El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

RADIO OBRADOIRO

"A ciencia está presente no noso día a día"

El CSIC celebra en novembro o Mes da Ciencia // O organismo científico organiza varias actividades en diferentes cidades galegas // A Cidade da Cultura acolle este sábado unha sesión de contacontos, segundo explicou Luisa Martínez Lorenzo, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Luisa Martínez Lorenzo, resp. da Unidade de Cultura Científica do CSIC

SANTIAGO. RO  | 03.11.2015 
A- A+

Luisa Martínez Lorenzo, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, presentou en Radio Obradoiro o programa de actividades que o organismo científico realizará en Santiago, Vigo e Pontevedra durante novembro, denominado Mes da Ciencia, para conmemorar a Semana da Ciencia e que contará con exposicións, seminarios, talleres e visitas guiadas ás súas instalacións.   

Martínez Lorenzo explicou que o  programa comezará este sábado, día 7, e prolongarase durante todo o mes para achegar á cidadanía as liñas de investigación do CSIC na Comunidade, fomentar as vocacións científicas e aumentar a cultura científica en xeral. "A ciencia forma parte da nosa vida cotiá. Está no noso día a día", explicou.   

En Santiago, o CSIC participará na Cidade da Cultura no programa de actos do 'Mes da Ciencia nas Bibliotecas de Galicia', con distintas actividades. Así, o sábado 7, a responsable da Unidade de Cultura Científica, Luisa Martínez, protagonizará unha sesión de contacontos en torno ao álbum 'Non quero ser un polbo', de OQO Editora, que servirá para explicar aos asistentes o ciclo de vida dos cefalópodos.   

Posteriormente, o 14 de novembro, levará a cabo un taller de extracción de ADN vexetal; o 21 de novembro terá lugar o 'Taller de Aeroglifos', a cargo do Instituto de Ciencias do Patrimonio; e o 28 de novembro o de 'Flora e fauna nunha pinga de auga', sobre organismos microscópicos.   

Os días 16, 18 e 20 de novembro terá lugar no Instituto de  Investigacións Agrobiológicas de Galicia a sétima edición de Biodiversión, que achegará, a través de talleres, a ciencia e as liñas de investigación deste centro ao alumnado de Primaria. Finalmente, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ofrecerá visitas guiadas ás súas instalacións ao alumnado de ESO e Bacharelato para potenciar o papel da investigación en humanidades dentro da ciencia.    

Síguenos en Twitter e Facebook