia do 2022.

Os espellos ucraínos están quebrados para persoas que fai uns meses brindaron coma nós polo 2022, e se tentamos empregalos pulindo a lente da empatía, máis que un retrato vemos un quebracabezas que contén pezas compartidas. Eses espellos só reflectirán beleza se instalamos nas nosas mentes unha aplicación espello que proxecte equidade e que fusione os seus anacos coa paz. É preciso que a accionen neuronas espello as persoas de ambos bandos con responsabilidades políticas.

Confeso que empecei a instalar esta aplicación ao responder en diferentes encontros sobre a presenza das mulleres en diferentes estudos relacionados coas matemáticas e a informática. Sempre falamos de referentes.

No comezo desta encomenda, ao decatarnos de tantas mulleres descoñecidas e non recoñecidas, tentamos duplicar obxectivos. Comezamos proxectando grandes referentes e as nenas e das mozas precisaban de grandes castelos, para dispor de longas paredes onde colgar os espellos. E as paredes ás veces remataron sendo as súas costas, e o conto rematou en traxedia, coa lumbalxia mental do síndrome da impostora...

Hoxe quero convidalas e convidalos a mudar o final do conto, a sacar referentes dos castelos, e a instalar nas nosas mentes unha aplicación lixeira e natural. O reflexo nun regato de persoas admiradas e próximas é suficiente para activar neuronas espello.

Fai pouco participamos nun programa de A Ciencia é Feminino tres estudantes da novena, unha da décimo terceira promoción do Programa Estalmat-Galicia e quen escribe.

Ariana liderou o programa formulando valiosas preguntas que as miñas admiradas Aldara, Isabel, María e Kenya despois de responder rebotaban entre elas. Unha foi de referentes, e moi sabiamente Aldara dixo que máis que a persoas concretas ela admiraba cualidades de persoas.

Ela xa ten feita a súa aplicación espello. Un quebracabezas no que cada peza é valiosa por si mesma e integra valores admirados para proxectar a propia imaxe.

Compartirei hoxe que vexo no regato cristalino, sumando xa as compañeiras de dito programa.

No encontro organizado este mes por FEMURO en Verín, dedicado a romper teitos de cristal, eu lembrei ao Sr. Arias, profesor de Física e Química do IES As Lagoas de Ourense, quen fixo que a Física fose a miña primeira vocación, e que xusto nos deixou o día de San Pedro. Aprendín, como moitos colegas do instituto, dun gran mestre e dun señor da Física.

Deste centro sempre agradecerei o recibido de todas e todos os docentes. Sen as súas pezas estaría incompleto o meu espello.

O quebracabezas reflexivo é unha colección de cromos que a vida che vai dando en sobres e ti decides abrir.

A primeira entrega é na casa, eu abrina antes de nacer, a miña nai, ela é a referente de sabia e emprendedora que sabía ver onde apostar o futuro. Esta é unha peza única, un dos cromos que non cambias, dos que o editor da colección puxo en poucos sobres. Tela, recoñecela e poder dicirllo en vida e vivir a súa morte, como no caso do Sr. Arias, e colocar o cromo no sitio exacto do espello.

Hai outra peza que ten sido protagonista na sección da Mandala deste xornal. Está afinada, feita moi a medida e agora da puntadas sen fíos en soños, é o meu pai. Este curso pasouno comigo e partillamos os cantos dos canarios e dos merlos, o elegante movemento da garza, o vestido do Fontán e o lume, provocando que unha adolescente reparase no seu flow. Outro dos cromos que se cambiase sería outra persoa. Vexo esta peza nas miñas mans, pola xenética compartida, enfiando matemáticas e sentimentos con feitos.

Hoxe, no día de Galicia, desexo que se recompoñan os espellos ucraínos, e que vostedes ao instalar a aplicación espello identifiquen todas as súas pezas valiosas, e recoñezan sempre o seu propio rostro con moito afecto, seguro que aparece noutros espellos nos que vostedes son referentes nun regato cristalino!

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito