Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 02 diciembre 2021
10:08
h

Coia, de parroquia a concello: por un «New Deal» democrático

Descoñécese a data na que se creou a histórica parroquia galega de San Martiño de Coia. Un dos documentos máis antigos na que aparece citada, pertencente á Orde do Temple, é do ano 1307. A súa evolución administrativa é un tanto curiosa toda vez que no século XVI a poboación de Bouzas, mencionada por vez primeira nun escrito de 1403, era un anexo dela. No XIX, por mor da lei do 15 de outubro de 1836 relativa ao goberno político das provincias, e a proposta do deputado do partido xudicial de Vigo na Deputación de Pontevedra, don Atanasio Fontano, converteuse nunha das nove parroquias que conformaron o concello boucense. A comezos do século XX, en 1901, solicitou a súa anexión a Vigo «a instancia de la mayoría de los vecinos» segundo consta nun dos manuscritos do «Expediente formado para anexionar al Ayuntamiento de Vigo la parroquia de Coya que forma parte del término municipal de Bouzas». E na cidade olívica continúa no século XXI; subsumida no distrito «Vigo-Centro», o que lle costou, ademais da súa singularidade, a perda da meirande parte do seu territorio orixinal e desaparecer como entidade con personalidade propia.

Porén, estas son cousas do pasado; agora cómpre ollar cara ao futuro: Coia precisa recuperar o seu ser no mundo e a independencia necesaria para gobernarse por si e en prol do benestar de todos e cada un dos seus moradores, non dos duns barrios si e dos de outros non.

Haberá unha ducia de anos, no Castro Castriño levantáronse, sen consideración ningunha polo impacto ambiental, cinco mastodónticos edificios de nove andares, cando non deberían de superar os catro; neste intre, na volta de San Gregorio estase a erguer outra construción nun terreo que ben podería terse dedicado na súa totalidade a zona verde; e o mesmo acontece co campo de Leirós, que o consistorio vigués vai urbanizar en lugar de convertelo, como requiren os tempos de estrago climático que estamos a padecer, nun parque forestal con raposos autóctonos incluídos que inda hoxe viven nel...

... O tramo intermedio da rúa Tomás Alonso e a totalidade da noutra hora peculiar rúa Soler semella que sufriran un bombardeo atómico, tal é a degradación na que se atopan. Na Urbanización Residencial Antonio de Cominges, coñecida como as «Casas Baratas», en Coia de Abaixo, non poucos residentes ocuparon terreos públicos e beirarrúas, tamén de dominio público, coas grelladas, as terrazas, e os rochos das súas vivendas particulares mentres os rexedores de Vigo e os demais propietarios ollaban para outro lado. Na actualidade, o tráfico rodado nesta urbanización residencial é absolutamente excesivo, ruidoso, irrespectuoso e perigoso; e o aparcamento, desmesurado, descontrolado, non regulamentado e caótico. Ámbalas dúas pragas prevalecen neste fermoso grupo de vivendas representativo da arquitectura rexionalista galega, obra do arquitecto que lle dá nome, ¡no 2021!, por cima da saúde, a seguridade e a calidade de vida dos seus habitantes.

E así unha morea de desfeitas e ilegalidades de similar cariz consentidas, dende hai cento vinte anos, polas autoridades elixidas ou nomeadas precisamente para evitalas. Porque o correcto, o razoábel e esperábel, é que nas cidades, vilas, pobos e aldeas os dirixentes políticos, e os veciños, non só cumpran e fagan cumprir as leis civís e penais, senón tamén as leis urbanísticas, ademais das do sentido común e o respecto mutuo.

Esta forma ecuánime de gobernar e de relacionarse basease nos principios de subsidiariedade e de proximidade, de tal maneira que a implementación das políticas públicas realícese a carón do conxunto da cidadanía, tendo presente as súas necesidades de xeito integral. E para iso precísase un «New Deal», un «Novo Acordo» entre Coia e Vigo similar ao de 1901 (anque nesta ocasión verdadeiramente democrático posto que daquela a anexión ao municipio vigués «a instancia de la mayoría de los vecinos» de Coia non consta en ningures se en verdade esa maioría existiu nin como se conseguiu) pero co obxectivo contrario: afastarse do Concello de Vigo e constituír un concello de seu, que ven sendo o destino inevitábel desta parroquia case milenaria.

Mais como queira que nas democracias os libres acordos son o seu fundamento, é ineludíbel desenvolver un proceso participativo que remate nunha votación cuxo resultado decidirao o sentido do sufraxio da maioría dos participantes.

Tomando como referencia os límites históricos de San Martiño de Coia e considerando a actual realidade urbanística, este novo concello cuxa creación estou a postular tería os seguintes lindes:

Polo norte: avenida da Atlántida (dende o seu encontro co camiño da Pardaíña), rúa de Camilo Veiga, rúa de Tomás A. Alonso, camiño de San Gregorio (dende a entrada situada a sesenta metros do número 138 de Tomás Alonso deica a saída fronte aos estaleiros Cardama) e a avenida de Beiramar até a rúa de Severo Ochoa.

Polo leste e o sueste: rúa de Severo Ochoa, rúa do conde de Torrecedeira, escalinata do Peniche, rúa de Tomás A. Alonso, camiño da Seara, rúa de López Mora, praza de América e avenida da Florida (deica o encontro coa rúa do Padre Seixas).

Polo suroeste e o oeste: rúa do Padre Seixas, rúa de Covelo, camiño dos Pelaios e camiño da Pardaíña até cruzarse coa avenida da Atlántida.

Non obstante, corresponderá ás asociacións veciñais e culturais, así como aos historiadores e aos xeógrafos e antropólogos urbanos, estabelecer os límites territoriais definitivos do Concello de Coia, o «Conca», e determinar o corpo electoral, as persoas maiores de dazaseis anos, que deberá decidir sobre a súa emancipación. A continuación constituirase a «Comisión do Conca», que será a encargada de consensuar co Concello de Vigo os termos para convocar e celebrar o preceptivo referendo cuxo resultado será vinculante para ambas partes.

«Todo cambia, nada permanece», deixou escrito Heráclito:

Que ninguén pense que o proceso que propoño é unha loucura ou unha parvada; antes ao contrario, existe un número indefinido de veciños da parroquia que posúen esa vontade de autogoberno como o demostra a fotografía que ilustra este artigo e aos seus lectores, captada por min mesmo o pasado 30 de agosto na avenida de Castelao.

Avante pois, con determinación, concidadáns de Coia: ¡o noso futuro está nas nosas mans e nas urnas!

22 sep 2021 / 13:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.