Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As familias rexeitan que os centros escolares de Galicia volvan blindarse este curso

Anpas Galegas demanda o regreso das titorías presenciais, as actividades con persoal externo e as saídas dos alumnos fóra

O próximo día 9 de setembro os centros educativos dos niveis máis básicos volverán a rebulir cos pasos e as risas dos alumnos, unha semana despois farano os de Secundaria e etapas superiores. O curso 2020/21 será o terceiro influenciado pola pandemia de coronavirus, que parece que se resiste a deixarnos e trae un baile semanal de medidas, niveis de alerta para intentar que a sociedade en xeral se resinta o menos posible.

Nestes momentos, cos portocolos antiCovid aínda por decidir na súa totalidade –hoxe mesmo reúnense Ministerio e comunidades para falar sobre o tema–, as familias galegas amósanse preocupadas polo desenvolvemento da vida nos colexios e institutos da comunidades.

Así, desde a Confederación Anpas Galegas, o seu presidente, Fernando Lacaci, explica que rexeitan que os centros escolares galegos volvan blindarse ao resto da sociedade, como ocurriu o ano pasado. Non falan de cuestións sanitarias xa que “desde sempre dixemos que iso non é da nosa competencia”, senón do peche dos centros tanto a entradas do exterior como a saídas. Isto é, reclaman a recuperación das “titorías presenciais.É unha normalidade imprescindible neste momento, explica Lacaci, porque o trato profesor-familia por teléfono non é o mellor e, ademais, as familias que menos se benefician deste contacto por teléfono, as que menos van entender, son as que máis necesidades teñen de apoio.

Pero non só queren que sexa presencial a titoría, unha custión “practicamente irrenunciable” para Anpas Galegas; tamén os órganos de goberno dos centros. “As reunións presenciais son necesarias, o debata online estivo ben, é válido”, pero hai cuestións a tratar en persoa.

Quere, do mesmo modo, que as actividades dentro dos centros con persoal externo, como charlas ou formación, se fagan de maneira xeralizada, como antes da pandemia. Do mesmo xeito que as saídas dos alumnos de novo á rúa. Que se recuperen as saídas ao campo, as excursións, as visitas a museos e teatros, todas elas actividades enriquecedoras para os estudantes que se eliminaron en gran medida na maioría dos centros.

Anpas Galegas explica que o panorama deste próximo curso non é o mesmo que o pasado. “Cunha porcentaxe de vacinación alta, incluso entre os chavales, ou coa experiencia do curso pasado, se establecen 1,2 metros de distancia en vez dos 1,5 e regresamos ás ratios de alumnos na aula como antes da pandemia a calzador, podemos abrir os centros”, rematan.

O protocolo antiCovid decidirase hoxe entre Ministerio e CCAA

A nova ministra de Educación e FP, Pilar Alegría, e os conselleiros autonómicos do ramo, no caso de Galicia, Román Rodríguez, reuniranse hoxe, mércores, para revisar o protocolo acordado o pasado maio e xuño sobre o próximo curso escolar e as medidas que se tomarán en función da taxa de incidencia do Covid-19.

Alegría toma así a testemuña da súa antecesora no cargo, Isabel Celaá, que foi a que negociou estas medidas coas autonomías antes de ser relevada da carteira. Neste escenario, as comunidades xa perfilan o inicio do curso, que arrinca en poucas semanas co profesorado vacinado pero discrepando nalgunhas medidas para evitar contaxios, como a distancia de seguridade interpersoal que se debe manter en 1,5 metros, podéndose flexibilizar a 1,2 metros.

O punto de partida fala de garantir a presencialidade, incluído o comedor escolar, coa posibilidade moi excepcional de limitala a partir de 3º da ESO. O uso da máscara volverá ser obligado a partir dos seis anos e haberá aulas burbulla en Primaria e Infantil en Galicia.

Non obstante, tamén terán que falar sobre si se incrementan de novo as ratios de alumnos na aula a nivel prepandemia. Implica non desdobrar unidades e, polo tanto, prescindir dos docentes de reforzo contratados no curso pasado, o 2020/21. s.b.

A Xunta reclamará máis fondos para os reforzos do profesorado

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asegurou este luns que reclamará ao Goberno central na cita de hoxe que “achegue fondos complementarios” para “facer fronte aos custos do sistema”. Rodríguez sinalou que esta partida orzamentaria non suple aos fondos ‘REACT’ do fondo de financiamento ás comunidades, e serviría para cubrir gastos en todos os niveis educativos: “equipamento, dotacións, profesorado...”.

Así, asegurou que ese é a “principal reivindicación” na que debe incidir o Goberno galego no encontro desta semana, unha demanda que xa foi expresada en máis ocasións polo titular de Educación galego.

Ademais, explicou que Educación escoitará as propostas do ministerio para traballar, por unha banda, no nivel puramente sanitario, e por outro, en todo o relacionado co financiamento para aplicar medidas que poidan “supor un sobreesforzo económico” de cara ao inicio e desenvolvemento do curso académico que comeza enmenos de quince días.

Rodríguez explicou que haberá máis seguridade sanitaria, co bo ritmo de vacinación da poboación en xeral e o comezo das primeiras doses, esta semana, para os rapaces desde os 12 anos. A previsión da Xunta é poder recuperar un escenario de normalidade a partir do curso 2022-23. s.barba

25 ago 2021 / 00:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.