Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Maruja organiza a súa vida pensando primeiro en Plácido e Carmen, os seus proxenitores // De 97 anos e ambos dependentes, teñen atención no domicilio no concello coruñés de Boimorto e coa ampliación extraordinaria do SAF pola covid-19 dobraron as horas de apoio recibidas TEXTO Salomé Barba

“Coa Axuda no Fogar estou tranquila, meus pais queren vivir na súa casa”

Que Galicia é unha comunidade moi envellecida é de sobras coñecido por todos, e que pola nosa natureza os maiores forman parte importante das familias, tamén. Téñense en conta e respéctanse as súas decisións sempre que é posible.

E precisamente esta idea é a que ten na mente Maruja, unha veciña do concello coruñés de Boimorto. Os seus pais, Plácido e Carmen, teñen ambos os dous 97 anos –“están de aniversario incluso no mesmo mes”, explica Maruja cun sorriso que se lle adiviña por teléfono– e son dependentes. Viven nunha casa con horta, onde sempre, e a súa filla sabe que non pode sacalos dela e levalos a vivir ao seu piso, “sen ascensor”, porque sería “o seu fin e o meu, volveriamonos todos tolos. Eles e eu”.

A solución para atendelos atopouna no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que o Concello de Boimorto presta en colaboración coa Consellería de Política Social. Cada un segue residindo na súa vivenda e eles, entre todos, están coidados. Plácido tiña concedida a dependencia e dispón de 45 horas ao mes de SAF.

No caso de Carmen, o proceso comezou no pasado mes de febreiro e, pola pandemia do coronavirus que confinou a toda a poboación un mes máis tarde, o proceso quedou un pouco parado. Pero coa SAF extraordinaria que habilitou a Xunta precisamente pola covid-19 a Carmen fóronlle concedidas as mesmas horas de axuda a domicilio que ao seu compañeiro de vida. Acude unha persoa dúas horas pola mañá todos os días. Límpanlle a casa, están con eles para o que precisen, fanlle compañía e, se fora necesario, a comida aínda que normalmente prepáraa a súa filla.

Os plans de Maruja, a súa filla, sempre comezan polos seus proxenitores. Ten as horas da mañá para “facer algo, recados ou ir ao médico. Agora estou máis tranquila, con esta axuda na súa casa, porque eles non queren deixar de vivir alí”, explica ela. Contra o mediodía recorre os dez quilómetros de distancia, fai a comida e come con eles. Á tarde, dependendo do estado de saúde de Plácido e Carmen, ás veces volta para a súa casa, pero á noitiña regresa. Durme con eles porque así está máis tranquila.

Precisamente esta semana recibiron a carta pola que se lle recoñece a Carmen a dependencia e o SAF, o que lles permitirá acollerse ao Servizo de Axuda no Fogar ordinario”.

Maruja estas semanas está máis ocupada do normal porque Plácido está ingresado no hospital Provincial de Santiago desde hai 15 días. Todos os día colle o autobús para estar con él e ao saber que súa nai segue atendida, tranquilízaa.

O mesmo ocorreu cando en pleno confinamento o seu pai enfermou e precisou hospitalización. Ao comezo da pandemia o SAF veuse interrompido. “Foi polo ben deles, para non correr risco de contaxialos o servizo a domicilio parou e nós suplimos a axuda, pero cando en abril papá ingresou, chamei a Esther (a traballadora social do Concello de Boimorto) e expliqueille que mentras miña nai estaba soa. E ao día seguinte xa tiña SAF para mamá”, explica Maruja.

Presisamente Esther, a traballadora social deste municipio desde hai 17 anos, indica que o SAF “Normal”, o existente desde hai anos, pódese solicitar por dependencia ou por libre concurrencia. Esta última posibilidade está pensada para todas aquelas persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia ou, téndoa recoñecida, non teñan acceso efectivo ao Programa de Asignación de Recursos do SAF.

Durante a pandemia a gran novidade no SAF foi a prestación extraordinaria. “No momento da pandemia había xente que tiña recoñecida a dependencia ou tiña a solicitude feita pero aínda non estaba dentro da plataforma informática e non tiña horas adxudicadas. Na Xunta habilitaron horas para ir aos seus domicilios de xeito totalmente gratuíto para os usuarios”, explica a traballadora social.

Este SAF extraordinario remata o 30 de novembro, pero cando os seus usuarios “foron entrando no sistema de dependencia xa lles fomos cambiando do extraordinario ao normal”. Explica que “supuxo unha atención que nese momento estas persoas non tiñan e nós non tiñamos maneira de cadrar e prestar”. En Boimorto, por exemplo, concello rural envellecido e con moita dispersión, puideron dobrar horas de atención a domicilio e incorporar a novos usuarios. Así, xunto coas familias, manteñen os seus maiores coidados, remata Esther.

500.000 horas de coidado máis ao mes

··· A Xunta creou o mes de marzo, dentro do Plan de Recuperación Social, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Extraordinario, destinado á atención a persoas con necesidades asistenciais. Unha das novidades desta medida, que asigna 500.000 novas horas de coidado ao mes, é que é completamente gratuíto para o usuario, xa que o Goberno galego asume o importe que este pagaba habitualmente. Supón un investimento de 6 millóns de euros ao mes.

·· Están a priorizarse os casos máis urxentes detectados polo Programa de Asignación de Recursos, así como as persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser valorada.

·· Estas novas horas de axuda no fogar están a disposición dos concellos para asignalas a aqueles casos que sexan considerados máis urxentes polo servizos sociais municipais. Na provincia da Coruña asignaranse 196.000 horas de servizo, na de Lugo 113.000, en Ourense 69.000 e en Pontevedra 122.000.

25 oct 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.