Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caballero propón un Goberno progresista para "rearmar" a sanidade

Un informe de expertos sanitarios do PSdeG incide na falta de persoal, recursos e compromiso cos hospitais comarcais

SANTIAGO. EP. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insistiu este sábado na importancia de avanzar cara a "un novo modelo sanitario" a través dun goberno progresista que "rearmará" o sistema público após "once anos de recortes do PP de Feijóo".

"Esta vai ser a nosa folla de ruta", lembrou, para garantir que o seu Executivo ofertaría contratos estables para todos os profesionais dispoñibles, traballaría no fortalecemento da atención primaria e no mantemento e ampliación dos hospitais comarcais.

Caballero recibiu este sábado, da man da exconselleira do bipartito Maria José Rubio, as conclusións do comité de sanitario formado por 50 expertos e achegas de diversos colectivos para abordar a situación da sanidade pública, o impacto da COVID-19 e os cambios e actuacións máis urxentes.

O obxectivo do texto é o de contar con "o mellor proxecto de goberno no ámbito sanitario", para o que se contou con contribucións de profesionais e expertos en xestión como o exdirector de Saúde Pública, Ramón Medina.

O documento alerta da perda de máis de 1.100 profesionais en atención primaria e contrasta as "sucesivas" condenas por contratacións fraudulentas no Sergas co nivel de estabilidade logrando durante o Executivo de Emilio Pérez Touriño, que se situaba por encima do 90%.

Así mesmo, lembra o incremento orzamentario en Sanidade do 34% respecto dos anteriores mandatos do PP, que deixaron unha débeda "de máis de 400 millóns de euros" no Sergas "saneada" polo goberno bipartito.

DOTACIÓN DE MEDIOS

Os socialistas denuncian que a chegada de Feijóo derivou en "acumulacións de esperas" e "saturacións dos servizos de urxencia", debido aos recortes practicados, e que derivaron nunha "conflitividade" en atención primaria con "folgas" e ata "dimisións" pola situación do persoal.

Sobre a batalla contra o coronavirus, os expertos inciden en que Galicia estaba entre as comunidades que recibiron a alerta "nunha fase incipiente do ataque" e beneficiouse "en mellor momento das medidas tomadas" polo Goberno central.

Sobre a situación do Sergas, advirten da gran precariedade laboral dos seus profesionais e a redución de recursos e inciden na necesidade dunha "xestión eficiente" que permita afrontar os "retos que o sistema ten por diante", coa atención primaria como "eixo fundamental", con máis profesionais e medios para reforzar os hospitais comarcais.

23 may 2020 / 19:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.