El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

o novo nacionalismo

Constitúese o Espazo EcoSocialista

Espazo EcoSocialista, pretende situarse ideolóxica e numericamente entre o PSdeG e o BNG

Imaxe dun momento da asemblea de constitución de EcoGaleguistas - FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Ver galería
Imaxe dun momento da asemblea de constitución de EcoGaleguistas - FOTO: RAMÓN ESCUREDO

27.05.2012 
A- A+

Tivo lugar este sábado a asemblea constituínte de EcoGaleguistas no compostelán hotel Virxe da Cerca. Segundo explican os representantes da nova formación, trátase dun dun partido de ‘novo tipo 2.0’, coas coas mínimas estruturas de coordinación, sen estruturas locais, sen interese por competir senón de colaborar, non para ser un ‘lobby’ de poder senón un motor de  novas interpretacións, de novas ideas, de novas solucións. Un partido aberto, con dirección política aberta aos adherid*s; cun Consello Aberto onde participen simpatizantes e membros da esquerda social. Un partido con data de caducidade cando se dean as condicións culturais para osnecesarios procesos de converxencia. (ver documento político).

En palabras do coordinador dos EcoGaleguistas, Xoán Hermida, a formación que se constituíu o sábado non será "un partido ao uso", senón "un partido 2.0, para o século XXI". "Non o concibimos como un partido vertical, de estruturas enrevesadas, senón un partido amable e con capacidade para que se incorporen a maior xente posible", destacou.

ELECCIÓN DO NOME

En canto ao nome, Espazo EcoSocialista, a súa elección baséase en que "ese termo recolle a fusión" entre os novos valores da nova esquerda" -- "ecoloxía, pacifismo, feminismo"-- e en que "asume o compromiso" pola xustiza social nun momento en que se está a intentar desfacer o Estado do Benestar".

"Non queremos ter que escoller entre ideoloxías do século XIX, xa esgotadas, nin entre esquerdismo e centrismo, senón que queremos un espazo central na esquerda galega", remarcou.

FORMACIÓN CON "DATA DE CADUCIDADE"

Sobre as intencións desta formación, Hermida indicou que pasan por incluír na axenda política galega "as novas tendencias que existen nas políticas europeas e globais" --como "pacifismo ou radicalidade democrática"-- e "entroncar cos movementos sociais" que senten "desafección cara á política".

A maiores, buscará "contribuír" á "cooperación na esquerda nacional e o galeguismo" e construír así "ferramentas unitarias". "É un partido con data de caducidade, pero non caducará ata que logre eses tres obxectivos: nin un segundo máis imos a pervivir cando os consigamos, pero tampouco un segundo antes disolveremos esta organización", finalizou o coordinador dos EcoGaleguistas.

NON SE PRESENTARÁ ÁS ELECCIÓNS

"Non é doado presentar un proxecto político que ten data de caducidade establecida", continuou así o discurso de Hermida Manuel Dios, un dos covoceiros de EcoGaleguistas.

Dito isto, avanzou que "en ningún caso" esta nova forza se presentará ás eleccións, dado que a súa "vocación" é "disolverse nun proxecto unitario" xunto con Acción Galega, Máis Galiza e o Encontro Irmandiño. "Para iso nacemos", recalcou.

A liña seguida, Manuel Dios explicou que a decisión de crear esta formación nace "antes do terremoto de Amio" --en referencia á última Asemblea do BNG, tras a que se escindiron diversos colectivos--

Naquel momento, "varias ducias de persoas" --hoxe son máis de 200--, dos que "a maioría" non formaban parte do Bloque, falaron da "necesidade de renovar o panorama político da esquerda e o nacionalismo". E o movemento 15 M tivo "un papel detonante", como dixo, dado que "moitas persoas pasaron da indignación á acción política".

PROXECTO "AGLUTINADOR"

Agora, o futuro da nova formación pasa por crear un proxecto que "aglutine" a sectores da esquerda e o galleguismo co fin de "dar resposta aos gravísimos problemas da sociedade" e á "desafección da política".

O que achega o seu grupo a esta eventual unión futura coas tres citadas forzas é "vontade unitaria, vocación maioritaria e non marxinal e ideas e reflexión". "A nosa intención é dirixirnos a toda a sociedade cunha proposta renovadora e ilusionante", concluíu.

"DISTINTO RITMO" DE EI

En canto ao proceso de unión, Manuel Dios admitiu que "os ritmos son distintos" para o Encontro Irmandiño que para o resto de formacións que prevén crear "unha única candidatura" de cara ás próximas eleccións galegas -- "sería imperdoable non o facer", opinou--, pero deixou claro que son "diferenzas de matiz" mentres que "as coincidencias son maioritarias".

En paralelo a este proceso integrador, están en marcha "dous talleres, un programático e outro organizativo", as conclusións da cal se "farán públicas en días". En todo caso, debido ao "distinto ritmo" dos 'irmandiños', aseverou que se trata de "documentos abertos e flexibles" aos que se poderá achegar.

ELABORACIÓN DAS LISTAS

Preguntado sobre a idoneidade de que Xosé Manuel Beiras sexa o candidato á Presidencia da Xunta desta alianza, Hermida defendeu que é "o maior activo da esquerda nacional", de modo que "terá o papel que queira ter".

En caso de que este candidato se elixa en primarias, xulgou que sería "estraño" que "non as gañase Beiras". "Hai cousas que son obvias", sinalou, aludindo a que se trata do "maior capital do galeguismo político" nunha "persoa vivente".

A súa elección, ao seu xuízo, "non entra en contradición" coa súa defensa da "renovación", dado que este termo, ao seu xuízo, "non significa botar ao capital político" que se ten. "A renovación está nas súas ideas, na capacidade de evolucionar", argumentou, se ben admitiu que a exdeputada Teresa Táboas tamén podería ser "unha magnífica candidata".

Pola súa banda, Manuel Dios puntualizou que "a idade é un estado de ánimo", de modo que "quen coñeza a Beiras se decatará de que sería un magnífico candidato". "Seguro que os outros grupos pensan o mesmo, ninguén o cuestionaría", defendeu, para apuntar, non obstante, que ese paso tería que pasar por "unha decisión persoal" do propio Beiras.

Ao fío da candidatura, Hermida deixou claro que as listas se elaborarán usando "fórmulas de participación" e reivindicou a "xenerosidade" dos Ecogaleguistas para "nin participar" nelas. "Non será un problema (a confección das listas) se non o é o programa ou a concepción de Galicia", asegurou.

"DESALOXAR Á DEREITA"

Finalmente, cuestionado sobre as opcións electorais desta lista unitaria, explicou que "competirá" con PSdeG e BNG nos comicios ao tempo que avanzou que o Bloque "seguirá sendo un aliado" malia que "optou por un discurso propio".

Na mesma liña, indicou que para "desaloxar á dereita" do poder en Galicia, esta formación "terá que contar co Bloque" e cos socialistas galegos.

A xuízo de Hermida, ademais, esta nova forza nace "tras a confirmación" de que en Galicia "facía falta algo máis" que PSdeG e BNG para facer fronte ao PP, posto que estas dúas formacións caeron en apoio electoral.

De feito, incidiu en que o seu nacemento "non só non divide o voto" senón que "favorece maiorías" progresistas nun escenario no que "o PP estaba moi cómodo". E é que non só esperan solicitar respaldo entre electores de PSdeG e BNG, senón tamén de "galleguistas" máis afíns ao PP.