El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Escritores, alumnos e pais dun centro enterran unha cápsula do tempo con desexos para o galego

Carlos Callón pediulle a Feijóo "respecto pola cultura galega", tras confundir este último a obra 'Cantares Gallegos' con 'Poemas Galegos'

SANTIAGO. EP  | 17.05.2014 
A- A+

Escritores galegos como Suso de Toro, Sechu Sende, Carlos Callón, Carlos Quiroga, enterraron este sábado 17 unha cápsula do tempo con previsións, desexos e interrogantes sobre o futuro da lingua galega, unha iniciativa organizada pola escola infantil Semente, que educa integramente en galego e na que participaron pais e alumnos.

Esta actividade celebrouse con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e, segundo explicou un dos seus organizadores, Eduardo Maragoto, diferénciase do resto de actos que teñen lugar o día 17 de maio, pois non comeza e remata no mesmo día, senón que se estende cara ao futuro.

As reflexións sobre o porvir do galego gardadas nesta cápsula do tempo --un pequeno cofre de metal-- foron realizadas tanto polos propios nenos da escola e polos seus pais, coma por recoñecidos escritores galegos e outras persoas.

De feito, os organizadores desta actividade previron que a cápsula do tempo sexa desenterrada no ano 2050 polos mesmos nenos-- de entre 3 e 6 anos-- que este sábado gardaron os seus desexos nela.

Os textos que os nenos, pais e autores galegos escribiron son privados, é dicir, non son lidos nin mostrado a ninguén. Entre todos os escritos gardados no cofre de metal, uns son máis literarios e elaborados e outros menos, como apuntou Maragoto.

Entre os máis elaborados atópanse os textos dos escritores Suso de Toro, Carlos Callón, Sechu Sende ou Carlos Quiroga, entre outros.

UNHA ACTIVIDADE "MOI FERMOSA"

No acto, Suso de Toro cualificou esta actividade como "moi fermosa" dende o punto de vista literario. No que respecta ao seu prognóstico para o galego, o escritor compostelano sostén que "a sociedade galega vai dar un cambio, vai reaccionar". Desta forma, conta con que no ano 2050, cando se desenterre a cápsula, a sociedade galega estea "viva e actualizada".

Para conseguir isto, o autor de 'Trece Badaladas' defendeu que a sociedade galega debe estar "incorporada ao mundo", é dicir, "reintegrada no seu ámbito lingüístico", que proclama é "o brasileiro e o portugués".

EDUCAR EN GALEGO

Pola súa banda, o presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, celebrou esta iniciativa impulsada pola escola infantil Semente, xa que posibilita que "as familias poidan educar os seus fillos en galego".

Callón fixo fincapé neste punto, pois subliñou que vivimos unha "política de ataques contra a lingua galega como non se viu en todo o período autonómico". Para evidenciar isto, recordou que só "cerca do 3 por cento" dos centros de educación infantil das sete cidades galegas "recoñeceron impartir con normalidade" o galego.

Asemade, advertiu que, de continuar nesta tendencia, o galego podería ser unha "lingua residual a longo prazo". De tódolos xeitos, subliñou que aínda "non estamos nun punto de non retorno".

LINGUAS NORMALIZADAS

E é que recordou que existen linguas que, sufrindo situacións peores, se normalizaron. Por esta razón, pediu a existencia de políticas que apoien á lingua galega.

Nesta mesma liña, Callón pediulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se "apropie" do galego. Asemade, recordoulle que un gobernante debería ter "cultura xeral" e "respecto" pola cultura galega, en referencia ao erro que cometeu Feijóo o pasado xoves ao confundir a obra de Rosalía de Castro 'Cantares Gallegos con 'Poemas Galegos''.