Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caen en xullo os asuntos novos nas cortes galegas case un 26%

A entrada de asuntos novos nos xulgados e tribunais galegos descendeu durante o mes de xullo un 25,8% con respecto ao mesmo mes do pasado ano. Á espera de “ver cal vai ser a evolución ao longo dos próximos meses”, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Díaz-Castroverde recoñeceu que a actividade xudicial, en canto á entrada de novos asuntos, continúa aínda “medio paralizada”, tal como confirman os colexios profesionais cos que a presidencia do TSXG ten contacto.

José María Gómez y Díaz-Castroverde pronunciouse deste modo na mañán de onte, tras a presentación da Memoria da actividade xudicial dos tribunais e xulgados de Galicia correspondente ao ano 2019.

O presidente do TSXG destacou durante a súa intervención os retos concretos aos que se enfronta nestes tempos o sistema xudicial en Galicia, estes son o despregamento da transformación dixital, a creación de novos órganos e a procura de fórmulas que permitan ser eficientes coa actual organización territorial. Díaz-Castroverde asegurou ademais, que dende os órganos xudiciais “debemos estar acertados na erradicación da violencia sobre a muller”, unha lacra que definiu como “outra pandemia deste tempo que non podemos eludir”.

Tras presentar os datos da actividade xudicial do pasado ano; onde se incurriu nun incremento do traballo das cortes galegas, tanto no que se refire a asuntos novos como na taxa de resolución; Díaz-Castroverde foi cuestionado pola situación actual dos órganos xudiciais en Galicia no contexto da grave crise sanitaria vivida nos derradeiros meses.

Neste eido, o presidente do TSXG explicou que os órganos xudiciais galegos ingresaron durante o –case rematado– mes de xullo 38.629 novos asuntos, fronte aos 52.094 recibidos durante o mesmo mes do pasado ano. O que supón un descenso de case o 26%, e que ratifica a tendencia xa vivida no mes de xuño, onde se acusou un descenso aínda maior, do 32%.

A actividade descendeu no conxunto das xurisdicións, incluídos os xulgados do social de todas as cidades galegas e tamén os de primeira instancia, que segundo as previsións coas que conta o TSXG, son os que sufrirán unha maior presión nos vindeiros meses.

Por outra banda, onde si se produciu un aumento foi no número de escritos de trámite rexistrados, concretamente nun 17,5% en relación co pasado ano, o que demostra que o ritmo de actividade está a ser superior ao ano pasado nas mesmas datas.

Precisamente, outra proba de que a actividade xudicial se retomou, tras o parón provocado pola pandemia, reside en que este mes xa se notificaron máis resolucións que poñen fin a procedementos que no mesmo mes do ano pasado. En concreto, un 22,5% máis, ao pasar de 27.820 resolucións en 2019 ás 34.098 deste ano.

Un feito que se extendeu en todas as audiencias, que pecharon máis asuntos que o ano pasado, o que permitiu que a situación nas seccións penais se atope xa practicamente normalizada.

O ditado de resolucións que poñen fin a procedementos (autos, sentenzas, decretos ou providencias) aumentou tamén no TSXG no mes de xullo por enriba do 40%, ao pasares das 989 do pasado ano ás 1.407 actuais.

aumento da actividade
A transformación dixital ou a eficiencia coa organización territorial: retos da xustiza galega

··· Ingresaron no 2019 330.956 novos asuntos nos xulgados e tribunais galegos, fronte aos 302.278 de 2018. Unha entrada que ascendeu en todas as xurisdicións, salvo en contencioso-administrativo.

··· Os órganos da comunidade finalizaron 325.072 asuntos, un 19,9% máis que en 2018; e cunha taxa de resolución que tamén aumentou en case un 10%.

··· Con respecto ao TSXG, cabe destacar o aumento de asuntos recibidos na Sala do Social con 6.259 en 2019 fronte aos 4.998 do ano anterior.

30 jul 2020 / 22:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito