Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Deputación da Coruña premia cos PEL a Igalia, Numax e Estudio 1917 Makeup

O Concello de Vedra e a Asociación de Empresarios de Ferrolterra completan a nómina de gañadores // Formoso garante que seguirán implicándose na loita contra o desemprego

A tecnolóxica coruñesa Igalia como Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada pola súa traxectoria de case dúas décadas no ámbito do software libre, que a sitúan como líder mundial na consultaría de tecnoloxías web, traballando coas grandes empresas internacionais do ámbito tecnolóxico. Entre outros proxectos, axudou a mellorar os navegadores de Google Chrome e Safari, de Apple. Pechou 2018 cunha facturación de máis de 8,5 millóns de euros e conta cunha plantilla de 43 empregados (a maioría socios da empresa) en distintos lugares do mundo.

A empresa compostelá Estudio 1917 MakeUp, creada hai menos dun ano e especializada en maquillaxe e caracterización para producións audivisuais e moda, como Mellor Inicativa Empresarial Nova. O xurado valorou a orxinalidade da idea e os numerosos traballos que desenvolven nun campo en continuo crecemento, coma o sector auidiovisual galego.

E no premio ás inciativas empresariais xeradoras de emprego, a galardoada foi a cooperativa cultural compostelá Numax, que desenvolve distintas actividades relacionadas co cinema e a industria cultural e que, en apenas catro anos de traxectoria, conseguiu pasar de 3 a 14 postos de traballo, 11 dos cales son como socios/as da cooperativa.

Ademáis de recuperar o cine independente e en versión orixinal no corazón de Santiago cun proxecto cultural cooperativo inédito en España, Numax impulsou a recuperación do Cine Duplex de Ferrol e é a distribuidora de "O Que Arde", o filme en galego de Oliver Laxe que gañou o premio de xurado en Cannes e que competirá coas grandes produccións españolas de 2019 por facerse cos premios Goya á mellor película, mellor dirección, mellor actriz e mellor fotografía.

As tres empresas foron as firmas recoñecidas onte no Pazo de Mariñán no acto de entrega da III edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a Deputación da Coruña recoñece cada ano ás mellores empresas da provincia e que este ano amplíase as iniciativas de asociacións, concellos e empresas en materia de emprego e aposta polo desenvolvemento económico.

O acto, conducido polo popular actor Marcos Pereiro, contou coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo; o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos alcaldes e unha nutrida representación do mundo empresarial da provincia da Coruña.

Como novidade, este ano os premios PEL recoñeceron tamén as iniciativas dos municipios coruñeses que traballan pola creación de emprego de calidade, onde o xurado decidiu seleccionar entre as 14 candidaturas presentadas nesta categoría ao Concello de Vedra polos seus programas de apoio ao emprendemento no rural, entre os que destaca a posta en marcha dun centro coworking localizado en Santa Cruz de Ribadulla e de xestión municipal.

Na categoría de mellor asociación empresarial da provincia impúxose a Asociación de Empresarios de Ferrolterra, polos numerosos servizos de apoio e asesoramento que presta aos seus 153 asociados dende a súa creación en 1992.

Tamén houbo un recoñecemento para o mellor comunicador/a en materia de Emprego, Industria e Economía, que recaeu na xornalista de La Voz en Ferrol, Beatriz García Couce, cunha dilatada experiencia profesional neste ámbito.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os galardóns e destacou a gran calidade das 84 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías, "unha boa mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para continuar innovando e impulsando proxectos empresariais de éxito que nos permitan seguir sendo o motor do desenvolvemento económico de Galicia", afirmou.

TALENTO E ESFORZO. González Formoso destacou que "a Deputación coincide coas empresas e entidades premiadas esta noite nunha idea fundamental: a de facer país" e apuntou que, en eidos tan diversos coma a tecnoloxía, a cultura ou a moda, "a provincia da Coruña sitúase á vangarda con empresas que comezan de xeito moi modesto, pero que teñen unha gran proxección de futuro"

"Hoxe premiamos ás empresas, pero sobre todo premiamos o talento e o esforzo das persoas que hai detrás delas", afirmou o presidente, que lembrou que o Plan de Emprego Local (PEL) que dá nome a estes galardóns partiu tamén dunha idea ambiciosa: converter á Deputación, que apenas desenvolvía actividade no eido do emprego, no maior axente activo de promoción de emprego da provincia.

"Así foi como naceu o PEL, un plan que, en catro anos, permitiu a 2.565 persoas incorporarse ao mercado laboral e axudou a máis de 1.800 emprendedoras e emprendedores da provincia a facer realidade as súas ideas de negocio", apuntou González Formoso, que considerou "necesario" que as administracións sigan "implicándose a fondo en plans coma o PEL, que suman os esforzos dos sectores público e privado para dar solución ao principal problema deste país: o desemprego".

Pola súa banda, Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e tamén presidente do xurado, agradeceu á Deputación da Coruña o impulso a "unha brillante iniciativa que valoriza a innovación, o esforzo e a responsabilidade social das nosas empresas" e destacou o elevado nivel das empresas que concorreron aos premios e a profesionalidade do xurado, composto por José Manuel Cotos, profesor titular da USC; José Andrés Faíña, presidente do Grupo de investigación de Competencia e Desenvolvemento da Unión Europea da UDC; Carlos Fernández Bermúdez, vicepresidente da Cámara de Comercio da Coruña; Rosa Mary Cardeso, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago e Isabel Ferro, xerente de I+D na empresa Calvo.

84 candidaturas entre firmas da provincia

•••A esta terceira edición dos premios PEL presentáronse un total de 84 candidaturas nas diferentes categorías, seis máis que na pasada edición, unha proba más de que se consolidan os galardóns. Estas candidaturas, tan dispares como innovadoras, abranguían actividades como a loxística internacional, a fabricación e deseño de garabatas, panos e paxarelas exclusivos, a produción e comercialización de kombucha e demais probióticos, negocios relacionados co turismo e o márketing, un espazo de coworking, ou empresas dedicadas a desenvolver apps que tentan facer a vida máis sinxela.

Cada un dos galardoados recibiu un trofeo de olería de Buño, un diploma acreditativo e un premio en metálico de 15.000 euros.

19 dic 2019 / 23:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito