El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Alumnos da 'Uni' durante un día...

'Encontros na USC' permite ao estudantado de Secundaria dos institutos de Galicia visitar as instalacións do campus de Santiago e axudarlles a elixir o seu futuro

Un grupo de estudantes de Secundaria visitando a Facultade de Económicas da USC - FOTO: Correo TV
Un grupo de estudantes de Secundaria visitando a Facultade de Económicas da USC - FOTO: Correo TV

SILVIA CASTIÑEIRAS  | 13.02.2019 
A- A+

Universitarios por un día. Así se sentiron onte os mozos e mozas, estudantes de secundaria de varios centros de toda Galicia, que puideron visitar as facultades da USC e vivir durante unha xornada o ambiente do campus.

En total, durante esta semana pasarán polas distintas facultades Santiago uns 3.500 alumnos e alumnas de 1.º e 2.º de Bacharelato, procedentes de 70 institutos de toda a comunidade, grazas ao programa Encontros na USC. Trátase dunha iniciativa que pretende poñer en contacto aos posibles futuros ocupantes destas aulas coas instalacións. Desta maneira, os rapaces que están a piques de rematar o seu ciclo escolar e xa están pensando en facer unha carreira teñen a oportunidade de tomar contacto directo coa dinámica universitaria e quizais ter as cousas máis claras.

E é que son moitos que aínda están en proceso de decisión. É o caso de Erika, do IES Fraga do Eume de Pontedeume. "Encántame a literatura pero tamén teño en mente criminoloxía, non sei, non teño nada claro", afirma aos seus 17 anos. Dende Sada, Manuel sí parece que o seu futuro poda estar ligado ao deporte, ben sexa a través de INEF ou sendo xornalista. Pablo, do IES Castro Alobre de Vilagarcía está a tantear a cousa. Así, afirma, "quero estudar ADE, pero decidinme hai un par de meses porque antes estaba pensando en Dereito". Con dúbidas tamén aparece Carmen. Ten 17 anos e vén do IES Salvador de Madariaga, da Coruña. Di que optou pola visita á Facultade de Historia porque cre que lle gusta iso. "Vou ver que ambiente vexo porque nunca visitei a universidade. Aínda teño ano e medio para decidirme por unha carreira".

Iván tampouco ve un horizonte claro. Este alumno do IES Ames achegouse á Facultade de Ciencias da Educación porque "gustaríame ser mestre, aínda que tamén quero facer un ciclo superior antes da universidade".

No extremo contrario sittuaríase Sara, que fixo un percorrido por Económicas. Esta rapaza do IES Breamo, de Pontedeume, asegura rotunda que "empezoume a gustar na clase e xa me decidín, creo que se me dá ben esta rama e penso vir estudar a Santiago".

O profesorado responsable de cada centro, tanto do Campus Sur como do Norte, foi os encargado de guiar a estes universitarios por un día por aulas, bibliotecas ou laboratorios, entre outros espazos.

Con estes itinerarios a institución académica compostelá quere establecer unha ponte cercana co alumnado de Secundaria.

REACCIONES

Manuel IES Isaac Díaz Pardo "Por agora non sei moi ben que facer. Decidinme por esta visita a Filoloxía e Comunicación porque me chama a atención o relacionado co xornalismo. Tamén me gusta INEF, porque o meu é todo o que me permita estar relacionado co deporte"

Sara IES Breamo "Vou visitar a a Facultade de Económicas porque teño clarísimo que ao acabar o instituto vou matricularme nisto. Empezoume a gustar este ano na clase e como non sabía que facer pois decanteime por elo. A verdade, creo que se me da ben esta rama"

Pablo IES Castro Alobre "Eu quero facer ADE. Decidinme xa hai un par de meses porque antes inclinábame máis por Dereito. Agora decántome por Administración de Empresas por iso vou de visita a esta facultade a ver que tal. Teño ganas de ver como é por dentro".

Carmen IES Salvador de Madariaga "A verdade é que a estas alturas non teño nada claro o que quero estudar ao rematar o instituto. Agora escollín a visita a Historia e Filosofía porque son temas que me gustan bastante. Nunca entrei na facultade, así que vou probar a ver que ambiente hai nestas"

Iván IES Ames "Vou no grupo da Facultade de Ciencias da Educación porque me gustaría ser mestre nun futuro. De todos os xeitos penso facer un ciclo superior e se non me gusta optarei por esta carreira. Xa vin o ano pasado, entón quería facer ADE".