Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Día Mundial

As persoas coa síndrome de Down reclaman os seus dereitos e piden respecto para as súas decisións

As entidades Down en Galicia programaron un acto institucional en formato virtual que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia e coas actuacións de Tanxugueiras e a Orquesta Cinema // O Premio Extraordinario Down Galicia foi outorgado a tódalas persoas pertencentes ao Movemento Down en Galicia, polo esforzo amosado durante a crise sanitaria

SANTIAGO. Un acto virtual foi a opción escollida polo Movemento Down en Galicia para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down en tempos de pandemia. Nun evento que mesturou unha parte lúdica e outra institucional, as persoas con trisomía 21 foron, unha vez máis, as verdadeiras protagonistas, reclamando novamente os seus dereitos e defendendo a riqueza dunha sociedade diversa e plural. “Merecemos as mesmas oportunidades que o resto da sociedade e que nos deixen desenvolver as nosas capacidades. Queremos vivir nunha sociedade que respecte a diversidade e que inclúa a todas e todos, sen excepción”, demandaron.

Para conducir este acto conmemorativo, a Federación Down Galicia tivo a sorte de poder contar con Irene Rodríguez-Toubes e David Aldrey, dous mozos membros do Movemento Down que foron dando paso ás distintas actuacións e persoas convidadas neste evento tan atípico.

A benvida correu a cargo de Delmiro Prieto González, presidente de Down Galicia, que comezou a súa intervención aclarando que “o Día Mundial da Síndrome de Down é un día de celebración, pero tamén de reivindicación daqueles dereitos que, por un motivo ou outro, se ven vulnerados”. Nesta ocasión, o presidente de Down Galicia quixo poñer o foco do seu discurso na educación, da que dixo que “ou é inclusiva ou non é educación” e destacou que “unha sociedade que mira ao futuro non pode permitirse vivir máis tempo nunha situación de segregación ou de exclusión educativa”. Prieto rematou a súa participación no evento dando as grazas a todas as persoas asistentes e, sobre todo, ás persoas coa síndrome de Down, por ser quen empurra e traballa para cambiar o seu destino.

O acto tamén contou coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou o esforzo diario amosado polas persoas coa síndrome de Down e as súas familias, de quen dixo que son “un exemplo a seguir para toda Galicia nun momento onde necesitamos referentes de superación” e salientou que “o que realmente limita non son as supostas discapacidades, senón os prexuízos”. Feijóo remarcou que “nin sequera a pandemia logrou frear un proceso imparable: que as persoas coa síndrome de Down conquisten cada vez máis espazos da nosa sociedade” e que “todos estes avances chegan para quedarse e non teñen volta atrás”.

Ademais das intervencións institucionais, o público do evento puido desfrutar coas estupendas actuacións de Tanxugueiras e da Orquesta Cinema, que non quixeron perder a oportunidade de conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down interpretando senllos temas reivindicativos. A través da súa canción “Desposorio”, Tanxugueiras quixo destacar o importante papel da muller na sociedade actual, mentres que a Orquesta Cinema interpretou o tema “Quero ser coma ti”, composto para a ocasión polo solista da banda, César Romero, e que visibiliza o orgullo das familias das persoas con discapacidade e louba a importancia da diversidade.

Pero o momento máis importante do acto chegou preto do final, cando dez persoas usuarias de entidades Down en Galicia alzaron a súa voz e reclamaron os seus dereitos en nome de todo o colectivo. A través do Decálogo pola Inclusión, as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais deixaron ben claro que queren unha atención temperá pública e de calidade, unha educación e un emprego inclusivo, un envellecemento activo cos recursos dos que dispoñen na súa comunidade e unha atención sanitaria igualitaria e respectada.

Pero, sobre todo, demandaron unha sociedade que respecte as súas decisións e que lles preste os apoios que precisan para levar a vida que elas mesmas elixan. “Que nos deixen ser persoas autónomas e independentes, experimentar, querer, divertirnos e equivocarnos”. Accede aquí ao decálogo.


Premios Down Galicia

Desde hai algúns anos, a Federación Down Galicia aproveita a conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down para entregar os Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.

Neste ano tan singular, a Federación decidiu entregar unicamente un Premio Extraordinario, que recaiu en todas as familias, profesionais e persoas usuarias do Movemento Down en Galicia, pola súa gran capacidade de adaptación e polo esforzo amosado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19. Grazas ao traballo e ás ganas de todas elas, as actividades das entidades Down puideron continuar levándose a cabo, evitando desta maneira un prexuízo maior que o propio confinamento para todas as persoas usuarias coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.


Iluminación dos principais monumentos de Galicia

En colaboración co Xacobeo, os principais monumentos de Galicia tinguíronse de azul e amarelo durante estes días para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Deste xeito, a administración autonómica e o Movemento Down en Galicia quixeron unir as súas forzas para concienciar á sociedade sobre a realidade desta alteración cromosómica. Así, desde o pasado xoves e ata esta mesma noite, a cariña característica do Movemento Down e a frecha do Camiño de Santiago iluminarán xuntas as sete cidades galegas para indicarnos a senda do Camiño da Inclusión.

Outras iniciativas polo Día Mundial da síndrome de Down

Este ano, a maiores do acto virtual conmemorativo e a iluminación dos principais monumentos galegos, Down Galicia decidiu apostar por varias accións de visibilización simultáneas para intentar achegar a realidade da síndrome de Down a toda a sociedade. Por un lado, Down Galicia lanzou unha campaña de sensibilización en concellos, centros educativos e universidades baixo o lema “Tan diferentes como iguais”, coa que pretende poñer en valor o concepto da diferencia e dar visibilidade á idea de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferencia é a que nos enriquece como sociedade.

Por outra banda, a Federación e as súas entidades uníronse á iniciativa internacional dos calcetíns desparellos, unha campaña que busca concienciar e apostar pola importancia da inclusión e da diversidade. Desta maneira, animábase a todas aquelas persoas que quixesen participar a sacar unha foto vestindo calcetíns diferentes e subila ás redes sociais coas etiquetas #DíaMundialSindromeDown, #TanDiferentesComoIguais e #CalcetinsDesparellos.

22 mar 2021 / 10:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.