El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

GALICIA XXI // ACTORES DO CAMBIO

Carlos Callón: "O trilingüismo que vende o novo decreto non é tal"

"A sentenza do Tribunal Supremo di que á escola non se vai escoller lingua, vaise aprender para logo poder escoller" // "Se vostede quere saber o que de verdade acontece co galego, probe a vivir en galego as vinte e catro horas do día"

LUIS POUSA • SANTIAGO  | 03.01.2010 
A- A+

ANTONIO HERNÁNDEZ
Carlos Callón Torres, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, na Praza do Obradoiro
FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

Carlos Callón Torres (Ribeira, 1978; licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, profesor de Lingua e Literatura no ensino secundario, ex concelleiro do BNG en Ribeira) é presidente da Mesa pola Normalización Lingüística desde o ano 2002, o que o converteu nun dos brancos das iras dos que entenden o bilingüismo como un dereito persoal a non ter que saber falar nin escribir correctamente en galego, xusto o contrario dos que entenden que bilingüe é quen está capacitado para usar correctamente dous idiomas.

_ Como interpreta a sentenza do Tribunal Supremo que vén confirmar unha anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o ensino en galego?

_ É todo un correctivo a ese discurso de galegofobia que realizan desde a Xunta, e nomeadamente o presidente Alberto Núñez Feijóo. A sentenza sinala que é plenamente legal a lexislación aprobada, que indica que hai unhas materias que hai que impartir en galego e que, polo tanto, en Galiza non está sendo discriminado o castelán. O presidente da Xunta debería haber escoitado a comunidade educativa, a sociedade, e o que din os tribunais de xustiza, e actuar en consecuencia. O que di a sentenza é que á escola non se vai escoller lingua; vaise aprender para despois poder escoller lingua.

_ Iso deixa sen argumentos os que esixen separar os alumnos segundo se expresen en galego ou en castelán?

_ Nós, fronte a esa fractura social, defendemos a convivencia. A lexislación galega, e tamén a estatal, sinalan que hai que terminar cada etapa do ensino non universitario con coñecementos tanto de castelán como de galego. Os estudos realizados polo Consello da Cultura Galega, do ICE, da Universidade de Santiago, etc., sinalan que en castelán non hai problema, o problema está co galego. E son necesarias medidas para corrixir iso. Causa estupor nas comunidades educativas sabedoras do que acontece nos centros de ensino, que a Xunta en vez de tomar medidas para potenciar o galego, como lingua que está en inferioridade de condicións, anuncie medidas de aínda maior desamparo.

_ A mellor forma defender o galego é o monolingüismo ou o plurilingüismo?

_ O mellor é garantir que en Galiza se poida vivir en galego. Non existe dereito de escolla nin de opción lingüística cando non podes optar polo galego. Almeida Garrett dicíalles aos deputados portugueses no século XIX: se vostedes queren realmente lexislar en favor do ferrocarril, viaxen en tren e saberán os problemas. E a nosa mensaxe é, se vostede quere saber o que acontece co galego, probe a vivir en galego as vinte e catro horas do día. Verá se realmente pode asistir ó notario, e facer calquera escritura en galego; se pode escoller en galego os xoguetes que quere comprarlles ós seus nenos este nadal; se pode escoller en galego películas no videoclub...Hai moitas cousas que poderían estar en galego se houbese realmente unhas políticas públicas para garantilo, pero non as hai.

ANTONIO HERNÁNDEZ

FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

_ Que lectura fai do borrador do decreto presentado pola Xunta para regular o uso do galego no ensino non universitario?

_ Segundo todos os estudos oficiais, hai problemas para que o alumnado saia da escola con competencias comunicativas en galego igual que en castelán. En vez de solucionar o problema, a Xunta auméntao con este contradecreto, xa que reduce a presenza deste idioma, levando a cabo así a maior agresión contra a nosa lingua na democracia. Ademáis véndese como decreto do trilingüismo, cando non é tal. O referido ao inglés é imposíbel de aplicar en case toda Galiza, e así o recoñece a disposición adicional primeira desta norma, que di que mentras non haxa persoal capacitado iso non se fará. Esa disposición adicional acaba anulando todo o dito no resto do articulado! Se o Goberno de verdade quere mellorar as competencias do alumnado en inglés, teno fácil: contratar máis profesorado nesa materia, para que haxa menos alumnado por clase, e tamén mellorar as dotacións en material dos centros. O contrario é vender fume. Ademáis, e isto é mui importante, é unha norma que vai a crear conflictos enormes nos centros e entre familias, vai a dividir.

_ Que obxectivos persegue o paro xeral nos centros educativos conocado para o día 21?

_ Demostrar que a inmensa maioría das comunidades educativas está contra este decreto galegófobo. Independentemente da lingua que falen no seu día a día, tanto o profesorado como as familias, como o estudantado se opoñen a esta imposición unilateral do Goberno Feijóo. O presidente da Xunta o sabe, do contrario non presentaría a norma a úlitma hora do serán da véspera de fin de ano e mudando de lugar cando soubo que estaban convocando concentracións poer sms para contestala. Este decreto non garante a competencia en galego do estudantado, supón un ataque ao idioma que nos une e á nosa dignidade como país.

_ É posible acadar un novo consenso lingüístico?

_ O consenso lingüístico existe naqueles pactos aprobados por unanimidade: a Lei de normalización lingüística. o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea das linguas. Eso é que defendemos desde a Mesa pola Normalización Lingüística e desde a plataforma Queremos Galego. O Goberno de Feijóo actúa de forma irresponsábel quebrando ese consenso.

_ Que avaliación fai da proposta institucional sobre a lingua galega do Consello da Cultura Galega, enviada ao Parlamento?

_ A Mesa pola Normalización Lingüística dirixírase ao Consello da Cultura Galega para proporlle que fisexe esa mesma
acción. Era necesaria. Como era necesario o dito noutro momento, con toda corrección institucional mais tamén con toda contundencia, polo presidente da Academia. O que di o Consello da Cultura é que hai un plan, aprobado por todos, tamén polo PP, cando este gobernaba e Núñez Feijóo era vicepresidente da Xunta.

_ Por que os rótulos das autoestradas e dos aeroportos galegos non están tamén en galego como manda a lei?

_ Nas autoestradas galegas, cero uso do galego. Dirixímonos á empresa, ao Goberno galego, ao Valedor do Pobo e ao Defensor del Pueblo para que actúen. No caso de que non respondan positivamente iremos á vía xudicial. Non pode ser que se neguen a cumprir a legalidade de incluír o galego na sinaléctica. Algo que tamén está regulado por lei no caso dos aeroportos, se ben aí si se deron avances importantes.

_ Por que é vostede tan crítico co Valedor do Pobo?

_ Porque está pondo obstáculos continuamente para tramitar as queixas que se presentan por vulneración de dereitos lingüísticos, cando se trata da lingua galega. Algunha vez tramitamos quince queixas no mesmo día, sobre cuestións diferentes, e o que fixo foi reunilas todas nun único expediente, co cal daba a impresión de que esas quince queixas eran unha soa. A pesar diso, son moitas máis as queixas que tivo por cuestións da lingua, que por funcionamento da vicepresidencia de Xunta do bipartito, pero na súa comparecencia pública, que só motivos políticos poden explicar, salientou o da vicepresidencia. Este valedor non está á altura do cargo.

_ O exceso de celo normativizador pode xerar distanciamento en galegofalantes de toda a vida?

_ Non. Se houbese unha presenza normal do galego nos diferentes ámbitos, o proceso de estandarización no sería visto como algo estraño. Despois, hai moitas lendas urbanas. Non coñecín ninguén que non entenda a TVG, e se non, non entendo eu como Luar ou Libro de Familia teñen tanta audiencia.

_ Por que a gheada e o seseo teñen mala prensa?

_ Os prexuízos, aínda que sexan contraditorios, funcionan. Se alguén fala nun galego o máis estándar posible, critícano porque fala un galego pouco natural; se fala con ese e gheada, din que é bruto falando! Para esa xente o problema non está nin no un nin no outro, está no galego.

_ Para subsistir, a lingua galega debe estar no ámbito lusófono?

_ É preocupante que quedemos na marxe. Moitas veces o presidente da Xunta e o conselleiro de Educación utilizan o inglés de forma demagóxica para tentar quitarlle espazo ao galego. Ninguén nega que se poida aprender inglés no sistema educativo, ao contrario. E non pode ser que nenos e nenas que sacan boas notas en inglés non sexan capaces de se comunicar nese idioma. O inglés é importante, pero tamén o portugués. Estremadura está a aproveitar a aprendizaxe do portugués nos institutos para mellorar as relacións con Portugal. Calquera rapaz ou rapaza de Galicia, se no ensino secundario tivese un número de horas para aprendizaxe do portugués, podería terminar o instituto cun título de portugués, que é un dos idiomas oficiais da UE, e abre portas. Non hai máis razóns cós prexuízos ideolóxicos lingüísticos para non aproveitar iso, cando ambos son parte do mesmo sistema lingüístico.

