Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As 2.628 prazas de docentes en Galicia serán distribuídas nun total de 61 especialidades

Máis do 87 % son de novo ingreso, 950 delas para mestres e 1.171 para ensino secundario, entre outras // Os de FP deben esperar

Os opositores e opositoras de Galicia a prazas de educación coñecen desde este venres o número de prazas por especialidade para as oposicións deste ano 2022. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, presentou ás organizacións sindicais na mesa sectorial a citada oferta de prazas de docentes. As 2.628 prazas totais están distribuídas en 61 especialidades, das que máis do 87 % son de novo ingreso e as restantes son de promoción interna.

No caso das prazas de novo ingreso, 950 serán para mestres, 1.171 para ensino secundario, 45 para docentes de escolas oficiais de idiomas e 8 para os de artes plásticas e deseño.

No caso da promoción interna, haberá 10 prazas para o acceso ao corpo de inspectores de educación, 298 para optar ao corpo de profesores de ensino secundario e as outras 2 para o de artes plásticas e deseño.

A convocatoria destas prazas, que acumulan as ofertas de emprego de 2021 (xa aprobada) e 2022 (que se aprobará no próximo Consello da Xunta), publicarase antes de que remate o mes no Diario Oficial de Galicia.

os Profesores técnicos de Fp deberán agardar Exceptuaranse desta convocatoria 144 prazas en total correspondentes ás especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de FP, un corpo que desaparece na nova lei educativa estatal e que deberán agardar á concreción que resulte da publicación da lei de FP por parte do Goberno central, tanto no referido ás especialidades que pasarán ao corpo de profesores de ensino secundario como no que atinxe ao desenvolvemento do corpo de especialistas de sectores singulares da FP. En calquera caso, estes postos quedarán aprobados na oferta pública de emprego de educación da Xunta de 2022, para así poder convocalos en canto sexa posible.

Como é normativo, reservarase unha cota do 7 % do conxunto para ser cubertos por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

procedemento habitual en xuño e un concurso de méritos posterior As probas para estas 2.484 prazas (tendo en conta que as de profesores técnicos de FP aínda non se poden convocar) celebraranse nos meses de xuño e xullo polo procedemento habitual. Deste xeito,tal e como mencionou o conselleiro de Educación o pasado martes, dase tranquilidade aos opositores e blíndase a seguridade xurídica do proceso. Ademais, haberá unha segunda convocatoria que consistirá nun concurso de méritos e que, aínda que se descoñece de forma oficial o número de prazas, o conselleiro de Educación xa adiantou que poderían situarse entre as 500 e 600.

Isto parte de que o Ministerio de Educación anunciou no medio do Nadal a súa intención de, transitoriamente e ata 2024, facer cambios no sistema de oposicións para favorecer que os interinos acaden praza e que se reduza ao 8 % a temporalidade no ensino, unha cifra que Galicia xa rexistra.

Dado que o novo real decreto está aínda sen publicar, e que existen dúbidas da súa solidez, a Xunta decidiu adiantar o proceso para ofrecer certezas ás persoas que están a preparar as probas.

Deste xeito, Galicia convértese na primeira comunidade en pechar e aclarar o sistema de oposicións para este ano, ademais de ser a que ten unha interinidade docente máis baixa do Estado, un 8 %, fronte ao 25 % de media de España.

número de prazas por especialidade
As centrais sindicais ven a convocatoria da OPE “restritiva e apresurada”

Santiago. Todas as agrupacións presentes na reunión con Jesús Álvarez Bértolo –CIG, CCOO, UXT e ANPE– amosaron o seu rexeitamento ao proceso, aínda que non todas coa mesma postura.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, asegurou que o sindicato “non apoiará a oferta pública de emprego”, dado que “non houbo negociación”.

Manifestou que, “para poder ter unha negociación seria”, terían que estar as dúas convocatorias –a anunciada este venres e a relacionada coa reducción da temporalidade– enriba da mesa. “O que lle exiximos á Xunta é coñecer os criterios dese concurso excepcional. Cando vexamos cantas prazas, evaluaremos o conxunto”.

Unha decisión que, explicou, débese a que, “nalgunhas especialidades, a cifra que se presenta nesta convocatoria é practicamente a mesma á dos interinos, polo que algunhas persoas poderían perder o seu posto de traballo”.

Pola súa parte, o responsable de acción sindical da Federación de Ensino de CC. OO., José Fuentes, solicitou “o maior número de prazas posible” e seguir traballando en reducir a temporalidade, ao tempo que afirmou que “non se pode negociar a oferta como a traen, sen datos globais”. Criticou, ademais, que non se abordase o cambio nas ratios e que a Xunta só presente o cen por cen da taxa de reposición, “cando a lei establece que se pode ofertar o 120 %”. Dese xeito, sinalou, “recuperaríase o emprego perdido en anos pasados”, segundo dixo a Europa Press.

É por iso que dende o sindicato prefiren agardar ao novo decreto estatal para os procesos de oposición, “o que permitiría unha oferta máis ampla”, dixo José Fuentes.

Sandra Montero, de UXT, tachou a convocatoria de “apresurada”. “Sería máis lóxico esperar a que se publicase o real decreto, sobre todo sabendo que a convocatoria afecta a 2021 e 2022, e que no real decreto menciónase 2022”, explicou. Tamén solicitan a eliminación da taxa de reposición, “o que permitiría a baixada de ratios. Igual que o resto de compañeiros, pedimos que se nos aporten todos os datos das prazas que se van ver afectadas”.

CRÍTICAS Ao MINISTERIO. Todos os participantes na mesa censuraron o papel do Ministerio de Educación, tamén do Goberno galego. A CIG, aínda que recoñece que “o responsable fundamental desta situación é o Ministerio, que non está presente”, manifestou que o Goberno autonómico “mente” cando di que non se coñecen as condicións do novo decreto. “O que non se coñece é como vai ser, pero si as condicións, que están publicadas no BOE. Se a CIG as coñece, a Xunta tamén”, concluíu Suso Bermello.

especialmente crítico. Todos os sindicatos se amosaron disconformes coa actuación do Goberno central, pero o presidente de ANPE Galicia, Julio Díaz, foi especialmente crítico. “Estamos nesta situación pola total neglixencia do Ministerio, nun caos administrativo incomprensible, cunha xestión calamitosa nun tema como é a estabilidade dos interinos”, sinalou.

“A situación vén da creada polo Goberno desde hai meses”, atallou. “Once comunidades autónomas xa teñen previsto o seu proceso de oposición e ningunha delas vai facelo polo novo criterio, que vai polo cuarto borrador. Nin os propios gobernos do mesmo partido do Executivo son quen de convocar por ese sistema”, insistiu Díaz. e.p.

Recrimina

··· A portavoz da Executiva do PSdeG, María Pierres, afeoulle á Xunta que estenda tamén á oferta pública de emprego de Educación a súa “formulación de confrontación” co Goberno central xerando “inseguridade” entre os opositores.

··· Pierres recriminoulles que “saque peito” sobre as taxas de interinidade na comunidade cando “mantén as ratios de alumnos máis altas do Estado”, sostivo, e a día de hoxe “tamén a relativa a horas docentes”. Instou ao Executivo de Núñez Feijóo a “facer o que ten que facer” e convoque unha OPE cun amplo número de prazas aproveitando os fondos comunitarios, que reforce a estabilidade laboral e mais os corpos docentes”.

14 ene 2022 / 20:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.