El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Afonso Vázquez-Monxardín: "A lingua está moi presente como instrumento de loita na política"

Novo académico correspondente da Real Academia Galega

Afonso Vázquez-Monxardín. Novo académico correspondente da Real Academia Galega - FOTO: RAG
Afonso Vázquez-Monxardín. Novo académico correspondente da Real Academia Galega - FOTO: RAG

MARÍA ALMODÓVAR - SANTIAGO   | 08.11.2018 
A- A+

Acaba de ser nomeado académico correspondente da RAG. O pleno da institución votou favorablemente a proposta de incorporación do catedrático de Lingua e Literatura galegas, autor de destacadas investigacións de fondos documentais relacionados con persoeiros da cultura galega -nomeadamente das gravacións de intelectuais como Otero Pedrayo- e activista cultural de referencia na súa cidade, Ourense

Vostede foi en 1991 un dos impulsores do proxecto Arquivo Sonoro de Galicia no seo do Consello da Cultura Galega. Cales eran os seus obxectivos? Conseguiunos?

Os obxectivos daquel proxecto eran, en primeiro lugar, concienciar na necesidade dun lugar de investigación, conservación e difusión da memoria oral e sonora de Galicia e en segundo lugar, aproveitar que entre as misións do Consello por lei fundacional estaba "promover inciativas". A cousa parecía clara.

Os museos, arquivos e bibliotecas ocupábanse da conservación e difusión de categorías tradicionais de patrimonio, pero das novas categorías só a imaxe era obxecto de coidado, nas filmotecas ou no CGAI en Galicia. Pensabamos que a documentación sonora, culta ou popular tamén se deberían conservar e tratar de xeito semellante. A verdade é que había moito material espallado. Creo que se conseguiu fomentar ese interese na conservación.

Foi ademais o organizador da primeira campaña de microfilmación de prensa e rescate de publicacións no Centro Galego de Buenos Aires para o Arquivo da Emigración. Todo un tesouro, verdade?

Lembro que levabamos un tempo traballando na localización e duplicación de materiais sonoros -grazas ao apoio de Antón Santamarina, o entusiasmo de Filgueira Valvelde e á sensibilidade do secretario Manuel Suárez e da vicepresidenta María Xosé Rodríguez Galdo- e por casualidades da vida, topámonos na Biblioteca do Centro Galego de Buenos Aires cun investigador da Universidade compostelá, Marcelino Fernández Santiago. Alí comentamos a posibilidade de promover a microfilmación da prensa do Centro Galego para ter copia aquí.

A dixitalización permitiu compartir como nunca antes na historia. Case tanto dá quen teña os orixinais, pois o importante é o documento -o son, o texto, a imaxe- e non tanto, a cinta, o papel do xornal ou da foto.

Certamente o feito de que Arxentina fose máis rica e adiantada tecnoloxicamente que España permitiu que alí se conservasen moitas cousas que aquí eran impensables. Por exemplo, hai conferencias gravadas de Otero na Federación de Sociedades Galegas en 1947. E palabras de Castelao de 1941. Recuperar estas cousas era coser a nosa historia de alén e aquén mar.

Por que os galegos non somos quen de valorar toda a riqueza lingüística e cultural que temos? Erramos na comunicación?

Hai un problema de afectos. Somos por natureza bastante descridos. Castelao dicía que Valle-Inclán se cadra era máis galego ca el, porque non cría no galeguismo. Cando Ramón Piñeiro entrou una RAG, en 1968, fixo un discurso A linguaxe e as linguas no que identificaba perfectamente o problema: era precisa a conquista da cidade para o galego porque a aldea se esfarelaba. Algo diso hai. Superáronse prexuízos sobre a lingua, pero non demos feito que se considerase o vehículo preferente urbano, moderno e normal. Se cadra non comunicamos ben.

Non cre que está demasiado politizado o idioma?

O asunto da lingua é cousa da polis, da cidadanía; polo tanto, sempre será unha cuestión política. Pero se asimilamos univocamente lingua a disputa, a debate, a cuestión, a problema, fáisenos máis difícil o exercicio da normalidade. Demasiado politizado? Seguramente demasiado presente como instrumento da loita entre os partidos en vez de ser un terreo común, unha propiedade colectiva que todos debemos coidar.

Como estudoso dos persoeiros galegos, cal é o que máis admira e por que? Será Otero Pedrayo?

Otero claro, é, para min, o "pai da patria" do s. XX e o fío de unión e continuidade entre tempos históricos distintos e xentes diversas. Pero admiro a otros moitos. A Filgueira Valverde, home de saberes enciclopédicos, que xogou honestamente e en bastante soidade as bazas do posibilismo en tempos avoltos e moi difíciles e non tivo reparos en baixar á cousa prosaica da política nos tempos da preautonomía. A Valentín Paz Andrade, home da prensa, do bufete, do avión, porque cambiou os hábitos alimenticios de medio mundo, porque era un home de empresa e galeguista. A Agustín Sixto Seco, polo seu entusiasmo e eficacia nos labores nos que se metía, atando e destando, dando xogo, e nunca rompendo. A Paco del Riego, Ramón Piñeiro e Gracía Sabell, brazos e cerebros da continuidade orgánica da marcha cultural nos anos cincuenta. A Cunqueiro, mestre de Mestres da narrativa. En cada un dos persoeiros do galeguismo hai cousas admirables e son nas que nos debemos fixar.

