Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
AS PONTES

Cerco dos camioneiros nas Pontes

Transportistas bloquean a térmica para evitar o seu desmantelamento // Comité, concello e auxiliares apoian estas protestas // Algúns dos conductores xa tiveron que “malvender” os seus veículos // A empresa indica que o traslado de pezas non implica o peche

Cando aínda era noite pechada sobre As Pontes, os camioneiros xa loitaban contra o traslado de equipos da térmica. Desde as seis da mañá, uns 30 transportes bloquearon durante todo o xoves os accesos á central de Endesa. Esta protesta partiu do comité de crise da localidade: formado polo propio concello, o comité de Endesa, as auxiliares e os camioneiros. E impediu que sacasen dúas bombas dos grupos 3 e 4 de desulfurización (encargados de reducir as emisións contaminantes ao aire). Tanto os traballadores da plantilla principal como os conductores recalcaron que “estamos impedindo o desmantelamento da planta, queremos agardar polos resultados das probas de biocombustibles”. Pero segundo a empresa, o traslado de pezas non implica a desmontaxe da planta.

Xa nunha reunión pola tarde entre todas as partes, representantes de Endesa lograron un acordo cos operarios das auxiliares. Eses traballadores teñen garantías de futuro e ocupación mentras a planta continúe activa. Pero no caso dos camioneiros non houbo solucións satisfactorias, e continuarán as protestas. Fronte á versión dos transportistas, fontes de Endesa precisaron que “o traslado non significa ningún prexuízo para a central das Pontes, que en ningún caso se desmantela”. Nesta liña, apuntaron ademais que os equipos que se trasladan –dúas bombas de recirculación de lechada– non se usan nas probas de biocombustibles en curso. E, ademáis, non se precisan en As Pontes porque “a obra da desulfuradora dos grupos 3 e 4 está parada e nunca se reanudará”. As dúas bombas en cuestión, insiste a firma enerxética, requírense noutra central. “Endesa está comprometida co futuro de As Pontes coa búsqueda activa de proxectos empresariais e con Plan Futur-e”, insisten fontes da compañía.

A pesar da mobilización, permitiuse a actividade de Endesa tanto na térmica como no ciclo combinado. E celebráronse dúas reunións por videoconferencia entre transportistas e representantes da empresa, tanto pola mañá como pola tarde, pero sen os resultados agardados para os camioneiros. Recorda o seu voceiro, Cholo Bouza, que “en xullo xa intentaron levar as mesmas bombas para Italia (sede do Grupo Enel, propietario de Endesa)”. E engade que “pertencen a uns grupos que están sen acabar de reparar, no verán nos prometeron que non moverían pezas da central mentras continuasen as probas de biocombustibles”. A falta de coñecer os resultados, o mércores xa corría a noticia de que a dirección intentaría sacar as bombas outra vez.

“Acordamos entón cos sindicatos pechar a central para reclamar solucións, esiximos que se cumpran as promesas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e da Xunta de Galicia”, indica este voceiro. Tamén Luís Pico, presidente do comité de Endesa, recalca que “como non se levaron adiante os compromisos adquiridos decidiuse non deixar saír este material, loitamos para evitar o desmantelamento da térmica... estamos traballadores da planta, camioneiros, concello, contratistas, estamos todos nisto”.

En canto ao inminente resultado desas probas, Cholo Bouza asegura: “Sabemos perfectamente que dan un 100% de resultado positivo, por iso queremos que non se desmantele a planta”. De todos modos, Endesa aínda terá que decidir posteriormente a súa viabilidade económica. Os camioneiros consideran que “iso é un obstáculo importantísimo, pero xa non temos nada que facer porque aí debe entrar a Xunta de Galicia”. As esperanzas deste colectivo pasan pola combustión de lodos de depuradoras e residuos agrícolas: “A térmica está preparada e para Galicia sería importantísimo”, en alusión ao cumprimento das normativas europeas para o ano 2023.

Pero os transportistas tamén loitan porque non teñen as axudas ou as alternativas prometidas. Hai ano e medio eran 150, moitos non resistiron a falta de ingresos. “Todos continuamos en loita pero desgraciadamente algún xa non ten camión, porque o malvendeu ou por outras circunstancias... aínda así asisten a todas as asembleas”, indica o seu voceiro.

A situación xa é “moi complicada” desde hai meses. E os afectados recordan que “en xuño de 2019 a ministra para a Transición Ecolóxica prometeu axudas para os transportistas, ante Endesa, Xunta e concello”. Recorda Cholo Bouza que “dixo que non nos preocupáramos e que sairían adiante, pero non hai nada e estamos cada vez máis jodidos”.

23 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.