El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Dúbidas do reitor co posible modelo de selectividade única

Antonio López descarta practicamente a opción dunha proba tipo test que non teña en conta os resultados do Bacharelato

A vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, acompañando ao reitor da USC - FOTO: ECG
A vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, acompañando ao reitor da USC - FOTO: ECG

SILVIA CASTIÑEIRAS   | 19.06.2019 
A- A+

As voces que piden unificar as probas de selectividade entre todas as comunidades son cada vez máis fortes. O debate sobre esta posibilidade está aberto pero semella que aínda queda moito que analizar para chegar a unha conclusión sobre se ese novo modelo sería positivo e, en todo caso, sobre cómo se podería chegar a facer realidade.

Ao paso desta cuestión saíu o reitor da Universidade de Santiago. Durante a presentación da oferta académica para o vindeiro curso 2019-2020, Antonio López chamou á prudencia sostendo que "hai que facer unha reflexión serea e repousada, analizar cal é o problema se o hai e no caso de que o haxa pensar nunha solución". Explicou, neste sentido, que "cunha proba única quedarían dous flancos abertos. Por un lado, se o 60% da nota segue dependendo do Bacharelato xa temos unha diferenciación polos distintos niveis de esixencia que existen. Por outra banda, se as probas son corrixidas por xente diferente os resultados poden seguir sendo variables".

E aínda máis, para López "un exame tipo test para todos desprezando a nota do Bacharelato non parece un remedio idóneo e equitativo para todos". O mandatario da USC considera que habería que "analizar que pasa entre as notas do instituto e as da selectividade comparando territorios. Igual se demostra que nalgunhas materias somos máis esixentes e hai que suavizar o nivel ou que as diferencias de rendemento non se poden achacar ao sistema en sí".

Así as cousas, o reitor compostelán deixa claro que ten serias "dúbidas sobre outro modelo como o test único porque poñería a todos en idénticas condicións pero deixaríamos de lado unha parte importante que son os estudos do Bacharelato. É un tema delicado". Defende, ademais, que "o sistema funciona razonablemente ben e se hai que mellorar algo estaremos dispostos. O impacto é moi acotado, onde realmente pode haber un nivel de competencia no conxunto nacional é no ámbito das Ciencias da Saúde, onde sí se produce unha mobilidade por todo o territorio e onde sí se podería focalizar un problema. Hai que poñer eses datos enriba da mesa para debater".

 


Universidade privada. O reitor da USC tamén se pronunciou ante a opción de que se poida crear a primeira universidade de carácter privado en Galicia. Na actualidade non existe na nosa comunidade ningunha institución académica deste tipo, pero iso podería deixar de ser así de saír adiante un proxecto capitaneado por Abanca.

"Polo que sabemos trátase dunha iniciativa que está aínda en fase embrionaria. De todas maneiras habería que ver se aporta algo ao sistema", afirmou López. Así, dende a USC manteñen que, tendo en conta que están permitidas este tipo de entidades, o primeiro que terían que facer é comprobar que se cumpran todos os requisitos estipulados para a súa viabilidade e avaliar pormenorizadamente a proposta.

"Hai que ser rigorosos nesa avaliación e ver se esa oferta mellora ou alomenos complementa a xa existente", concluíu o reitor.

A Lei de Universidades de Galicia recolle que o catálogo de titulacións non pode ser reiterativo.


Vexa o vídeo en

www.correotv.es

 

4.458 PRAZAS. Esta é a oferta da USC para o primeiro curso das titulacións a iniciar no vindeiro período académico 2019-2020. Son en total 44 graos e dez dobres graos, repartidos entre os campus de Santiago e Lugo. Por áreas de coñecemento distribúense en: nove títulos en Artes e Humanidades, oito en Enxeñaría e Arquitectura, catorce en Ciencias Sociais e Xurídicas, oito en Ciencias da Saúde e outros cinco no ámbito das Ciencias. Como novidade, incorpórase en Lugo o Grao de Róbotica, que será impartido na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPS).