Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Desplastifícate: di non aos plásticos de usar e tirar”, campaña de Sogama

Abrangue un decálogo de medidas que pretenden axudar aos cidadáns a retomar o camiño emprendido antes da pandemia // Fomentan o consumo responsable e os hábitos sostibles

Empregando o título “Desplastifícate: di non aos plásticos de usar e tirar”, Sogama vén de lanzar unha iniciativa cuxo obxectivo é axudar aos cidadáns a retomar o camiño emprendido antes da pandemia cara ao consumo responsable en toda a súa amplitude, incluíndo a diminución de envases e envoltorios dun só uso.

Durante a etapa de confinamento, e debido á imperiosa necesidade de distanciar no tempo a compra de produtos básicos, priorizouse a adquisición de artigos sobreenvasados co fin de garantir a súa correcta conservación. Unha vez que avanzamos nas distintas fases de desescalada e a normalidade volve a recuperar o seu terreo, chega o momento de retomar hábitos sostibles e adoptar boas prácticas que permitan diminuír a xeración de lixo no seu conxunto, prestando especial atención aos envases superfluos que, máis cedo que tarde, acabarán converténdose en refugallos.

Por este motivo, a Sociedade Galega do Medioambiente publica un decálogo con xestos que se poden levar a cabo para evitar este tipo de produtos, favorecendo e e axudando, ao mesmo tempo, á conservación do medio.

1 Leva a túa propia bolsa reutilizable á compra, xa sexa de tea, de rafia natural ou mesmo unha cesta; ou ben o tradicional carriño. A bolsa de plástico emprégase unha media de quince minutos, pero pode tardar séculos en degradarse na contorna.

2 Na casa e fóra de casa, opta por botellas de auga reenchibles, preferiblemente de aceiro inoxidable ou de vidro.

3 Rexeita as palliñas plásticas (hainas de aceiro, bambú ou papel), así como os pratos, vasos e cubertos fabricados con plástico. En 2021, todos eles estarán prohibidos na Unión Europea.

4 Dá preferencia aos produtos comercializados a granel e, na medida do posible, elixe os envasados en cartón. Para almacenar os alimentos, son mellores o vidro e as latas (de aceiro ou aluminio). Descarta bolsas, papel filme, así como os recipientes plásticos.

5 Non esquezas que os microplásticos tamén están presentes na composición dos cosméticos e outros artigos de hixiene.

6 Elixe, sempre que poidas, produtos fabricados con materiais biodegradables. As alternativas son numerosas, desde peites de madeira ata esponxas de celulosa.

7 Prioriza as pinzas de madeira para tender a roupa e procura prescindir das cápsulas de café.

8 Á hora de regalar, mellor obxectos que non conteñan plásticos e estean fabricados con materiais reciclados.

9 En festas e celebracións, evita o confeti plástico, así como os globos. Os tradicionais de poliuretano poden permanecer máis de 400 anos na natureza e, os de látex, aínda que son biodegradables, poden tardar anos en degradarse se chegan ao mar e en contacto co aire, ata dous ou tres meses.

10 Recorda separar correctamente os residuos no fogar e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novos produtos. Desta forma, contribuirás a aforrar enerxía e materias primas.

04 jun 2020 / 21:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito