Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Conovocan ao profesorado á I Xuntanza Aulas Galegas o vindeiro 11 de setembro en Padrón

Ademais de diferentes dinámicas participativas, ofreceranse nove relatorios de curta duración con propostas concretas de traballos docentes

Aulas Galegas, o colectivo de profesorado que a raíz da pandemia creou o portal educativo do mesmo nome e leva creando e difundindo contidos en galego para as aulas dende marzo de 2020, vai celebrar na Casa de Rosalía (Padrón) a I Xuntanza Aulas Galegas o vindeiro sábado 11 de setembro. Esta cita educativa dirixida ao profesorado galego de calquera materia, nivel ou etapa nace con vocación festiva ao ofrecer a posibilidade de que se coñezan persoas que levan máis dun ano traballando xuntas a distancia e tamén outras que se queiran achegar a esta iniciativa e compartir experiencias e recursos educativos en galego.

O 16 de marzo de 2020, corenta e oito horas despois da proclamación do estado de alarma, Aulas Galegas nacía en Galicia. O seu obxectivo era axudar o alumnado, as familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego. Deste xeito, o blog foi collendo forma aos poucos ata chegar ao que a día de hoxe é, un portal educativo que lle ofrece ao profesorado máis de mil catrocentos recursos na nosa lingua das diferentes disciplinas das etapas escolares preuniversitarias.

Recentemente Aulas Galegas foi seleccionada como unha das seis experiencias educativas destacadas en España no ano 2020 pola revista del Consejo Escolar del Estado, onde se lle dedicou un artigo no seu último número publicado en maio de 2021. Deste xeito, o portal é todo un referente, non só a nivel autonómico, senón que tamén logrou posicionarse a nivel nacional e mesmo internacional, posto que moitos son os/as docentes de orixe portuguesa que fan uso dos devanditos contidos.

Programa da Xuntanza

Ao longo da mañá, ademais de diferentes dinámicas participativas ofreceranse nove relatorios de curta duración (15 minutos) con propostas concretas de traballos docentes. Entre as persoas relatoras figuran: Francisco Bermúdez Prieto (Fran da Lobeira), Aida Calvela Louro, Jose Antonio Fraga Moreiro, Naír García Abelleira, María Isabel González Piñeiro, Manolo Maseda Deán, Ana Isabel Pérez Tomé e Xacobo de Toro Cacharrón. Tamén haberá tempo para falar da evolución de Aulas Galegas e do seu futuro máis inmediato.

A media mañá faremos unha parada para repoñer forzas e posteriormente compartiremos xantar para contribuír á creación de sinerxias educativas que despois van redundar nos propios contidos de Aulas Galegas mais tamén no labor docente das persoas participantes. Ao longo de toda a xuntanza respectaranse as medidas sanitarias de prevención vixentes e por iso só podemos ofrecer 50 prazas. Para asistir hai que reservar praza cumprimentando o seguinte formulario.

04 sep 2021 / 14:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.