Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caballero critica a "política austericida" de Feijóo, desconfía dos seus orzamentos e ve "abandonada" a hostalaría

SANTIAGO. EP. O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu este sábado a reunión da Comisión Interparlamentaria do PSdeG na que se analizou o anteproxecto de orzamentos da Xunta, dos que asegurou "desconfiar" o xefe de filas dos socialistas galegos. Nese foro, o líder socialista remarcou que Feijóo "chega tarde e mal a rectificar a súa política de austericidio", tendo en conta que "o seu proxecto estrela", en alusión ao plan para a hostalaría dotado con 17 millóns de euros, "está moi por baixo do que invisten outras comunidades cun nivel de poboación menor".

De feito, Gonzalo Caballero sostivo que "Galicia está á cola de todas as comunidades" en axudas directas nesta pandemia, xa que "non hai nin un só pequeno comerciante ou hostaleiro que recibise un só euro da Xunta" desde o pasado mes de marzo, a pesar da súa situación "crítica".

"Pedímoslle a Feijóo que traballe para defender á xente fronte aos riscos desta crise", incidiu o dirixente socialista, convencido de que un proxecto de axudas para a hostalaría galega de 17 millóns de euros mostra que "Feijóo vive illado en Monte Pío e sen ter en conta as necesidades dun país que o está pasando tan mal". "Se esa é a orientación de Feijóo para enfrontar esta pandemia, temos que desconfiar", apostilou.

"DESCONFIANZA" E LOITA CONTRA A DESIGUALDADE

"Desconfiamos do Feijóo que recortou os servizos públicos durante 11 anos, do Feijóo que abandona á hostalaría nesta crise e do Feijóo que oculta os proxectos que quere impulsar con fondos europeos para relanzar Galicia", aseverou, para engadir que "desconfía" das contas que chegarán o luns ao Parlamento autonómico.

Precisamente pendente da entrada do proxecto de orzamentos na Cámara, Caballero fixo fincapé en que "as políticas de Feijóo fronte á crise foron un fracaso" até agora, polo que fai falta apostar por "políticas expansivas e con compromiso social".

"Ten que pór todas as capacidades da Xunta para salvar aos galegos e ás galegas", recalcou Gonzalo Caballero, á vista da "falta de rumbo" que está a mostrar Feijóo. "Hai que pór as prioridades na defensa das persoas, na loita contra a desigualdade e no impulso da economía", reivindicou.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero comprometeu que o PSdeG seguirá traballando nesa liña, apostando por "políticas anticíclicas que reactiven a economía" e por "políticas sociais que protexan ás persoas e freen o aumento da desigualdade".

21 nov 2020 / 18:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.