Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Archivan provisionalmente a causa contra os ‘19 de Meirás’ pola protesta na que entraron no pazo

O colectivo cualifica de “vitoria” o sobresemento // O auto non é firme polo que cabe recurso dos Franco ante a Audiencia Provincial

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Betanzos (A Coruña) acordou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións seguidas contra o colectivo dos “19 de Meirás” que accederon ao pazo en 2017, unha decisión que este colectivo cualificou de “vitoria”. O auto non é firme e cabe recurso por parte da familia Franco ante a Audiencia Provincial.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informa desta resolución nunha nota de prensa referida sobre 17 persoas pola protesta no pazo de Meirás realizada o 30 de agosto do 2017 durante a que accederon ao recinto e despregaron pancartas contra o franquismo e esixindo a devolución do inmoble.

Segundo o fallo, “non pode atribuírse a responsabilidade a todos e cada un dos intervenientes, dun modo xenérico, individualizado ou discriminado”, nin determinarse “en ningún dos investigados, en concreto, a causación dos diversos danos”. Así, argumenta, ao non aparecer “debidamente xustificada a perpetración dos delitos, así como persoa individualmente responsable dos mesmos”, acórdase o sobresemento provisional e arquivo da causa fronte aos 17 investigados.

O Tribunal Supremo tamén declarou en marzo de 2021 o arquivo das actuacións seguidas, pola súa condición de aforado, contra un deputado do BNG que participou nos mesmos feitos, Néstor Rego. O alto tribunal considerou entón que non concorría o delito de odio previsto no artigo 205 do Código penal, nin tampouco un delito de violación de morada, pois os querellantes “non son un grupo minoritario que requira unha especial protección”.

Sobre o delito de danos na cuberta e muros do pazo, o Supremo entendeu que a actuación de cada interveniente “non pode ser individualizada” e “tampouco resulta acreditada a intención dolosa e conxunta por parte dos partícipes na reivindicación de chegar ao acordo de producir os devanditos danos”.

Para os ‘19 de Meirás’ esta decisión do xulgado de Betanzos é unha “vitoria” da que están “enormemente orgullosos” tras a ocupación simbólica do Pazo de Meirás fai catro anos. Decláranse “enormemente orgullosas e orgullosos do que fixemos aquel agosto de 2017 coa ocupación simbólica do Pazo para denunciar o espolio perpetrado polo franquismo e reclamar a devolución de todo o roubado ao pobo galego” explica Anxo Louzao, voceiro das e dos ‘19 de Meirás’, según afirma o colectivo nunha nota de prensa.

Engaden que “a día de hoxe fica absolutamente demostrado que o pazo foi roubado ao pobo galego e que é absolutamente vergoñento que os herdeiros da ditadura sigan a desfrutar dun patrimonio que foi espoliado co sangue de milleiros de galegas e galegos” dixo o voceiro, indicando tamén que “corresponde que unha vez que conclúa o proceso xudicial o Pazo sexa transferido á administración galega e que o destino que se lle dea sexa o de honrar a memoria democrática do pobo galego” reclaman desde as e os 19 de Meirás.

Con todo, desde este colectivo sinalan que “é innúmero o patrimonio que foi espoliado ao noso pobo por parte da ditadura franquista e que debe ser devolto” expuxo Louzao que sinalou como máximos expoñentes deste espolio, ademais do Pazo de Meirás, a coruñesa Casa Cornide ou as esculturas do Pórtico da Gloria, aínda en litixio.

09 nov 2021 / 14:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.