El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Encomenda a Castelao o Bloque o seu avance nos próximos comicios

Os concellos con alcalde nacionalista son exemplos en favor das maiorías sociais

A PORTAVOZ nacional do BNG, Ana Pontón, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, na homenaxe onte a Castelao nesa vila. - FOTO: BNG
A PORTAVOZ nacional do BNG, Ana Pontón, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, na homenaxe onte a Castelao nesa vila. - FOTO: BNG

13.01.2019 
A- A+

Santiago. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou o acto en homenaxe a Castelao en Rianxo para reivindicar a vixencia do seu ideario e denunciar a quen non ten reparo en manipular a súa figura para atacar o seu maior legado: O nacionalismo.

“Aínda hoxe é tan potente a súa mensaxe que o españolismo ten necesidade de manipulalo”, salientou Pontón. Por iso, convida a Feijóo “a apropiarse de verdade do seu ideario e levalo á práctica” en lugar de poñerse diante da Derradeira lección do mestre para criticar ao nacionalismo.

Ante o seu busto instou a defender as ideas de Castelao “para agrandar e fortalecer ao BNG” de cara a cita electoral do 26-M “e abrir un tempo novo en Galiza da man do Bloque porque nos tomamos en serio este país”, como demostra nos gobernos municipais exemplos de transformación a favor da maioría social.

Fixo un chamamento “a traballar con forza” para fortalecer ao BNG como alternativa a un PP que leva a Galiza ao desastre e para poñer freo á involución democrática”. “O reto máis inmediato: Sumar máis apoios nas eleccións municipais e europeas, ensanchar a base social e que todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón saiban que o BNG é a súa casa”, recalcou.