Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Roi Casal presenta en Lugo o seu novo disco Máxicamente vello

O cantante chega a Lugo cunha actuación incluída na xira de presentación do seu novo traballo Máxicamente vello

    O Auditorio Gustavo Freire acollerá este venres, día 11 de marzo, un concerto do cantante Roi Casal, incluído na xira de presentación do seu novo disco, Máxicamente vello. A cita será as 21.00 horas, e as entradas poden adquirise a través de www.servinova.com ou unha hora antes da actuación nas taquillas do Auditorio.

    Músico, compositor e cantante, Roi Casal publicou en 2009 o seu primer traballo en solitario, Lendas douradas, un dos discos máis vendidos en Galicia en 2009. Agora, Máxicamente vello é o título do novo disco en solitario, un conxunto de nove cancións coas que Roi Casal consolídase como un dos referentes da música feita en Galicia. Coa sonoridade característica que lle confire a arpa, a zanfona ou o bouzouki, Máxicamente vello é un disco que mira cara a tradición dende a modernidade, dando como resultado un traballo maduro repleto de matices e no que participa o grupo habitual dos directos de Roi nos dous últimos anos.

    Roi Casal iniciou a xira de presentación de Máxicamente vello o 18 de febreiro cunha actuación na Sala Capitol de Santiago de Compostela, e tras o seu paso por Lugo (11 de marzo), continuará con concertos en Madrid (30 de marzo), Barcelona (31 de marzo), Zaragoza (2 de abril), Pontevedra (8 de abril), Vigo (13 de abril), Bruxelas (15 de abril), Ourense (7 de maio) e Ferrol (17 de maio).

    Roi Casal

    Nacido en 1980, Roi Casal é un músico, compositor e cantante galego de gran virtuosismo, xa que desde os 14 anos toca a arpa céltica, a zanfona, o piano e o bouzoki. Formado co Mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid, entrou a formar parte de Milladoiro, o grupo máis internacional da música galega, no ano 2000. Tras case unha década de carreira co grupo, no ano 2008 inicia a súa carreira en solitario coa publicación de Lendas douradas. En febreiro de 2011 publica o seu segundo traballo, Máxicamente vello, no que de novo realiza unha interpretación da música galega desde unha visión contemporánea.

    09 mar 2011 / 17:08
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito