Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Consenso entre as tres universidades galegas para compartir 13 másteres

Distribúense en catro grandes eixos: Ciencias, Ciencias de Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería e Arquitectura // É unha iniciativa pioneira no Estado

O Sistema Universitario Galego (SUG) xunto á consellería de Educación segue traballando en clave de futuro co propósito de poder ofrecer unha ampla oferta académica (tanto novos grados como másteres) aos máis xóvenes para que non se vexan obrigados a saír de Galicia.

O conselleiro de Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), Antonio López (Universidade de Santiago de Compostela), Manuel Reigosa (Universidade de Vigo) e Julio Abalde (Universidade da Coruña), presentaron este luns, no salón de Convencións do edificio Cinc na Cidade da Cultura, a manifestación de interese que cada unha das universidades amosou sobre os 13 novos másteres deseñados ao abeiro do estudo Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, impulsado pola Xunta de Galicia e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

“Unha iniciativa –sinalou o conselleiro– pioneira en todo o Estado na que participaron máis de 80 expertos e que serviu para definir un listado de 13 másteres universitarios adaptados ás necesidades da sociedade do futuro que completarán, mellorarán e reforzarán a oferta académica das nosas universidades”.

O informe foi presentado o pasado mes de xaneiro, e inclúe as principais titulacións para axustar a oferta de títulos aos novos perfís profesionais da vindeira década, en eidos específicos como a economía circular, a biofabricación, ou a intelixencia artificial.

Aposta polas titulacións interuniversitarias. Os 13 novos másteres distribúense arredor de catro grandes áreas: Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e a Enxeñería e Arquitectura; sobre as que as universidades galegas xa manifestaron o seu interese.

Na primeira das áreas está previsto poñer en marcha as titulacións de máster en Economía Circular (UDC, USC e UVigo), en Fabricación Aditiva (UDC e UVigo), en Xestión Sostible e Avanzada da Auga (UDC, USC e UVigo) e en Tecnoloxía Téxtil (UDC).

No que respecta ás Ciencias da Saúde implantaranse as titulacións de máster en Biofabricación (UDC, USC e UVigo), en Cronicidade e Novos Modelos de Atención Sociosanitaria (UDC e USC) e en E-saúde (UDC, USC e UVigo), mentres que na área de Ciencias Sociais e Xurídicas os novos másteres serán os de Comportamento do Consumidor e Experiencia de Cliente (UDC, USC e UVigo), en e-government e Transformación Dixital (UDC, USC e UVigo) e en Innovación Educativa (UDC, USC e UVigo).

Finalmente, no ámbito da Enxeñería e a Arquitectura, está nas previsións a creación do máster en Internet das cousas (UDC, USC e UVigo), en Realidade Extendida (UDC, USC e UVigo) e en Vehículos Autónomos (UDC, USC e UVigo).

En definitiva, ámbitos todos eles que veñen dar resposta á necesidade de especialización e dominio de destrezas fundamentalmente tecnolóxicas, “formando profesionais conectados coas novas tendencias desta sociedade en constante movemento, que manexen as principais tendencias tecnolóxicas, medioambientais ou económicas”, e que permitan que as universidades continúen xogando “un papel fundamental como un dos principais motores no desenvolvemento económico das sociedades avanzadas”, explicou o conselleiro.

En calquera caso, poderá haber variacións en función dos traballos técnicos que deben realizar a partir de agora ás universidades e a distribución por campus darase a coñecer cando o proceso para a implantación estea máis avanzado. De feito, constituiranse 13 comisións de traballo, unha por cada novo máster, para traballar nas memorias de cada titulación. O obxectivo é que as novas titulacións poidan comezar a impartirse no curso 2023/2024.

Sinerxías entre as tres universidades. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou o consenso coas tres universidades á hora de abordar estas titulacións, “baixo un marco de cooperación e xenerosidade, tomando como referencia o acordo marco que asinamos o pasado mes de xuño para pechar o Mapa de Titulacións do Sistema Universitario de Galicia ata 2026”.

Por outra banda, Román Rodríguez puxo en valor a aposta polas titulacións interuniversitarias como “o resultado da nosa firme convicción á hora de impulsar a colaboración e a creación de sinerxías entre as nosas universidades”, cun modelo “que favorece a eficacia e a eficiencia dos nosos campus, fomentando o intercambio de coñecemento e de todo tipo de recursos, humanos e materiais, entre os diferentes campus e que fai que todo o capital das nosas universidades se sume e mesmo se multiplique”.

Neste sentido, sinalou que dos 185 másteres que imparten neste momento no SUG, 38 son interuniversitarios, cifra que superará os 50 coa posta en marcha destas novas titulacións.

26 jul 2021 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.