Que pensa que pode aportar á institución da RAG como novo académico correspondente?

Os correspondentes estamos para axudar á Academia no que nos digan -comisións ou seminarios- e non participamos no goberno da institución. En calquera caso, creo que o feito de ser o único académico que vive en Ourense, faime ver que ese enlace cunha realidade de cultura viva na cidade pode ser un rol, na medida en que o soliciten.

A tradución é outro dos campos que ten cultivado. En 1985 participou na creación da Asociación Galega de Tradutores e verteu ao galego dous anos a serie Magnum para a súa emisión na TVG. Como foi a experiencia?

Era tempo de ilusión e poucos medios. Nin videos había. Dábannos os guións e traducíamos a cegas. Sen ver as imaxes. Lembro unha vez que traducín chooper por moto -"Veña tío bótame as chaves da moto"-, e despois, na xerga dos soldados americanos en Vietnam, significaba helicóptero, que era o que se viu no capítulo correspondente. E non o cambiaron porque quedaba moi ben no nivel de broma dos personaxes. En fin, eu tiña a experiencia de traducir otras cousas. Un prego de condicións de obra que presentara o enxeñeiro Rodríguez Portugal na Deputación de Ourense e que me fixo doer a cabeza porque era moi complicada a linguaxe técnica. Por exemplo, a diferenza entre zahorra, macadán, grava e gravilla. Outras cousas eran máis fáciles.

É un experto en toponimia, non é este un campo un tanto controvertido?

Non, non. Non son experto en toponimia, nin en nada. Gústame, e procuro ler algo e aplicar o sentido común. Pero non creo que sexa un campo controvertido. Se hai problema cun par de topónimos nun país de ducias de miles, pois é case irrelevante. Somos especialmente susceptibles, se cadra en exceso. Os topónimos teñen como única forma legal a galega, e isto decretouse para non ver nas estradas letreiros ridículos tipo Xunqueira de Ambia/Junquera de Ambia, Xinzo/Ginzo. A única forma legal é a galega, e punto. Despois, se hai xente que di doutra maneira, pois alá ela. Tamén existen o tema da exonimia -como adapta cada lingua á súa fonética topónimos doutros espazos que non son o seu. Tipo London, Londres, Londra, etc.- Aí a tendencia, cada vez máis, é a respectar o propio dos lugares. Así, cada vez óese máis Girona, Euskadi, Donosti, Burkina Faso, Sri Lanka... e menos as vellas formas traducidas. Hai tema.

Vostede que faría entón co topónimo A Coruña?

Nada. Creo que non convén andar sempre remexendo nestas cousas e cambiando de criterio. Era mellor o WordPerfect ou o WordStar? En fin, a historia segue e ten o seu camiño e os seus tempos. En calquera caso, a min teríame gustado facer coma os portugueses: non escribir o artigo, non integrar o artigo no topónimo. Así eles, nas estradas, poñen Porto e despois din "Venho do Porto". Eu escoito tanto "Teño familia en Coruña", como "na Coruña". E falando en castelán, que fagan como queiran. O exónimo La Coruña non é oficial, porque a única forma oficial é a galega. E punto.

Nestes momentos considera que a súa elección dentro da RAG é unha elección amable e que non xera ningún tipo de discusión?

Pois polo que me contaron, así foi. Propuxéronme Xesús Alonso Montero e Antón Santamarina e seica votaron a favor os 22 presentes. Outra cousa desacougaríame. Pero dado que os correspondentes non son membros do plenario- non votan ao persoeiro do Día das Letras Galegas, por exemplo- creo que é unha cuestión menor e non creo que sexa terreo para a polémica.

Como licenciado en Xeografía e Historia, unha titulación que non goza do seu mellor momento, como ve que a Filosofía volva de novo ao sistema?

Non creo que Xeografia e Historia teña mala prensa, ten mala saída profesional, que é distinto. Aínda así, os de Xeografía e historia somos xente moi reversible, creo que por formación estamos afeitos a ver realidades cambiantes o que desenvolve ben as disposicións adaptativas.

Por suposto que máxima presenza da Filosofía. Creo que neste momento de alude informático e informativo que nos esmaga, de hipertrofia do global e do pensamento único que chega a nós xa feito, é preciso reforzar ao individuo en tanto ser consciente, reflexivo, autónomo.

Acaba de ser nomeado académico correspondente da RAG. O pleno da institución votou favorablemente a proposta de incorporación do catedrático de Lingua e Literatura galegas, autor de destacadas investigacións de fondos documentais relacionados con persoeiros da cultura galega -nomeadamente das gravacións de intelectuais como Otero Pedrayo- e activista cultural de referencia na súa cidade, Ourense. Foto: RAG

RELACIÓN COA HISTORIA. É licenciado en Xeografía e Historia e desde 1983 é docente de Lingua e literatura galegas, profesión que exerce como catedrático no IES As Lagoas de Ourense. Os seus primeiros traballos están moi relacionados coa carreira que estudou, na que se especializou en Prehistoria e Arqueoloxía. Colaborou co Museo Arqueolóxico de Ourense, nos xacementos de Castromao, San Cibrao de Las ou A Lanzada, e tamén noutros en territorio portugués ou italiano. Desde hai un ano é secretario da Fundación Otero Pedrayo, onde organizou recentemente a terceira edición do Abril Oteriano.