_ Que futuro lle espera ao idioma galego?

_ Os ataques que hai agora mesmo son os máis duros de toda a etapa autonómica. É a primeira vez que temos un Goberno da Xunta que anda a patadas coa lingua galega. A maioría da poboación así o constata, e iso está a crear unha reacción social moi importante. Falantes de galego que non tiñan conciencia lingüística, comezan a tela: decátanse de que non hai nada de malo en falar galego e que o normal sería poder utilizalo nos diferentes ámbitos, e se hai que moverse en defensa do galego, móvense. Persoas que falan en castelán comezan a decatarse de que podemos perder o galego se non o protexemos. Son síntomas moi importantes. Na manifestación do 18 de outubro había milleiros de falantes de español.

_ O idioma galego segue a identificarse máis co medio rural que co medio urbano?

_ O PP confúndese cando considera que como nas cidades hai maioría de xente que non fala en galego e a xente nova non fala en galego, pode quitar a carauta que tiña e realizar políticas de ataque contra o galego. A poboación urbana e a xente nova non están contra o galego. Nós facémoslle un conveniente á xente para que pase a utilizar o galego, pois é a mellor defensa que se pode facer do noso idioma.

O PERFIL

"Non levo internet no meu móbil"

En que lecturas anda?

Son unha persoa de lecturas desordenadas, e tendo a acumular libros, pero os dous que teño agora na mesa de noite son moi diferentes. Un é Palabras brancas, un libro de poesía infantil de Elvira Ribeiro, moi bonito, que me chamou a atención, porque está todo feito coa letra "a". Para os pequenos e pequenas é unha delicia. E o outro libro é do filósofo esloveno, Slavoj Zizek, As metástases do gozo, que está traducido ao portugués en Relogio D´augua.

Con que frecuencia vai ao cine?

Menos do que querería, porque moito véxoo na casa, pero si que vou. A Cine Europa fun ver tres filmes.

E ao teatro?

Ao teatro vou menos que ao cine; gustaríame ir máis. Acabo de ir ao ensaio que fai Matarile, Cerrado por aburrimiento.

Que tipo de música lle gusta escoitar?

Vou ser tópico, porque a verdade é que teño gustos eclécticos. Desde grupos máis popis de diferentes lugares, a música tradicional, cantautores... En fin, Silvio Rodríguez, La Casa Azul, Uxía Pedreira e Uxía Senlle, Mercedes Peón.

Por onde van os seus gustos nas artes plásticas?

Son bastante tradicional. Talvez o máis moderno pode ser o referido á fotografía, porque ó ter amigos que están metidos no tema pásanme cousas. Se tivese que escoller unha imaxe escollería O neno das piñas de Castelao. Dáme a impresión de que Castelao, por ser moi polifacético, non está valorado no seu aspecto de pintor.

A arquitectura é arte?

Toda arte é un convencionalismo, pero penso que se a arquitectura non é arte estando como estamos na Praza do Obradoiro, logo non sei que é arte. Si, a arquitectura é arte.

A onde lle gusta viaxar?

Gustábame viaxar máis antes que agora. Teño claro que non me gusta viaxar con traballo, porque non fas máis ca estar reunido, e non gozas da viaxe. Teño ganas de ir a Brasil e ao Xapón, son dous destinos que están na miña axenda.

Cociña?

Cociño mal. Hai determinados pratos que me gusta facer, pero son bastante patoso. Ata para conducir son patoso.

Fai as tarefas da casa?

Non me queda outra.

Que pensou cando tivo o seu primeiro teléfono móbil e que pensa agora?

Recordo que cando collín o primeiro, alá polo 2001, moitos amigos dicíanme: "Mira que andar cun teléfono móbil". Ao cabo dun ano ou dous, xa todo o mundo tiña teléfono móbil. O importante foi que aprendín a andar con el. Por exemplo, non teño internet no móbil, porque estás recibindo mensaxes todo o día, o que che impide desconectar do traballo; é un disparate mesmo psicoloxicamente. Dío Umberto Eco: "Podemos estar cinco persoas ao redor dunha mesa e as cinco falando polo móbil".

E do PC portátil?

É moi útil. Ando moito con el, e lévoo comigo cando viaxo.