Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Demandan máis I+D+i para acadar piñeirais sostibles

Un webinar da Asociación Forestal de Galicia e Forestis pon de manifesto riscos como o cambio climático e pragas

Os piñeirais están sometidos en todo o arco atlántico europeo a ameazas como o cambio climático e a expansión de novas patoloxías. Para garantir a sostibilidade dos montes de coníferas, farase preciso acelerar a mellora xenética dos piñeiros, orientándoa a lograr plantas máis resistentes ás secas, que sexan menos susceptibles a enfermidades e pragas, e que conserven unha boa variabilidade xenética. Necesítase con urxencia aumentar os recursos públicos e privados dedicados a investigación. Esta foi unha das principais conclusións dun foro online sobre a resiliencia dos montes de coníferas organizado pola Asociación Forestal de Galicia e Forestis, unha asociación portuguesa de propietarios forestais. Os expertos que participaron na xornada destacaron a conveniencia de lanzar un programa transnacional de mellora xenética, que complemente os programas nacionais ou rexionais, de xeito que se logren maiores avances en menores prazos.

Nun comunicado, expli an que o encontro na Rede, patrocinado pola Fundación Arume e polo proxecto Biotecfor, contou con máis de 200 persoas inscritas e tivo como ponentes a investigadores de Galicia (Raquel Díaz, Centro de Investigación Forestal de Lourizán), País Vasco (Javier Herrero, Neiker), Madrid (Ricardo Alía, Inia), Francia (Annie Raffin, Inrae), Portugal (Isabel Carrasquinho, Iniav) e Chile (Fernando Droppemann, Universidad Austral de Chile). Da presentación e conclusións encargáronse o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, e Rosario Alves, directora de Forestis.

Cambio climático

Os retos que enfrontan os montes de coníferas son importantes se se teñen en conta as previsións de cambio climático. Na Nova Aquitania, en Francia, calculan que no 2050 as precipitacións terán descendido arredor dun 10% por mor do cambio climático, o que terá unha repercusión directa da mesma orde sobre a produtividade dos piñeirais. Pero para o 2070, a baixada de produción pode chegar ata o 40%, de cumprirse as peores previsións de cambio climático.

Se nas últimas décadas a mellora xenética estivo enfocada a un aumento da produtividade e calidade da madeira, os retos de hoxe en día céntranse na sostiblidade, nunha mellora xenética orientada a factores climáticos e a enfrontar novas enfermidades e pragas.

No caso galego, a investigadora Raquel Díaz (CIF Lourizán) explicou no webinar como traballaron para lograr familias de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) resistentes ó nematodo, unha praga que afecta a Portugal e ó sur de Galicia e que constitúe unha gran preocupación para o sector.

Do mesmo xeito, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán está traballando na actualidade na futura catalogación de familias de piñeiro radiata tolerantes á praga.

Transferencia a monte

O reto común do sector é que todo este material de plantas con mellora xenética chegue ós viveiros e ás plantacións en monte. En Nova Aquitania, xa conseguiron que un 66% dos seus montes de coníferas estean ocupados por planta con mellora xenética. É unha vía na que agora se está a avanzar tamén en Galicia, pois están aumentando as vendas de semente procedente dos plans de mellora xenética, pero queda un longo camiño por percorrer.

Material renovable e sostible

Outro exemplo de mellora xenética que se coñeceu na xornada foi o caso chileno co piñeiro radiata. O ponente chileno, Fernando Droppemann, incidiu en como a madeira obtida en Chile das plantacións de piñeiro radiata lle está sacando presión de cortas ós bosques nativos.

Droppemann defendeu a importancia das plantacións forestais, sinalando que a madeira é unha alternativa verde fronte a materiais tradicionais como o petróleo, o aceiro ou o cemento, pois contribúe ó secuestro de carbono e trátase dun material renovable.

20 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.