Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As Pontes considera que o plan de desmantelamento presentado por Endesa "desvirtúa" a importancia da central

O concello tamén advirte do posible impacto da derruba da central ao patrimonio cultural e natural da zona

SANTIAGO. EP. O Concello das Pontes (A Coruña) considera que o plan presentado por Endesa para o desmantelamento da central térmica "desvirtúa e alixeira" o impacto que terá o seu peche para o municipio e a comarca. Así figura nas alegacións presentadas polo ente municipal que dirixe o rexedor Valentín González Formoso ao proxecto de avaliación ambiental para o peche da central. O documento foi elaborado por técnicos e expertos municipais e demanda que o plan de desmantelamento da térmica sexa autorizado a través dun procedemento ordinario e non simplificado.

"O plan presentado por Endesa desvirtúa e alixeira o impacto que o peche da central térmica ten sobre o noso municipio e a comarca", sinalou a responsable de Industria do concello, Ana Pena.

Nun comunicado emitido este sábado, a concelleira pon o acento en que a central das Pontes supera os 300 megawatios e o seu impacto tanto laboral como económico na comarca é de "entre 1.000 e 1.400 postos de traballo directos e indirectos", ademais de supor "case 7 millóns de euros de recadación nas arcas municipais" e roldar os 25 millóns de euros en xeración de economía na comarca cada ano. Por iso, o goberno local cre que Endesa "non presenta datos que cuantifiquen as consecuencias do plan de desmantelamento que presenta".

Así as cousas, As Pontes demanda que o plan se realice a través dun procedemento ordinario para que exista un "seguimento exhaustivo" do proceso de peche da central e que se poñan sobre a mesa alternativas para a economía da zona, que para o concello pasan por converter parte da planta para dedicala á produción de enerxía eléctrica con biomasa.

Por último, o goberno municipal tamén mostra as súas dúbidas sobre o impacto que pode supor o plan sobre o patrimonio cultural do concello coruñés, xa que advirte que a proximidade á planta de zonas como A Vilabella e a súa igrexa ou a mámoa da Mourela "fainas susceptibles de verse afectadas por este proxecto de demolición", que, segundo o municipio, tamén podería impactar no río Eume.

26 sep 2020 / 13:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.