Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Controlado o incendio de Cualedro: o peor dende a vaga de lumes de 2017

As derradeiras estimacións cifran en 1.535 hectáreas a superficie calcinada // Extinguida a conflagración forestal do concello pontevedrés de Rodeiro

Tras tres días nos que as lapas chegaron a asediar os núcleos poboacionais de San Millán en Cualedro e San Cristovo en Monterrei, a Consellería de Medio Rural informaba onte de que se lograra controlar o incendio forestal que conta xa coa catastrófica honra de ser o máis destrutivo acaído en Galicia dende a vaga de lumes do verán de 2017.

A última estimación elaborada dende a Xunta establece a superficie afectada en 1.535 hectáreas, das cales arredor de 525 son agrícolas e 1.010 forestais (unhas 960 rasas e arredor de 50 arboradas), aínda que destacan que se trata todavía dunha medición provisional á falta de que se parametrice a área final calcinada.

Cómpre recordar que o inicio das lapas rexistrouse o pasado mércores contra as 14.00 horas da tarde en cando menos dous puntos simultáneos, motivo polo que a Consellería de Medio Rural ve reforzados os indicios de intencionalidade do lume.

Durante o desenvolvemento do incendio foi precisa a activación da Situación 2 pola súa proximidade aos núcleos poboacionais de San Millán (Cualedro) e San Cristovo (Monterrei), especialmente este último, onde varios veciños tiveron que ser desaloxados das súas vivendas.

QUEIXAS SOBRE O OPERATIVO. Onte este xornal recollía as protestas emitidas dende o perfil non oficial nas redes sociais dos Servizos de Emerxencias de Ourense (@EmerxenciasOU), polo que consideraban unha “tardía mobilización” nas labores de extinción deste incendio.

Segundo este perfil, tardáronse máis de dúas horas en mobilizar aos Bombeiros de Verín e Xinzo, que son os que deberían ter sido protectores dos núcleos poboacionais fronte ao avance das lapas. Esta demora provocou segundo @EmerxenciasOU que o feito de ter que enfocar as labores de extinción en frear a chegada das lapas aos núcleos de poboación, se descontrolara o flanco forestal da conflagración. Ademais dos destrozos materiais que provocaron en varias vivendas de San Cristovo, as descargas dos medios aéreos.

CCOO emitía tamén no día de onte un comunicado no que destacaba que mentres o maior lume do ano, de máis de 1.000 hectáreas, afectaba a Cualedro e Monterrei, había “bastantes brigadas incompletas” na provincia, con “motobombas inoperativas nalgunhas franxas horarias de días, centros de coordinación de distrito sen emisoristas e torretas de vixiancia sen persoal”.

Segundo as fontes oficiais, para o control do incendio mobilizáronse dous técnicos, 43 axentes, 106 brigadas, 45 motobombas, seis pas, 13 helicópteros e 13 avións, así como membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

100 hectáreas en rodeiro. Os servizos de emerxencias lograron extinguir durante a mañán de onte o incendio forestal acaído no concello pontevedrés de Rodeiro, concretamente na parroquia de Riobó, que se tiña iniciado na tarde do xoves.

Segundo as medicións elaboradas por Medio Rural foron preto de 100 as hectáreas calcinadas polas lapas neste foco forestal.

EXTINGUIDO O LUME DE A MERCA. Extinguido quedou tamén durante a madrugada do venres, o lume que afectou á parroquia de Corvillón no concello ourensán de A Merca. Alí as lapas calcinaron 20 hectáreas –5 de monte arborado e 15,05 de monte raso–.

Iniciada onte a folga indefinida dos técnicos de prevención de incendios

Santiago. O persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais da Consellería de Medio Rural comezou onte unha folga indefinida ante a falta de avances co Executivo galego para chegar a un novo acordo que mellore as súas condicións de traballo.

Durante a primeira xornada de paro, as centrais sindicais convocantes –CIG, CCOO, UXT e CSIF– estiman que un 80% do cadro de persoal ten secundado a folga. Aínda que os servizos mínimos en plena campaña de alto risco de incendios será do 100% para a coordinación, a súa protesta, como explican dende os sindicatos, farase ver na súa función de “xestión” administrativa.

Estes profesionais criticaron a actitude “irresponsable” da Consellería de Medio Rural, á que acusan de “non querer solucionar mediante o diálogo” o problema, ante unhas reivindicacións que, defenderon, son “xustas”. E é que as demandas deste colectivo profesional pasan por aumentar o cadro de persoal e garantir os descansos legais; regulación do traballo durante fins de semana, festivos, gardas e descansos; así como garantizar 15 días de vacacións. Piden tamén eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito ou diminuír a interinidade –que nestes momentos ronda o 50%–.

Manifestan que en setembro do 2019 a Xunta xa se comprometera a elaborar unha proposta sobre as novas condicións de traballo, que aínda non se presentou. Nesta liña versará a protesta do colectivo que onte xa se concentrou nas cidades de Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, e teñen previstas máis protestas ao longo deste mes de agosto. ECG

01 ago 2020 / 20:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.