El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Callón: "Non presentarme á reelección será bo para a Mesa e para min"

O actual presidente da Mesa pola Normalización Lingüística explica en Radio Obradoiro que despois de 12 anos no cargo "pode vir xente que asuma moi ben esa labor e tente superar algunhas limitacións que tivemos nestes anos e algúns erros" // Lembra como un dos seus mellores momentos a multitudinaria manifestación en defensa da lingua do 17 de maio de 2009

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística


SANTIAGO. RO  | 10.04.2014 
A- A+

Carlos Callón diralle adeus a finais de abril á presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística, cargo que ocupa dende hai 12 anos. Decidiu, logo "dun longo período de reflexión", non presentarse á reelección na asemblea nacional que se celebrará o día 26. El mesmo explicaba este xoves en Radio Obradoiro que "non é só que leve 12 anos como presidente, senón moitos máis na Permanente da Mesa". O seu relevo virá da man de xente "que pode asumir moi ben esa labor e tentar superar algunhas limitacións que tivemos nestes anos e algúns erros".

Callón cre que a súa decisión "será boa para a organización e para min". En canto deixe a presidencia dedicarse de cheo á súa profesión como docente de lingua e literatura galegas, ó tempo que "iniciarei novos proxectos, algúns de carácter cultural". Deixa claro que seguirá na Mesa como activista.

O balance destes 12 anos é para Callón satisfactorio porque "puiden ser útil nunha causa como a defensa da lingua, a cultura e a identidade de Galicia". O peor foron "as limitacións a nivel humano e a nivel económico". Lembrou que hoxe en día "a Xunta non adica nin un só céntimo á Mesa". Para el, o momento máis especial deste período foi a multitudinaria manifestación do 12 de maio de 2009, "que supuxo un salto enorme na participación".

Fíxose moito durantes estes 12 anos en defensa do galego, pero por diante queda tamén moito por facer. Segundo Callón, "a clave é o ensino. Non hai lingua que poida existir se o ensino está de costas".