El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Agís será o novo decano de Filosofía e Pousa repite en Ciencias da Comunicación

Os dous teñen experiencia anterior como xestores académicos // Ambos foron directores dos seus respectivos departamentos

Xosé Ramón Pousa (CC. Comunicación), esquerda, e Marcelino Agís Villaverde (Filosofía)
Xosé Ramón Pousa (CC. Comunicación), esquerda, e Marcelino Agís Villaverde (Filosofía)

ROSA RÍOS. SANTIAGO   | 12.10.2018 
A- A+

Marcelino Agís resultou elixido decano da Facultade de Filosofía na xunta celebrada onte no centro, mentres que Xosé Ramón Pousa foi reelixido á fronte de Ciencias da Comunicación nunha votación na que obtivo a totalidade das papeletas.

Agís Villaverde, que estará acompañado nos labores de goberno pola profesora María Luz Pintos Peñaranda como secretaria e Javier Barcía González, como vicedecano, tivo como lema da súa campaña En compromiso coa filosofía e nela ofreceu "traballar para que a nosa facultade ocupe un espazo relevante entre os demais centros da USC e no conxunto das facultades do mapa universitario español e europeo".

Así, asegurou que traballará para lograr que a Filosofía "siga recuperando o protagonismo que lle corresponde na vida social, cultural e científica". No seu programa para os vindeiros catro anos tamén inclúe incrementar a presenza das materias de con-tido filosófico no ensino non universitario, contribuír á convivencia, calidade de vida e respecto á diferenza e a poñer en valor o compromiso coa lingua, a cultura e o pensamento galegos.

En canto a Xosé Ramón Pousa, que repite como decano en Ciencias da Comunicación, el mesmo asegurou que sustentará o seu labor no "esforzo, participación, transparencia e diálogo", coa intención de "seguir levando a cabo unha xestión transparente e participativa, coa colaboración de todos os sectores que integran o centro". Entre os retos que se marca destaca a reforma dos planos de estudo, para "actualizar os contidos e responder de xeito máis eficaz ás demandas da sociedade" e reivindicou a necesidade dunha política que permita "a renovación docente e investigadora, loitando para posibilitar a carreira docente do profesorado xa vinculado e incorporación de novos valores que garantan unha educación de calidade".

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt