El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

O 99% dos fogares con nenos en Galicia ten internet

Preto do 89% da totalidade dos domicilios galegos ten contratado o acceso á rede

FOTO: Fernando Blanco
FOTO: Fernando Blanco

MATEO GARRIDO SANTIAGO  | 27.03.2020 
A- A+

A presencia de nenos en idade escolar (de 3 a 16 anos) e estudantes maiores de 16 anos incrementa o emprego da tecnoloxía no fogar, dende a contratación de internet ao uso de dispositivos electrónicos, ou mesmo do comercio electrónico. O 99% dos fogares galegos onde conviven nenos ou estudantes dispoñen de acceso a Internet. Son datos do estudo "A Mocidade e as TIC. Edición 2019", elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).

A convivencia, tanto con nenos en idade escolar como con estudantes de máis de 16 anos, aumenta a presenza de ordenador, tablet ou Pda nos fogares ata o 92,5% no caso dos fogares onde residen nenos de 3 a 16 anos e por riba do 96% nas naqueles fogares que conviven estudantes maiores de 16 anos, máis de 19 puntos por riba da media galega. Nestes fogares tamén se incrementa a presenza de Smart TV (8,9 puntos por riba da media) e a Consola de xogos (15,6 puntos).

Segundo os últimos datos do INE do pasado outubro, preto do 89% dos fogares galegos ten contratado un plan de acceso a rede. Isto supón un incremento do 7,5% con respecto ao ano 2018, a maior subida dende o 2016, e dous puntos porcentuais por enriba do ascenso medio estatal.

O crecemento máis importante dáse nos concellos galegos con menos de 10.000 habitantes, nos que durante o último ano os fogares conectados pasaron de representar un 74,6% a un 81,2%.

Nas vilas galegas de 20.000 a 50.000 habitantes, a conexión a Internet de banda larga medrou máis dun 8,5%, situándose no 94,1%, superando o valor da media estatal en 2,5 puntos porcentuais.

En referencia ao emprego das TIC, cabe salientar que o 84% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 4,5%, con respecto ao ano anterior. Entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal. Cómpre destacar o crecemento no grupo de idade de 55 aos 64 anos, onde o uso da Rede medra 15 puntos porcentuais respecto ao ano 2018.

Ademais dos usos tradicionais, como a mensaxería instantánea ou o correo electrónico, un dos usos de Internet máis estendidos entre os internautas galegos a é a banca electrónica, que utiliza o 64,6% dos internautas na nosa comunidade, catro puntos máis que a media estatal. Salientar tamén o importante uso da nube como sistema de almacenamento de ficheiros con fins privados, que practica un 46,2% dos galegos que utiliza Internet converxendo co conxunto do Estado.

En referencia á cobertura da rede en Galicia, os Gobernos autonómicos e estatal estánse realizando despregues de fibra en máis de 300 concellos galegos, o que permitirá que este ano o 80% dos domicilios galegos teñan cobertura da internet de 100 Mbps a través de redes fixas; unha porcentaxe que se agarda continue crecendo e alcance o 90% no ano 2021.

DATOS PRINCIPALES

6,6% Crecemento no último ano dos fogares conectados nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Estas vilas superan xa o 80% das vivendas conectadas.

80% Os domicilios galegos que se agarda que teñan cobertura de internet a través de rede fixa este ano. A Xunta traballa co Estado no despregue de fibra nuns 310 concellos.