Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

¿Cales son as obras galardoadas este ano cos premios Gran de Area de arquitectura?

Outorgados polo COAG, son construcións nos concellos de Coles, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Tui, A Lama, Ourense, Vigo, Sanxenxo, Marín e Oia // A gala de entrega dos diplomas será o 10 de decembro en Vigo

A arquitectura é unha ciencia ou un arte que estuda diversos aspectos para deseñar e construir espazos. En Galicia, pese a idea de que impera o feísmo, hai moita arquitectura boa, e a mellor ten un recoñecemento anual da man dos arquitectos da comunidade. Así as delegacións de Vigo, Ourense e Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) acaban de fallar e anunciar os galardonados cos seus Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2021.

Nesta ocasión, destacan obras sitas nos concellos de Coles, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Tui, A Lama, Ourense, Vigo, Sanxenxo, Marín e Oia, “que dan impulso á calidade da contorna das provincias do sur galego”, destaca o colexio oficial nun comunicado de prensa. Destacan, ademais, que estes premios buscan recoñecer o labor conxunto e necesario de todos os axentes –arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores como os artesáns da madeira ou do metal, por exemplo– que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade. O obxecto do certame é, polo tanto, destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”, aseguran.

Na presente edición destes galardóns presentáronse un total de 70 proxectos, pero so 13 deles foron premiados polo xurado, que estivo composto polos presidentes das delegacións de Vigo, Ourense e Pontevedra do Colexio de Arquitectos, Manuel Martínez Carazo, Rafael Castro Armesto e Anselmo Villanueva Peón, respectivamente; un colexiado de cada delegación, Xabier Pousa por Vigo, Roi Feijoo por Ourense, e Luciano González por Pontevedra; o arquitecto Santos Vila, colexiado seleccionado entre os premiados de edicións anteriores; e a tesoureira da delegación viguesa, Sonia Alvarado, que actuou como secretaria do certame.

Destacan a calidade da que gozan todas as candidaturas presentadas. “Estes premios son moi especiais e importantes porque reflicten o bo facer diario das arquitectas e arquitectos galegos, profesionais que co seu traballo transforman e rexeneran o territorio onde vivimos, e melloran a calidade de vida das persoas, ademais de poñer de manifesto a necesaria confianza dos clientes para obter un resultado de calidade –indica a organización do certame–, indica o Colexio de Arquietectos no comunicado. Así, elixiron 13 obras (6 da delegación de Vigo, 4 da de Ourense e 3 de Pontevedra). O acto de entrega de diplomas celebrarase o 10 de decembro en Vigo, e nesta ocasión será especial porque reunirá tamén aos gañadores da pasada edición, que non se puido celebrar en 2020 por mor da pandemia.

As 13 obras premiadas nestos Premios Gran de Area 2021 son:

Pop Up pandémica Hotel San Cibrao, en San Cibrao das Viñas. Dos arquitectos Cecilia López Muiños e Juanjo Otero Vázquez. Pola habilidade no uso dos materiais e medios auxiliares propios da edificación para resolver nun curto período de tempo unha necesidade inmediata xerada pola pandemia.

Vivenda unifamiliar, en Coles. De Carlos Mosquera del Palacio, Alberte Pérez Rodríguez e, Enrique Iglesias Lima. (Tres pensando, escoitando e solucionando). Por buscar a integración coa paisaxe. Pola atención ao detalle cos materiais da fachada e pola xeración dun patio privado e un xardín público.

Vivenda unifamiliar, en Carrís, Pereiro de Aguiar. De Juan Seara Oro e Berta Peleteiro Varela. Pola súa acertada distribución xerando patios nos encontros e cunha acertada riqueza volumétrica interior e exterior.

Oficinas efémeras, no edificio Francisco Sánchez, Tui. De Jorge Enríquez Méndez. Por resolver o proxecto cun único elemento, unha caixa de cartón. Con poucos recursosconsegue un resultado estético e funcional.

Rehabilitación de vivenda unifamiliar Of & Jardin Silvestre, no concello da Lama. De Manuel Ángel Bugallo Otero. Enfatiza os valores do rural e dos oficios artesáns prestando especial coidado ao entorno e ao paisaxismo. Recupera a esencia da vivenda orixinal despoxándoa de engadidos que a desvirtúan.

Vivenda unifamiliar entre medianeiras, en Ourense, de Pablo Falcón Nóvoa. Pola boa distribución dos espazos como e a definición do patio de acceso e a singular solución construtiva co forxado de madeira.

“Un estuche en una caja”. Apartamento no centro de Vigo, de Rubén Rodríguez Iglesias. Por coidar os detalles da carpintería que acaban por solventar unha máis que correcta distribución plástica e escultórica da vivenda.

Edificio de 36 vivendas de promoción pública, en Vigo. Obra de Patricia Muñiz e Luciano G. Alfaya. Polo esforzo de realizar unha distribución de espazos de calidade tanto interiores como exteriores baixo uns condicionantes de partida complexos. Pola interacción das zonas común cos espazos verdes e por unha pel de especial interese compositivo.

Skatepark en Baltar. Sanxenxo, de Félix Iribarne Blanco. Por unha actuación que foi capaz de solventar un programa técnico específico de deportes urbanos e ao mesmo tempo facer un bo deseño do espazo público onde conviven o deportista e o peón.

Rehabilitación de vivenda unifamiliar entre medianeiras, no concello de Vigo. Obra de Alberto Quintáns Arrondo e Cristina Margarita Ansede Viz. Por conseguir nunha parcela angosta, dar luz a unha vivenda e ser capaz de resolver o programa mellorando a calidade dos espazos interiores.

Piso LV, en Vigo, de Pablo Menéndez Paz. Pola estratexia de ordenar e mellorar a distribución co deseño do mobiliario de madeira, filtrando a luz e a privacidade e conseguindo espazos amplos e alzados interiores de gran calidade.

Vivenda unifamiliar en Bagüín. Marín, de Francisco Javier Vázquez Fernández e Perfecto Cendón Domínguez. (Cendón-Vázquez Arquitectos). Pola súa integración na ladeira e a resolución do programa e os seus espazos interiores. Solución moi enxeñosa de acceso a parcela e a vivenda.

Espazo expositivo para debuxos de presos da Guerra Civil española. Mosteiro, Oia. Obra de Rodríguez Pintos Arquitectos. Por ser unha actuación que pon en valor a exposición sen interferir no entorno no que se realiza, cun interesante desenvolvemento dos detalles do proxecto.

16 nov 2021 / 12:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.