Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Só 27 galegas accederon á titularidade compartida de explotacións

Arredor de 6.000 granxas poderían acollerse á lei, que leva vixente 8 anos // Fademur Galicia denuncia trabas e desidia da Administración

    A Ley 35/2011 de Titularidad Compartida de Explotaciones Agrarias entrou en vigor o 5 de xaneiro do 2012. Os obxectivos do Goberno central eran fomentar a igualdade de homes e mulleres e mellorar a calidade de vida no rural, axudar ao asentamento de poboación e profesionalizar a actividade agraria feminina, incrementando a súa participación nas organizacións visibilizando o seu traballo.

    Oito anos despois, en Galicia, a comunidade onde estaban postas as maiores expectativas, tan só existen 26 explotacións agrarias ou gandeiras con titularidade compartida. Nelas hai 25 homes adscritos e 27 mulleres, según os datos aportados pola propia Consellería de Medio Rural, pertencentes ao Reaga, o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, instrumento administrativo de información do sector agrogandeiro galego.

    Cunha poboación diana de máis de 6.000 explotacións inscritas no 2019 en calquera das formas de titularidade, este empoderamento da labrega e gandeira non está resultando como se esperaba. No 2012, primeiro ano da lei, rexistrouse un negocio en titularidade compartida (TC) en Galicia; no 2013 eran seis; trece un ano despois; 15 no 2015; pasaron a ser 18 no 2016; 24 no 2017; 23 no 2018, e 26 neste 2019.

    Desde Fademur Galicia (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais) denuncian que "detrás deste fracaso está a desidia das administracións, o que está a provocar a invisibilización do traballo de miles de mulleres e establece teitos de cristal imposibles de superar". O obxectivo de "sacar á luz" a labor desenvolvida por "unha inmensa cantidade" de féminas non se acadou e moita da culpa, explica Rosa Arcos, presidenta de Fademur Galicia, é da "deixadez e desinterese" da propia Xunta, así como das trabas burocráticas coas que se atopan as persoas cando van informarse sobre a posibilidade de adherirse a esta fórmula . "Os técnicos non saben como facelo, as vantaxes nin os papeis necesarios; incluso nalgúns casos dan para atrás" aos que van pedir axuda, asegura.

    Arcos indica que o maior caladorio de titularidades compartidas na comunidade é o caso das sociedades civís (SC), que neste ano son 2.806 no Reaga. Isto é así porque "maioritariamente son matrimonios ou unidades familiares". Traballan os dous na explotación pero "deciden o reparto da participación do negocio" como eles queren, cando na TC sería por lei do 50%. Xa só tendo en conta as SC e as TC -sen contar as cooperativas agrarias, comunidade de bens, cooperativas de explotación comunitaria, comunidade de montes veciñais, sociedades agrarias de transformación e o epígrafe de outras sociedades- as TC representan so o 0,9 %. Se as comparamos co total do Reaga (6.027 explotacións), son o 0,43%.

    Problemas coa discriminación positiva O espírito da lei non está funcionando en Galicia. E iso que a TC implica un reparto do 50 % do negocio, a exención de facer o Imposto de Sociedades, unha situación fiscal máis vantaxosa en xeral, e axudas e subvencións da PAC, de incorporación, todas as vencelladas ao sector primario contemplan puntos extra para estes tipos de negocio. Non obstante, suliñan desde Fademur, o problema é que "a discriminación positiva pola norma non se está a facer ben porque eses puntos de máis por ser unha TC son os mesmos que se lles dan a outras fórmulas xurídicas". Os incentivos para a igualdade no rural, para equiparar verdadeiramente a homes e mulleres, que se atopan na normativa non se aplican como deberían. Tal e como indica Medio Rural na súa web, estas explotacións teñen a condición de prioritarias, conforme a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de Modernización de Explotacións Agrarias, de forma que gozarán da vantaxe de teren unha orde preferente na obtención de beneficios, axudas e demais medidas de fomento impulsadas polas administracións públicas.

    "Sen esquecer o descoñecemento total dos técnicos e funcionarios das oficinas agrarias, de Facenda e demais organismos" aos que acoden as persoas a informarse, subliña Arcos, que indica que noutras "comunidades autónomas, como Castela e León e Castela-A Mancha, a Administración fixo unha aposta clara pola titularidade compartida. Asumíu a responsabilidade de facer algo máis que ter aberto un rexistro". Os datos de Fademur indican que ningunha CCAA logrou rexistrar baixo esta fórmula o 50 % das explotacións. No mellor dos casos, Castela e León ten 181 e Castela-A Mancha, 163 (con cifras do Ministerio do 2017). En toda España son 507 as rexistradas.

    Fai falta "un traballo proactivo dirixido á diana das sociedades civís, informar directamente, facilitarlle o marco para que cambien a fórmula xurídica dunha maneira áxil, non enredándoos en corenta mil trámites e, despois, discriminar positivamente a TC", di Arcos.

    No momento de aprobarse en España, as organizacións do sector recibían chamadas de homólogas doutros países porque "foi para as mulleres do sector moi importante; e hai leis parecidas en Austria, Francia e Holanda, que teñen como inspiración a nosa. Entendemos que o único que hai agora é desinterese e frústranos moito porque estamos falando dos problemas no rural e temos figuras que facilitan incorporar as mulleres no tecido económico e social pero non se dotan nen apoian", remata a presidenta de Fademur Galicia.

    Iniciativa de en marea no parlamento O 28 de febreiro, a Comisión 7ª de Agricultura da Cámara galega debatíu unha iniciativa de En Marea, unha proposición non de lei sobre as medidas que debería adoptar a Xunta para mellorar a aplicación desta normativa de TC. Antón Sánchez, un dos seus impulsores, explica a este diario que denuncian o feito de que aínda que hai "aproximadamente 35.000 mulleres que poderían terse acollido" aos seus beneficios son poucas as que o fixeron, polo que "queda probada a falta de desenvolvemento e aplicación".

    Este tema xa foi levado por todos os grupos da oposición ao Parlamento. No caso de En Marea "é a segunda vez", e instaban á Xunta a levar a cabo unha campaña de difusión da lei, facer un estudo para avaliar as causas do fracaso e por en marcha un programa de formación específico para traballadores da Xunta para asesorar e acompañar nos trámites da titularidade compartida aos interesados. Durante o debate "o propio PP recoñece que a aplicación foi un fracaso", di Sánchez. A iniciativa "non foi aceptada, cos votos en contra do PP", remata.

    Rosa Arcos presidenta de fademur galicia

    "Falta un traballo proactivo, unha campaña centrada no colectivo das SC"

    "Non hai ferramentas indispensables para desenvolver a lei"

    24 mar 2019 / 21:45
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito