Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Conde pon en valor o papel da artesanía como dinamizador da economía do rural galego

O sector contribúe á creación de emprego e forma parte do patrimonio cultural e do atractivo turístico da Ribeira Sacra

A artesanía segue a ter un importante papel na actividade económica galega, na que traballan máis de 5.000 persoas. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou este sábado o encontro Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, que se celebrou durante toda a xornada nos pendellos do Santuario de Nosa Señora de Cadeiras, en Sober.

Tal e como apuntou Conde, este encontro, organizado pola Xunta, pon de relevo o papel da artesanía de Galicia como dinamizador económico do rural galego. Así, o sector contribúe á creación de emprego e riqueza, ademais de constituír unha parte fundamental do patrimonio cultural e do atractivo turístico de Galicia e da Ribeira Sacra.

A provincia de Lugo conta cun total de 119 obradoiros de Artesanía de Galicia, un 35 % máis que a finais de 2019.

Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais no que participaron 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Os 19 expositores que comercializaron as súas pezas neste encontro representan once oficios diferentes: a marroquinería, a madeira, a elaboración de roupa, o pirogravado, a cerámica, o téxtil, a olería tradicional, a xoiería, os xoguetes, a bixutería e o vidro.

Ao longo do día celebráronse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos ao público, centrados na iniciación ao torno cerámico; a olería de Gundivós e os remates de xoguetes de madeira.

acusa ao goberno de inacción coa industria electrointensiva Por outra banda, Conde, acusou onte ao Goberno central de “inacción” en relación coa industria electrointensiva, mentres outros países como Alemaña “poñen os seus recursos a disposición” das empresas afectadas pola crise da enerxía.

Así o dixo, en declaracións aos medios, despois de que Bruxelas dese luz verde ao paquete de axudas proposto por Alemaña para compensar a alza nos prezos da enerxía na súa industria.“Estamos ante unha situación na cal países como Alemaña están a buscar solucións para a súa industria, solicitando axudas por parte da UE, e, mentres tanto, en España, lamentablemente, hai unha inacción para favorecer o desenvolvemento da industria que está a provocar paralización de moita parte da nosa industria electrointensiva”, dixo Conde.

Por iso, engadiu o vicepresidente galego, a Xunta sente “impotencia” ao ver “como en Alemaña se poñen os seus recursos a disposición da súa industria” mentres en España “ábrense debates estériles como o aceso dos escaparates ou a utilización das gravatas”.

“O Goberno ten que reaccionar, porque se non corremos risco de deslocalización da nosa industria”, resolveu.

21 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito