El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

87% de doazóns a bordo do autobús

Galicia mantén as súas reservas de sangue en bos niveis, sobre todo grazas ás facilidades que ofrecen as dez unidades móbiles da Axencia ADOS. Só un 13 % das transfusións son realizadas nos puntos fixos. A nosa comunidade está en postos de cabeza no conxunto nacional

Varios doadores nun dos autobuses de transfusión de ADOS nun soleado día en Santiago - FOTO: Silvia Castiñeiras
Varios doadores nun dos autobuses de transfusión de ADOS nun soleado día en Santiago - FOTO: Silvia Castiñeiras

SILVIA CASTIÑEIRAS  | 17.02.2019 
A- A+

As reservas de sangue de todos os grupos están en niveis normais nesta semana, despois dalgún que outro aviso de falta de doadores dos tipos A- e A+ por parte da ADOS. E é que as chamadas da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue soe ter rápida resposta por parte dos cidadáns galegos.

Esta entidade fai público todas as semanas un semáforo para coñecer en que situación se atopan os depósitos. Cada día son precisas entre 400 e 500 extraccións voluntarias, por iso apelan á constancia da poboación á hora de ser solidario.

Galicia situábase hai anos á cola das comunidades máis concienciadas en manter as reservas continuamente a bo nivel. Actualmente, está no terceiro posto no conxunto nacional e todo grazas á posta en marcha en 1993 das unidades móbiles, que facilitaron, e moito, o acceso da sociedade ao sistema. "Agora mesmo contamos con dez autobuses que son fundamentais. O 87% das doazóns prodúcense nestes desprazamentos, mentres que un 13% se realizan nos puntos fixos que existen nas sete principais cidades galegas", explica Ángeles Pazos. A voceira de axencia apunta así que "o problema non é que non foramos altruistas, senón que a xente non tiña tantas opcións e agora é todo moito máis doado". Ademais, organízanse campañas específicas de captación como as enfocadas aos universitarios. " É o seu primeiro contacto coas transfusións, xusto cando cumpren a idade na que poden colaborar, e é moi importante que estean informados", afirma a portavoz, que tamén aclara as principais necesidades: "É lóxico pensar que os grupos de maior prevalencia entre os galegos (A+ ou 0+) son os que teñen menos urxencias, pero non é así. Precisamente por ser os máis demandados tamén se necesitan máis". Caso especial é o dos doantes universais (0-), cuxo sangue serve para todos. "En Galicia hai un 7 % de poboación deste tipo. Curiosamente as súas entregas scenden ao 8% porque soen ser persoas moi concienciadas da importancia que teñen as transfusións, sobre todo en épocas como o verán ou o Nadal, cando aumentan os accidentes de tráfico", explica neste sentido Ángeles Pazos. Para poder dar sangue hai que ser maior de idade, pesar máis de 50 quilogramos e non ter padecido enfermidades como SIDA ou Hepatite B ou C. Todas as condicións son ben analizadas antes polos médicos.

REACCIÓNS

Ovidio 49 anos "Hai moitos anos que empecei a doar. Cando era adolescente meu pai tivo que facer varias transfusións, por mor d­unha enfermidade, e quedei moi impresionado porque daquela tiñas que levar ti á persoa que quixera darche o sangue. Iso deixoume moi marcado, por iso non dubidei en colaborar en canto puiden".

Natalia 30 anos "A miña primeira doazón foi xusto ao cumprir a idade permitida, os 18. Ao día seguinte do meu aniversario veu o autobús ao instituto, en Arzúa, e probei. Dende aquela acostumo acudir a miúdo ás unidades móbiles, sobre todo en Santiago, onde traballo. Animo a todos porque axudas, non che fan dano e trátante moi ben". 

Ramiro 64 anos "Hai uns 15 anos que me fixen doante. Axudas e, ademais, tamén é bo renovar o sangue de vez en cando. Creo que hai que ser solidario constantemente neste tema e non esperar a que pase algo puntual. As unidades móbiles son moi cómodas e dende ADOS soen avisar se o autobús está pola túa zona para que esteas enterado".

José Manuel 39 anos "Debe facer uns 4 ou 5 anos que fago doazóns habitualmente. Resulta que son do grupo 0-, é dicir, doador universal, así que aínda colaboro con máis razón porque o meu sangue serve para todos. Aínda así, non considero que faga mellor labor que alguén con outro tipo; todos colaboramos do mesmo xeiro".