El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

CCOO constitúe un grupo que perseguirá a presenza do perigoso amianto en Galicia

J. C.   | 15.01.2020 
A- A+

ASBESTO Comisións Obreiras constituíu onte en Vigo un grupo de traballo sobre o amianto. Debido ás súas múltiples propiedades, sobre todo illantes e ignífugas, foi usado de xeito intensivo durante décadas en todo tipo de sectores e aplicacións, do naval a edificacións, canalizacións de auga ou automoción.

Malia que o seu uso e comercialización están prohibidos desde o 2002, o asbesto segue presente en multitude de lugares, xa que non é obrigatorio retiralo se non chegou ao final da súa vida útil.

Porén, é precisamente ao final da súa vida útil cando o amianto ou asbesto é máis perigoso, xa que a degradación do material provoca que este solte pequenas fibras que acaban sendo inhaladas, producindo todo tipo de doenzas, entre as que se inclúe o cancro.

Segundo CCOO, un dos maiores riscos é a aparición do amianto "de xeito inesperado", pois non hai ningún mapa que indique os lugares onde foi utilizado. Por iso o sindicato formará para que os traballadores en activo e retirados o recoñezan e saiban como actuar se estiveron expostos en edificios, buques, trens ou canalizacións de auga, e piden á Xunta un plan director para xestionalo.